Na maioría dos casos, seis minutos non valen para contar as esencias nin dunha obra de teatro e de case ningunha outra cousa. E, moito menos, unha sesión de pitching -o formato de presentacións de novos espectáculos escollida por Galicia Escena Pro un ano máis para dar a coñecer os espectáculos que están por chegar aos escenarios- serve para radiografar o futuro inmediato da produción no seo do sector. Non obstante, a feira das artes escénicas organizada cada ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dedica parte da súa derradeira xornada a que dez compañías intenten expoñer -con maior ou menor éxito- os seus novos proxectos escénicos ante o conxunto do gremio e os programadores. E malia que a retrato do futuro non é nin moito menos exacto, o pitching de Galicia Escena Pro serve para contar cunha aproximación do que percorrerá as redes de distribución no vindeiro semestre. Durante a sesión deste ano, conducida novamente polo xornalista e crítico Camilo Franco, abondaron as propostas nas que a violencia de xénero, a igualdade e o cariz social funcionan, ou ben de cerna ou ben de pano de fondo.
Galicia Escena Pro dedica parte da súa derradeira xornada a que dez compañías intenten expoñer os seus novos proxectos escénicos
Nesa liña de afrontar aos diferentes tipos de violencia que aniñan na sociedade, a actriz Iria Pinheiro presentou o seu proxecto Anatomía dunha serea. Trátase dunha montaxe de teatro documento, onde a intérprete debullará unha dura experiencia persoal. Este proxecto nace ao abeiro da Berberecheira, laboratorio escénico posto en marcha polo grupo Chévere para producir espectáculos de artistas e creadores que, malia non formar parte do núcleo estable da compañía, si teñen unha relación próxima coa súa liña de traballo. Desta plataforma saíron xa obras como Goldi libre, na que o actor César Goldi contaba a súa experiencia como insubmiso na España de Felipe González, o Salvador, montaxe de Borja Fernández na que o intérprete tenta percorrer o periplo do seu avó, emigrante galego que un día marchou a América e nunca máis quixo contactar coa familia que deixou atrás.
Iria Pinheiro falando de 'Anatomía dunha serea' / © Miramemira / Agadic
Seguindo ese ronsel, Iria Pinheiro afondará en Anatomía dunha serea na súa propia experiencia para denunciar a violencia obstétrica, que a propia actriz definiu como a “patoloxización do embarazo e do parto” e “o maltrato que sofren as mulleres nas institucións médicas”. Para denunciar esta realidade, contará a súa propia historia, unha historia que comezou o pasado 5 de maio de 2016, día en que rompeu augas e principiou un periplo médico que a deixou con secuelas, dificultades de mobilidade ou a imposibilidade de conducir.
Marelas Teatro
Dende outro punto de vista, a obra Liberto, de Marelas Teatro, abordará, entre outras moitas claves, a maternidade dende unha vertente de desmitificación. Ese será un dos acordes desta peza que reúne en escena, baixo a dirección de Víctor Duplá, as actrices Tamara Canosa e María Vázquez e a poeta Lucía Aldao. A peza trata sobre o momento no que nace Liberto, feito que frea en seco a vida de Ada. Dende unha sala de espera, esta muller vivirá a experiencia máis determinante da súa vida. Liberto, cuxo texto pertence Gemma Brió, adiántase como “un canto á vida dende a primeira persoa”, interpelando directamente ao público, “unha reivindicación do imperfecto e do humano” onde a sororidade, a resilencia, o amor e o apoderamento serán pezas fundamentais.
Pola súa banda, Inversa Teatro presentou Sofía e as postsocráticas, unha proposta que se move nas claves da compañía, achegándose á filosofía, para analizar as claves actuais da sociedade. Nesta ocasión, a formación presentará unha obra que versará “sobre a violencia machista dende a perspectiva social” a través dun Sócrates, un Platón e un Arístoteles encarnados por mulleres (Silvia Penas, Marta Pérez e María Roja). A actuación das tres intérpretes complementarase coa presenza de marionetas de escala real e unha escenografía con grande importancia na montaxe. Deste xeito, a obra -segundo a propia Marta Pérez- buscará ofrecer “un novo logos á actualidade”, poñendo en riba da mesa cuestións ao respecto da violencia de xénero como é a culpabilización da vítima, a división entre a esfera pública e privada, a obriga de defenderse da vítima cando realiza unha denuncia ou a dicotomía entre o “eu créote/eu non te creo”. En definitiva, Marta Pérez definiu a obra coma “un ensaio da violencia” que non procura falar das vítimas, senón do xeito en que a sociedade “sustenta a violencia de xénero”.
Inversa Teatro presentou 'Sofía e as postsocráticas', que versará “sobre a violencia machista dende a perspectiva social”
Teatro del Andamio tamén se achegará a violencia que se xera no ámbito familiar, esa que ten como o epicentro do conflito a intimidade da parella. Esa é a esencia de Insubmisión, cuxo texto conta a historia partindo de dúas premisas. A primeira é que a violencia non aparece explicitamente no texto. Trátase dunha violencia suxerida, subxacente, oculta. A segunda é que non só se articula sobre a dor, senón tamén sobre a esperanza presentando unha rebelión ante os fíos que atan a unha vida desfeita.
Señora supina, compañía formada en 2017 por graduados da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) presentaron Cinco mulleres que comen tortilla, montaxe dirixida por Javier Lojo que aposta por visibilizar a diversidade sexual. Segundo presentou a compañía, a obra é “unha comedia que se desenvolve nunha vila da América profunda de 1956”. Un lugar que se prepara para un concurso de tortilla; pero que en plena Guerra Fría sofre un ataque nuclear. Só sobreviven cinco mulleres que participan nese concurso cunha constante común: as cinco son lesbianas que acaban por rompero co silencio que as arrodeou no ventre escuro dun búnker.
Méndez Ferrín e o circo
Unha das apostas máis singulares do pitching é Arnoia, Arnoia: o Circo da Casa pequena, unha proposta escénica que aglutinará a Quico Cadaval, a Méndez Ferrín e PistaCatro. En coprodución co Centro Dramático Galego, Pista Catro -compañía de referencia no novo circo en Galicia- convida a Cadaval para adaptar a obra hómnima de Ferrín. Trátase dun proxecto que hibrida o circo e o teatro, ampliando horizontes dos artistas cos que colaboran habitualmente a produtora circense.
Cadaval falando de 'Arnoia, Arnoia' / © Miramemira / Agadic
Pola hibridación tamén apostará o artista Alfredo Muíño, quen presentou a súa futura Involución como unha proposta que nace da “necesidade persoal de compartir unha inquedanza non só persoal, senón colectiva: cara ao onde imos?”. Partindo desa premisa, Muíño dividirá o seu espectáculo -completamente xestual e sen palabra ningunha- en cinco parte coas que intentará reflectir a evolución humana. Para abordar cada un destes capítulos, Alfredo Muíño recorrerá á danza, á acrobacia, á manipulación de obxectos e outras técnicas escénicas para mesturar a danza e o circo.
'Alma (non é hippie)' será o primeiro espectáculo de danza vertical de Galicia
A fusión de xéneros e o desborde dos límites tamén impregnará outro dos proxectos presentados no pitching de Galicia Escena Pro: Alma (non é hippie). Este será o primeiro espectáculo de danza vertical de Galicia, unha produción do Colectivo Verticalia, que reúne o talento da compañía Duelirium (dedicada ao circo) e TrasPediante (centrada na danza) co apoio de PistaCatro. O seu elenco está formado polas aerolistas e bailarinas Marta Alonso, Raquel Oitavén, Paula Quintas e Merxe Solé, baixo a dirección de Rolando Sanmartín.
A danza tamén será a protagonista de In Between, montaxe de xénero contemporáneo que reunirá no escenario a Nuria Sotelo, Rosabel Huguet e Mikel Arístegui. Na peza, formularase a cuestión da definición binaria no corpo do bailarín/bailarina. Unha reflexión sobre a disciplina da compañía Mikel Arístegui, coreógrafo e director con máis de trinta anos de experiencia e corenta espectáculos ás súas costas que recentemente se instalou en Allariz, onde tamén está a vivir na actualidade Nuria Sotelo. O seu encontro é o punto de partida para este espectáculo no que se une a experiencia fóra de Galicia de Arístegui coa traxectoria de Sotelo, un dos grandes nomes da nosa danza contemporánea.
Camilo Franco conducindo o 'pitching' / © Mirameira / Agadic
Fantoches Baj e os monicreques
A decena de espectáculos presentados no pitching de Galicia Escena Pro pechouse cun único espectáculo de monicreques: Auga que non vas beber, montaxe que asina Fantoches Baj e que foi galardoado no ano 2009 co Premio Barriga Verde de texto para teatros de monicreques para adultos. Inácio, autor da peza, encargouse de presentar a obra, que se concibe como un recital satírico para monicreques, onde se mesturan diversas cantigas populares entre outros cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral.