Fernández Mazas en Nós

Arco da Vella. De Cándido Fernandez Mazas. 'Nós', publicado o 1-12-1922 Dominio Público Praza Pública

O Arco da Vella de Cándido Fernández Mazas aparece no número 14 da revista Nós en 1922. A elección de esta obra -unha flor en contacto co Arco da Vella- resulta tan significativa coma simbólica.   

A inclusión de Fernández Mazas ven a representar o desexo de que Nós funcione coma plataforma das novas xeracións de artistas, estilos e estéticas; Nós combina as sensibilidades e entendemento de ilustradores, persoas adicadas ao estudo das artes, fotógrafos e pintores. A revista nútrese da colaboración de creadores moi distintos, así coma da inclusión de artigos, revistas, publicacións e apuntamentos sobre artistas e exposicións galegas e europeas. De este xeito a revista reflexa a integración de diferentes mentalidades arredor das artes.

Un exemplo delo son as referencias que durante anos aparecen na revista. Nela aparecen citadas entre outras novas “La Douce France. Louis Chadel. Pintor  xaponizante” (Nº 5. 24 de San Xoán de 1921), “Exposición Imeldo Corral n-Ourense” (Nº 15. 1 de Xaneiro de 1923), “O pintor Fernández Mazas” (Nº 22. 15 de Outono de 1925), “Exposición d´arte galega en Santiago” (Nº 28. 15 de Abril de 1926), “L´amic de les arts” (Nº 40. 15 de Abril de 1927), “A esposición d´arte georgian en Berlín” (Nº 83. 15 de Novembro de 1930), “L´Art Portugais de l´époque des grandes découverts au XX siècle (París 1931). Reseña dunha grande exposición d´arte portugués” (Nº 114. 15 de Xuño de 1933), “Eisposición Colmeiro. Asociación de Artistas-A Cruña” (Nº 130. Outubro de 1934), “A arte popular flamenga e o Museo d´Antuerpia (Amberes)” (Nº 133. Xaneiro de 1935) e a “Presencia de Galicia nos vieiros da Arte nova” (Nº 135. 15 de Marzal de 1935). Algunhas delas son artigos e outras, atópanse na rica sección Os homes, os feitos, as verbas.

A inclusión de Fernández Mazas ven a representar o desexo de que Nós funcione coma plataforma das novas xeracións de artistas, estilos e estéticas

Este enfoque ambicioso resulta a fusión de múltiples perspectivas. Na nova era que comeza nos anos 20, a imaxe e a identidade toman unha importancia e dinamismo cada vez maior. Nós dá réplica a este ritmo e relevancia rexeitando os lugares comúns das revistas usuais e dándolle a man ao intelecto, a emoción e liberdade de credos artísticos diversos.

Debido a elo Nós é unha confluencia de artistas cun estilo propio. Dende 1920 ata 1935 aparecen ilustracións de Luís Huici, Xulio Preto, Álvaro Cebreiro, Amancio Xaime Prada Losada, Luís Seoane, Antón Álvarez Couto, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Bernardino Vidante Rivas, Carlos Maside, Manuel Castro Gil, Camilo Díaz Baliño e Manuel Colmeiro. Cándido Fernández Mazas ten 20 anos cando aparece na revista. (En moitos aspectos Nós é un youthquake). A creatividade deste artista atrae o director da publicación, Vicente Risco, chegando a ter na súa colección entre outros cadros os seus retratos executados por Mazas, así como o Retrato de Robert Delaunay e o ultra-sofisticado Nu, obras expostas na Fundación Vicente Risco.

A ilustración do Arco destaca o adicarlle unha páxina exclusivamente para ela. A súas cores vivas fana destacar sobre a discreta cor da folla. Aparece sinalado ao seu pé “Arco da Vella, por Fernández Mazas”. En efecto, o elemento mais destacado da composición é o Arco da Vella, que o entrar en contacto cunha flor, as súas cores pasan os pétalos destacando sobre o ceo negro. O seu estilo é sobrio, definido e potente nas formas. A composición da obra é un eixe vertical integrado nun dobre arco, contraposto o trapecio e o triángulo da parte inferior. Desaparecen os efectos atmosféricos, de perspectiva e luz para empregar cores planas, que reforzan o volume das formas xeométricas.

A inclusión desta obra contribúe o atractivo de Nós para o cal tense ollo e un meticuloso detalle, sobre todo no seu amplo abano cromático. (Láminas coma as de Fernández Mazas saen en cor, igual que a cuberta. Os motivos gráficos tamén as veces imprímense na mesma tonalidade seleccionada para a portada)1. Nela Fernández Mazas plasma os riscos esenciais dun fenómeno natural para transformalo nunha imaxe radicalmente moderna. E en Nós forma parte da construción, a través xenio artístico, dun novo tempo movido polo humanismo romántico, querendo transmitir ao público unha nova perspectiva sobre a percepción do mundo e do espírito humano. O Arco da Vella funciona de este xeito coma inspiración a diferentes niveis para aquelas persoas que len a revista, debido o seu alcance e forza construtiva.

 

Notas

En Nós forma parte da construción, a través xenio artístico, dun novo tempo movido polo humanismo romántico, querendo transmitir ao público unha nova perspectiva sobre a percepción do mundo e do espírito humano

1- Todas as portadas de Nós son realizadas por Castelao; as cubertas dende o número 1 en 1920 eran sinxelas, cambiando a partir do número 10 en 1922. É neste número cando aparece a portada simbólica, xunto o emprego dunha paleta de cores que abrangue verde pistacho, pexego, rosa forte ou lavanda. Esta portada volve a trocar no número 32 en 1926; modifícase a tipografía, engádense os marxes en branco e o seu poderoso simbolismo toma maior magnitude: nela aparece o amencer dun novo día, iluminando un dolmen no cumio dunha montaña. (Díaz Baliño tamén plasmara esta imaxe, pero nunha paisaxe nocturna no seu tríptico Os fillos de Brigantia tras fera loita conqueriron o Sant Grial (1925, Museo Galego da Arte Contemporánea Carlos Maside (Sada) e nas capas de Lar entre 1924 e 1926).

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.