Facer teatro en Paquistán

© Ajoka

Contra a tardiña, no patio traseiro dunha casa dun barrio da zona nova de Lahore, uns mozos e mozas ensaian unha peza teatral baseada nun relato dun dos grandes autores en lingua urdu, Sadaat Hasan Manto. Trátase dunha visión satírica e amarga da división do subcontinente indio en 1947, que deu lugar á creación dos Estados de India e Paquistán e provocou o maior éxodo humano da época contemporánea. O argumento narra o desconcerto que xera a nova da partición nos enfermos dun manicomio cando as autoridades dos dous países tamén acordan dividir e promover o traslado dos enfermos mentais segundo a súa identidade relixiosa. O texto remite a unha época certamente dourada da literatura paquistaní en urdu, agrupada en torno ao Progressive Writers' Movement (Movemento de Escritores Progresistas), que era pouco conformista e albergaba esperanzas de transformación social no Estado que se acababa de crear.

Ajoka é unha das poucas formacións permanentes de teatro alternativo que existen en Paquistán e unha das máis antigas

O grupo teatral Ajoka (léase aioca, que en lingua punxabi significa Contemporáneo) vai representar de novo varias pezas do ilustre escritor de Lahore co gallo das celebracións do centenario do seu nacemento. Ajoka é unha das poucas formacións permanentes de teatro alternativo que existen en Paquistán e unha das máis antigas pois creouse en 1984 pola actriz e directora Madeeha Gauhar. Hai outras compañías recoñecidas como Tehrik-e-Niswan (Movemento de Mulleres) na cidade de Karachi ou o Punjab Lok Rahs (Teatro Popular do Punxab) de Lahore, por sinalar algunhas, pero a manteñen unha situación máis precaria e permanecen inactivas durante algúns períodos. Dalgún xeito, esta loita pola supervivencia e a continua precariedade que domina o mundo do teatro tamén é un reflexo do panorama cultural en Paquistán, con poucas excepcións.

A maioría dos actores que conforman agora Ajoka son mozos novos e por iso os ensaios son algo esgotadores. Naseem, o coordinador creativo, di que por una banda resulta difícil manter un equipo estable, pois non é posible vivir da actividade, mais por outra banda a compañía inviste moito na formación dos seus actores a través de talleres de teatro e cursos especializados. Incluso nos últimos anos foron quen de mandar a algúns dos seus membros a recoñecida National School of Drama (Escola Nacional de Teatro) en Nova Delhi, na India. A compañía realiza procesos de selección cando o precisa e tamén promove cursos. Naseem sinala que resulta particularmente difícil atopar mulleres, aínda que nos últimos anos aumentou a súa participación. O motivo non é outro que socialmente segue a non estar moi ben visto, mais isto está a mudar.

Comezou a actuar cando en Paquistán gobernaba o ditador Zia ul Haq, responsable das medidas de progresiva islamización do país, do fomento da violencia sectaria entre as diferentes comunidades musulmás e non musulmás

Ajoka comezou a actuar cando en Paquistán gobernaba o ditador Zia ul Haq, responsable das medidas de progresiva islamización do país, do fomento da violencia sectaria entre as diferentes comunidades musulmás e non musulmás que conforman o Estado paquistaní e da promoción do fanatismo relixioso alén das súas fronteiras. De feito, foi esta política a que reduciu os espazos dunha esfera pública certamente máis plural, entre eles a dun limitado, aínda que interesante, panorama artístico. Esta mesma política -apoiada polos Estados Unidos e por algúns Estados do Golfo hai dúas décadas- é a que segue a desgarrar o país hoxe en día. Mentres Ajoka ensaia, unha bomba que estoupa na estación de tren principal da cidade encárgase de lembrar esta herdanza. O atentado acaba coa vida dun policía e dun porteador, causando ademais varias decenas de feridos.

Mentres unha rica cultura popular esmorece, en moitos casos por mor do fanatismo relixioso ou da indiferenza das autoridades competentes, outras formas de expresión contemporáneas non de masas quedan confinadas a unha minoría que vive nas grandes cidades

A situación política e social actual de Paquistán é preocupante e iso tamén se reflexa na súa produción cultural. Mentres unha rica cultura popular esmorece, en moitos casos por mor do fanatismo relixioso ou da indiferenza das autoridades competentes, outras formas de expresión contemporáneas non de masas como o teatro, a literatura ou certo tipo de cine quedan confinadas a unha minoría que vive nas grandes cidades, sobre todo nas grandes urbes de Karachi e Lahore. Entre elas tamén hai que diferenciar a cultura que vai dirixida a unha elite – que normalmente se desenvolve en lingua inglesa– e a que tenta chegar a un público máis amplo mediante o emprego da lingua urdu (lingua estatal e minoritaria, mais que funciona como lingua franca) e as distintas linguas rexionais de Paquistán. 

No caso de Ajoka, este grupo representa as súas obras (en urdu e en punxabi) para unha audiencia moi variada, que inclúe unha minoría urbana educada, traballadores das fábricas, estudantes, etc. Neste sentido cómpre destacar a súa actividade pedagóxica a prol da tolerancia relixiosa, os dereitos da muller e a aposta pola paz nunha das zonas do planeta con máis risco de enfrontamento nuclear.

Aínda que xeralmente o seu traballo sempre tivo unha boa acollida, algunhas das súas obras causaron grande polémica no país. Isto aconteceu con Burqavaganza, unha peza satírica que se estreou inicialmente en 2008 e que narra unha historia de amor no contexto de radicalización do país

Aínda que xeralmente o seu traballo sempre tivo unha boa acollida, algunhas das súas obras causaron grande polémica no país. Isto aconteceu con Burqavaganza, unha peza satírica que se estreou inicialmente en 2008 e que narra unha historia de amor no contexto de radicalización do país, coa prenda que indica a reclusión feminina como metáfora. A representación da obra foi posteriormente restrinxida (unha certa forma de censura) polo Pakistan National Council of the Arts (Consello Nacional das Artes de Paquistán) tras a denuncia da sección de mulleres do partido islámico Jamaat-e-Islami. Sohail, tamén asociado coa compañía, sinala con sorna que o caso  mesmo foi discutido na comisión cultural do Senado da Asamblea Nacional de Islamabad e que incluso un membro do Partido Popular de Paquistán no poder -de tendencia máis liberal ou laica-, “cunha barba moi longa” mostrouse contrario á obra. Con todo, a compañía seguiu a representala en diversos lugares desafiando as restricións.

Ajoka levou as súas obras a diferentes países, entre eles á veciña India, como parte dun intercambio cultural que tenta normalizar as relacións entre ambos Estados de Asia do Sur e poñer fin dunha vez coa guerra fría que segue a dominar o clima político do subcontinente. A pesar de que isto poda resultar estraño a alguén alleo ás dinámicas da política da rexión, ten un valor simbólico moi importante.

A procedencia social dos membros do grupo e variada, algo que tropeza cunha sociedade aínda bastante seguidora das castas, por moito que se afirme que iso forma parte só da tradición hindú e non musulmá, e con certos prexuízos en torno as minorías relixiosas. De feito, na compañía hai varios membros da comunidade cristián e incluso algunhas persoas non alfabetizadas que aprenden os seus textos de memoria.

Nun país cunha tensa situación política e social como Paquistán custa atopar espazos de expresión artística e cultural plurais que non sexan recunchos só para unha elite

Nun país cunha tensa situación política e social como Paquistán custa atopar espazos de expresión artística e cultural plurais que non sexan recunchos só para unha elite. Unha parte do territorio é o escenario dunha guerra sucia que os locais rexeitan e expresan nun claro odio antiamericano. A provincia de Beluchistán tamén está a sufrir por un conflito que se presenta como nacionalista e étnico, mais que se debe a causas económicas e cuestións estratéxicas da rexión. Por se iso fora pouco, o pasado xoves 26 de abril o Tribunal Supremo xulgou culpable ao primeiro ministro por non obedecer a lei e mandar investigar as contas so presidente Alí Zardari en Suíza. Pese a cativa reputación do presidente, o certo é que a condena do primeiro ministro constitúe un capítulo máis das loitas que enfrontan aos principais poderes do país.

Neste dífícil contexto, facer teatro en Paquistán supón unha forma de supervivencia, un desafío e tamén unha mínima esperanza para que as cousas muden

Mentres tanto, a significativa taxa de inflación (en torno a un 13%), a imposición de prezos para algúns produtos básicos por parte de certos grupos económicos dominantes e o déficit enerxético (os continuos cortes eléctricos e o desabastecemento de cru e gas) fan moi difícil a vida daqueles que teñen menos. Neste dífícil contexto, facer teatro en Paquistán supón unha forma de supervivencia, un desafío e tamén unha mínima esperanza para que as cousas muden.

Imaxe dunha das obras de Ajoka Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.