A quinta edición do Galicia Escena Pro, a marca que inventou a Agadic fai xa un lustro para substituír a anterior Feira das Artes Escénicas, celebrouse esta semana en Compostela coa participación de 17 compañías que exhibiron os seus espectáculos máis recentes -todos eles estreados xa ao longo da temporada- e outras dez que aproveitaron a ocasión para presentar os seus vindeiros proxectos. Deste xeito, Galicia Escena Pro serve -ademais de poñer en contacto os programadores co sector escénico- para facerse unha idea xeral do teatro que esta a xirar e que vai xirar por Galicia nos vindeiros meses.
Como novidade nesta edición, a organización de Galicia Escena Pro preferiu eliminar os showcase, as sesións nas que as compañías podían amosar fragmentos da súa futura produción, e decantouse por reservar os proxectos en marcha á sesión de pitching, que malia a sonoridade do anglicismo, o conto non deixa de ser a presentación de toda a vida, cos seus discursos, as súas imaxes, os seus vídeos e os power point. Iso si, todo concentrado en tan só seis minutos nos que as compañías, con maior ou menos habelencia, han defender os seus proxectos coa intención de que, chegado o momento, os programadores dos auditorios de Galicia se lembren das súas propostas e acaben por contratalas.
Das dez compañías participantes desta sesión, presentada polo xornalista e crítico Camilo Franco, Contraproducións será a primeira en estrear a súa nova montaxe: Nacidas libres. A súa estrea producirase o vindeiro 30 de xuño no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que coproducirá a montaxe desta compañía encabezada por Belén Pichel, presidenta de Escena Galega.
Susana Dans, Casilda Alfaro, Rocío González e Mónica Camaño volverán poñerse ás ordes de Cristina Domínguez para erguer un texto asinado por Cándido Pazó
A montaxe repetirá a fórmula de As do peixe, ao contar co mesmo elenco, a mesma directora e o mesmo autor da obra. Deste xeito, Susana Dans, Casilda Alfaro, Rocío González e Mónica Camaño volverán poñerse ás ordes de Cristina Domínguez para erguer un texto asinado por Cándido Pazó. “Se en As do peixe, traballamos un teatro documento-memoria, nesta ocasión centrarémonos nun teatro documento-reflexión”, resumiu Pazó sobre un texto que xira ao redor dun grupo de actrices que ao entrar na madurez viven en carne propia as dificultades que atopan as intérpretes no mundo laboral ao chegar a unha determinada idade. Para sortear a situación, as actrices deciden crear a súa propia montaxe a partir dunha noticia dos xornais: a liberación de varias monxas de clausura no Convento das Mercedarias de Santiago de Compostela. Deste xeito, Pazó traballará unha vez máis “o teatro dentro do teatro” e afondará na situación laboral das mulleres no sector.
Mais esta non será a única montaxe que dará Contraproducións neste 2017, xa que como adiantou Belén Pichel a compañía está a preparar unha nova coprodución co FIOT de Carballo, repetindo así a fórmula de O tolleito de Inishmaan. Esa nova peza xirará ao redor de Eduardo Pondal e contará no elenco con César Cambeiro. Ademais, Contraproducións colaborará coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago na produción dunha ópera de pequeno formato.
Pola súa banda, A Panadaría presentou Elisa e Marcela, que será a súa terceira montaxe tras a lembrada Pan! Pan!, Premio da Crítica en 2015, e Panamericana. A compañía, encabezada por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, realizarán a primeira aproximación teatral á historia de Elisa e Marcela, que en 1901 casaron polo rito católico na Igrexa de San Xurxo da Coruña, converténdose así en pioneiras do matrimonio homosexual. “Esta é unha historia galega real de dúas figuras transgresoras que, coa súa valentía, se converteron en referencia internacional”, sinalou Bolado antes de lembrar que A Panadaría seguirá coa súa liña de traballo e repetirán cun equipo integramente formado por mulleres. Deste xeito, nesta coprodución do Centro Dramático Galego implicaranse Esther Carrodeguas na dramaturxia ou Gena Bamonde na dirección.
Ibuprofeno Teatro, compañía de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, presentou Casa O’Rei, montaxe que se estreará en marzo de 2018 e que o seu director define como “un xogo dramatúrxico” a partir do texto shakespiriano de O Rei Lear. Na obra, trasládase o drama a “unha típica casa de xantar galega” na que o dono do negocio, vello e enfermo, decide repartir entre as súas fillas o restaurante. A obra contará con Miguel Borines, Marián Bañobre, Xosé Manuel Esperante, Victoria Teijeiro, Víctor Mosqueira e Teté García como intérpretes. O groso do elenco xa participara nunha primeira achega escénica a este texto de Cortegoso a finais do ano pasado, dentro do programa de Lectura Dramatizadas, organizado pola Fundación SGAE en colaboración coa AAAG. Con esta futura peza, Ibuprofeno pechará a súa triloxía gastronómica, que tamén inclúe a Raclette e O furancho.
A obra, que se estreará no marco do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), fará que Mofa e Befa “se sometan a un duro exercicio espiritual poñendo en cuestión a súa propia filosofía escénica: o perralleirismo”
Producións Teatráis Excéntricas volverá reunir en escena a Mofa & Befa na montaxe Cranios Privilexiados (Ou a crítica da Razón Perralleira), unha montaxe na que Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo contarán con textos de Quico Cadaval, Manolo Cortés, Pepe Sendón e Carlos Santiago, que tamén se encargará da dirección. A obra, que se estreará no marco do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), fará que Mofa e Befa “se sometan a un duro exercicio espiritual poñendo en cuestión a súa propia filosofía escénica: o perralleirismo”, unha filosofía baseada no principio de que “todo problema ten solución e, se non a ten, non queda outra que invental”.
Público familiar
Na sesión de pitching de Galicia Escena Pro, tamén se presentaron dous proxectos destinados ao público familiar. O primeiro deles foi Aguaratrat!, da compañía Pérez&Fernández, fundada o ano pasado por Victoria Pérez e Manu Fernández tras a creación do seu primeiro espectáculo: O poder de Amabel, baseado no libro de Erika Esmorís. Na súa nova montaxe, a compañía fará unha adaptación do libro Esio Trot, de Roald Dalh, autor fundamental da literatura infantoxuvenil universal. A peza xirará ao redor dunha fermosa historia de amor e aventuras protagonizadas por dúas persoas maiores, o señor Hoppy e a señora Silver. A terceira protagonista será unha tartaruga, personaxe clave que dá título á peza.
A segunda obra presentada destinada para público infantil chegou da man de Fantoches Baj, que estreará próximamente unha montaxe de monicreques co texto Os golfiños e o xigante, obra de Inacio Vilariño premiada co Barriga Verde para público infantil. O texto xira ao redor da historia de Bao Si Shun, considerado o home máis alto do mundo polo Libro Guiness. Este home conseguiu a fama non só pola súa altura, senón por unha fazaña curiosa na que, grazas o seu longuísimo brazo, foi quen de extraer dúas boias de piscina do esófago dos golfiños, salvándoos así da morte. A partir desta historia, Fantoches Baj crea unha fábula para Monicreques.
A partir do texto Marcha Fúnebre para un Monicreque, de Roi Vidal Ponte, que gañou o Barriga Verde para adultos, a compañía de Kukas e Isabel Rey producirán Requiem por un monicreque
O outro espectáculo de monicreques da sesión presentouno Kukas, aínda que nesta ocasión a peza estará destinada ao público adulto. A partir do texto Marcha Fúnebre para un Monicreque, de Roi Vidal Ponte, que gañou o Barriga Verde para adultos, a compañía de Kukas e Isabel Rey producirán Requiem por un monicreque, obra que homenaxea os oficios técnicos das artes escénicas. Kukas, ademais, aproveitou a ocasión para lembrar a futura creación da Casa do Monicreque en Santiago.
Kokoharuka presentou o seu proxecto, Este es de aire el otro de agua, unha creación que, tal e como explica Masako Hattoroi, é unha mestura entre o teatro-danza e a performance, que se centra nunha reflexión sobre o noso corpo de hoxe e a transformación que se está a producir na actualidade: de homo sapiens a Homo dixital. E con moito que ver con esa transformación, ArtesaCía, compañía creada en 2009, anunciou a súa vindeira montaxe: Chola; A It Girl. A peza tratará sobre unha blogueira rural creada pola propia compañía e que conta coa súa propia webserie e a súa liña de camisetas Chola&Lola. Deste xeito, ArtesaCía mestura a escena coas linguaxes que están a xurdir na rede. Por último, na sesión de pitching tamén participou Nelson Quinteiro Producións, compañía que aproveitou os seus minutos para presentar o seu traballo no burlesque e en diferentes espectáculos e festivais ao longo da súa traxectoria.