Fernando Casás: O de agora foi e o denantes será

Obra de Fernando Casás © Olga Brañas

Até o 10 de febreiro de 2013 poderemos saborear a exposición recén inaugurada no CGAC de Fernando Casás, “O de agora xa foi e o denantes será”, unha retrospectiva que percorre a vida do autor da man das súas obras, claras testemuñas dela. Fernando Casás naceu en Galicia, viviu logo 40 anos en Brasil e logo voltou á súa terra natal, Gondomar. As súas obras mostran compoñentes de ambos lugares, creando un resultado cunha mestura moi curiosa.

A quen lle guste só ver o efecto estético do material exposto disfrutará moito, pois crea xogos visuais moi interesantes. E aos que nos gusta máis coñecer a parte conceptual, a idea que é o motor do seu facer, deberemos antes informarnos da traxectoria e constantes de Fernando se queremos entendelo. A madeira xoga un papel primordial, e sobre todo como os materiais se modifican co paso do tempo de xeito natural (erosión, insectos, fosilización, etc.). De feito, no apartado dos insectos, é curioso saber como troca o pincel e demais instrumental artístico tradicional polos botes de térmites para modelar as súas esculturas: cando o artista as soltou sobre a madeira e elas comían, mal sabían que logo aquelo sería exposto sen levar ningunha comisión.

Nas ideas do autor o fundamental é o diálogo coa natureza, o movemento dentro desta e a actitude de denuncia que amosa: contra a colonización e avasallamento de culturas (ver a obra “1492”), contra a afección que temos os seres humanos de servirnos da natureza para logo destruíla, etc. Tamén poderemos ver obras pertencentes a subtemáticas determinadas como o cosmos. Recomendo a exposición e destaco as obras “Granito e pan de ouro” e as dúas fosforescentes que atoparemos nas salas oscuras.

Obra de Fernando Casás © Olga Brañas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.