Nova dereita, afectos, confianza, inimigo, malestar social, medo ou nova politización son apenas algúns dos tags que entrelazan e unen diferentes entrevistas xurdidas no desaparecido xornal Público e recompiladas no volume Fuera de lugar: Conversaciones entre crisis y transformación de Amador Fernández-Savater, que a editora Acuarela & A. Machado puxo en circulación este ano.
O entrevistador revela a súa intención de comprender a realidade nun momento en que “o que criamos sólido e garantido se desintegra. Chamámolo de crise, mais esa palabra non chega. É unha mudanza na totalidade das regras do xogo”
Nun prólogo fundamental, o entrevistador revela a súa intención de comprender a realidade nun momento en que “o que criamos sólido e garantido se desintegra. Chamámolo de crise, mais esa palabra non chega. É unha mudanza na totalidade das regras do xogo”. Para saírmos da desorientación nunha altura de cambio e entendermos as transformacións sociais como un elemento de superación das ríxidas fronteiras establecidas polos mapas desorientadores da vella política, Amador ofrécenos un percurso “sen partido, organización nin dogma” pensando a vida desde as novas subxectividades creadas nun mundo que se esborralla.
Os movementos da nova dereita son analizados con profundidade en varias das entrevistas. Etienne Balibar advírtenos da bancarrota da esquerda e da perda de representación propia nas loitas sociais, o que xera un caldo de cultivo para os novos planexamentos autoritarios dos neocons. A súa capacidade de arranxar movementos amplos e a súa permeabilidade dentro dos sectores máis desfavorecidos dos EUA destacan como unha advertencia nas palabras de Thomas Frank. Focado no Estado español está o minucioso tema do 11M: a creación dun relato diferente da vítima, como parte para afrontar a dor e a loita contra a manipulación, atravesa a entrevista a Cristina Sánchez Carretero. A quebra dos consensos do réxime borbónico trouxo consigo a desintegración do que algúns autores denominaron Cultura da Transición, e que era un modo de creación que integrou as esquerdas rupturistas do Estado para que deixasen de ser un problema. Salienta tamén a entrevista, inédita até a aparición deste libro, do militante ecoloxista tristemente finado Ramón Fernández Durán, unha das poucas persoas que prognosticou a catástrofe da economía do ladrillo e que anticipou as consecuencias nefastas dunha crise cada vez máis brutal, un referente a ter en conta para o pensamento crítico e para o ecoloxismo. Tamén a forma de introducir elementos situacionistas á práctica da contracultura, da man de Luis Navarro.
As entrevistas divídense en varias seccións. En Catástrofes encontramos que “hai dano e destrución no mundo, mais o afundimento desvela tamén horizontes que antes non estaban á vista” e na cal aparecen Franco Berardi (Bifo), Peter Pál Pelbart, Etienne Balibar, Thomas Frank, Franco Ingrassia, Ramón Fernández Durán e Jesús Palacios. En Feitizos, o autor móstranos como se crean lóxicas de vitimización que bloquean a nosa capacidade transformadora, sendo entrevistados Guillem Martínez, Emmànuel Lizcano, Federic Neyrat, Guillermo Rendueles, María Naredo, Santiago López Petit e Concha Fernández Martorell. En Transbordamentos topamos con formas comúns de tratarmos os temas que nos afectan a todos, con Cristina Sánchez Carretero, Antonio Lafuente, Amparo Lasén, Michel Bauwens, Margarita Padilla e Luis Navarro. En Ficcións encontramos relatos que quebran estereotipos, con Georges Didi-Huberman, Jaques Ranciére, Leónidas Martín Saura, Reinaldo Laddaga e Wu Ming. Finalmente a caixa de sastre de Encaixes, con Jo Berry e Pat Magee, Juán Gutiérrez, Aaron Barnea, Ali Abu Awwad e Terry Rockefeller.
Máis que respostas este libro é un compendio de cuestións abertas, algunhas máis pertinentes do que outras, que crean un mosaico de necesidades que se sitúan fóra da política tal e como a coñecemos
Unha achega colectiva que fai cavilar nas chaves da esquerda en movemento alén da política, introducindo a necesidade de comprendermos as subxectividades e de facermos das nosas vidas, do cotián que acontece nelas, un verdadeiro campo de batalla en que asumirmos compromisos e loitar contra a crise. Máis que respostas este libro é un compendio de cuestións abertas, algunhas máis pertinentes do que outras, que crean un mosaico de necesidades que se sitúan fóra da política tal e como a coñecemos.