Fontdevila: "Están blindados ante os xuíces, como non o van estar ante un chiste?"

Fontdevila (esquerda), en 2007 na Audiencia Nacional CC-BY-SA El Diario

O debuxante Manel Fontdevila deixou El Jueves despois de que a dirección censurase a portada cunha das súas viñetas sobre a abdicación do rei e destruíse 60.000 exemplares que xa foran impresos. Xunto a el, polo menos oito colaboradores tomaron a mesma decisión, o que deixa ao próximo número con 15 páxinas sen cubrir. "Foi todo complicadísimo", comenta. Non cre que El Jueves vaia a rectificar e non atribúe o cambio a unha censura externa, senón á decisión da empresa que define "como se vai a rexer agora a relación laboral".

Como se decatou de que a portada que debuxara non ía aparecer nos quioscos?

Tiven unha semana complicada porque estiven en Bilbao nunhas charlas sobre fútbol e literatura. O martes vin que a portada fora retirada da web pero pensei que era algún problema técnico ou un fallo de programación. Non lle dei máis importancia. O mércores chamoume Albert Monteys e díxome o que había. Caéuseme o mundo ao chan e pensei "que facemos agora?". Conforme coñecemos a historia durante a semana, fomos tomando decisións sobre a marcha. Foi todo complicadísimo.

A que cre que responde a decisión dEl Jueves?
A que agora mesmo o dono é RBA e, por tanto, se o dono decide isto, non hai que facer moitas máis preguntas: retírase e andando, para iso son os donos. Non sei se é tanto un caso de censura como que o dono define como se vai a rexer agora a relación laboral coa empresa. Isto ou o aceptas e quedas, ou non o aceptas e marchas

Pediu vostede algún tipo de explicación á dirección da revista ou a RBA?

"Cando os accionistas venden a revista, un dos tratos era que se respectase a independencia"

Nunca falei con RBA, pero coñézoos. A relación íase deteriorando e non me interesaba tampouco. Marcho porque sinceramente penso que, tal e como RBA estaba a planear El Jueves, o futuro era descorazonador. Eu non digo que pechase pronto pero estaba entrometéndose moito na idea da revista. Cando os accionistas venden a revista, un dos tratos era que se respectase a independencia e, desde o punto en que non se respecta -digamos que El Jueves é un equilibrio moi delicado entre o que dis, o lector e o que ti cres no que non entran criterios comerciais nin criterios de mercadotecnia- estábaseme facendo moi costa arriba. Até agora era asumible, pero chegamos até o punto de dicir isto xa non.

RBA deu algunha orde de non facer chistes sobre a monarquía?
Non. Se é que, ademais, non entendo a decisión. No interior da revista din que poñamos o que queiramos, é simplemente na portada. Silencian a foto no quiosco, aínda que por dentro digas as barbaridades que queiras. É máis incomprensible aínda. Ademais, non se que gana ou que perde. Fíxolle moitísimo dano á revista, aínda que igual é ese o obxectivo.

Casa Real nega realizar chamada algunha, nin presión de ningún tipo.

Créoo. Por que tería que facelo? Que gana e que perde a Casa Real? Se, ao cabo, é un chiste. Velos pola tele e dáste conta de que están blindados ante os xuíces e ante todo. Como non van estar blindados ante un chiste? É absurdo. 

RBA entrou no accionariado da empresa que edita El Jueves en 2006. Un ano despois, a Casa Real premeu para que a Xustiza secuestrase unha edición da revista na que os príncipes aparecían na portada. Apoiounos daquela RBA?

A outra portada apoiárona completamente. Ademais, gañaron moitísimo diñeiro e dixéronnos que se queriamos facer una cada semana, que adiante, pero entón era outra a relación.

Que cambiou desde entón?

"A relación de RBA coa política entón era outra. Eu creo que hai algo que saberemos algún día"

RBA non tiña ese edificio de 17 plantas no Fórum de Barcelona e non daba charlas con todos os políticos de Barcelona pasando polo soto. A relación de RBA coa política entón era outra. Eu creo que hai algo que saberemos algún día. Estou divagando porque eu levo dous días pensando nisto: que gañan facendo isto? E non o sei. Estou seguro de que non teñen ningunha intención de rectificar. É máis, interésalles un pito. Veremos que pasa. Coa portada de 2007, recibimos miles de teorías e non sabemos de onde partiu todo, que interese había... E con isto probablemente pase o mesmo, pero é unha decisión de empresa e o que podemos facer é non participar desta empresa e é o que fixemos.

Hai oito persoas que anunciaron a súa decisión de abandonar a revista. Estamos ante o final de El Jueves tal e como o coñecemos?

Tal e como o coñecemos, seguro, porque oito debuxantes distintos dunha semana a outra non pasara nunca. Pero quen sabe. A xente que coñezo de El Jueves é xente á que quero e farán unha boa revista no interior.

Que mensaxe dirixe aos compañeiros que decidiron quedar?

"Eu teño un problema: en 2007 secuestraron a revista e eu recibín un gran apoio. Agora baixar os pantalóns con isto paréceme unha falta de respecto"

Ningún. Forza e a traballar o mellor que se poida. E que comprarei a revista tamén. Eu teño un problema: en 2007 secuestraron a revista e eu recibín un gran apoio. Agora baixar os pantalóns con isto paréceme unha falta de respecto con quen me apoiaron entón e co que eu dixen entón que pensaba do que foi o secuestro desa portada. O que o editor fixo é o mesmo: retirar a portada e secuestrala. Eticamente creo que non podo estar aí e rirlle a graza.

Tanto agora como no seu cadriño de despedida fai vostede dúas referencias ao editor de El Jueves como responsable do que está a suceder.

É que é o responsable. Nunha empresa a xente fai o que poida. O meu foi pura inconsciencia dicir "déixoo!". É unha cousa que fas no momento e que creo que hai que facer, pero tampouco creas que teño 100% claro que me vai a saír ben. Igual me poño a vender seguros dentro dun intre. Veremos por onde sae o asunto. Á xente que queda, enténdoa. Temos que vivir de algo todos. Ademais, limita unha cousa que igual é asumible para moitas persoas: nas portadas pomos o que sexa e dentro seguimos como sempre. Pero eu que xa tiven unha experiencia coa portada non podo agora facelo doutra forma.

Cal cre que debería ser a decisión do editor?

"Que non me veña con que un chiste 'La Vanguardia' pódeo publicar e 'El Jueves', non"

O normal sería non dicir nada. É que, ademais, estamos a falar dunha portada que fixemos rapidamente e saíu un chiste parecido en El Periódico, outro en La Vanguardia e outro do estilo no Time. Que non me veña con que un chiste La Vanguardia pódeo publicar e El Jueves, non. Estamos tolos ou que? Paréceme unha barbaridade.

Cre que Felipe VI ten peor sentido do humor que o seu pai?

Non coñezo a ningún dos dous. Non parecen o tipo de persoas de rirse. Tradicionalmente dise que o rei é unha persoa campechana, pero nas fotos non o aparenta. Co príncipe Felipe xa tiven un tropezón e empezou antes de ser rei. Xa tiven dous premios Príncipe de Asturias. Entón non teño moita confianza no futuro. E, aínda que estou seguro de que non ten nada que ver o tipo con isto, non o fai mellor en absoluto. Penso que a monarquía é unha institución a abolir. Ten pinta de que el está moi ben e no fondo sáelle mellor ignorarnos.

Cadriño de despedida de Manel Fontdevila © Manel Fontdevila
Portada publicada e a que foi retirada (dereita) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.