Mulleres rebeldes protagonizan as novelas de María Reimóndez. E En vías de extinción, a súa última obra, non é unha excepción. Gaia, unha moza galega, feminista e nacionalista, con orixes no rural e cunha forte personalidade inicia unha relación cunha cantante famosa. A prensa perturba a súa rutina, mais ela procura o xeito non só de preservar a súa privacidade, senón de facer chegar á sociedade o seu pensamento contrahexemónico. Cunha estrutura se cadra un pouco máis complexa que a dos libros anteriores da autora, En vías de extinción vainos conducindo pola historia de Gaia, que é en si mesma un convite a superar os lindes estreitos nos que moitas veces queren enmarcarnos. Falamos con María desta novela e tamén da súa intervención no último congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, arredor do lesbianismo na literatura.
A protagonista de En vías de extinción, Gaia-Mariña, podería ser a autora do teu poemario Moda galega: a mesma crítica do culto ao corpo, do consumismo... Non será ela?
(Ri). Pois non fixera esa conexión, pero é certo que os dous libros nacen de inquedanzas semellantes.
En vías de extinción trata moitos temas. Se cadra o principal é o lixo que temos na cabeza e a posibilidade de limpalo, de rebelarnos contra os patróns de comportamento establecidos. O mesmo que fan as protagonistas de Pirata, ou as de O Club da Calceta. É así?
Cada libro é diferente na materialización da temática, pero si existe esa conexión. O personaxe de Gaia móstranos como as persoas que se sitúan nas marxes das estruturas hexemónicas teñen máis recursos para articular un contradiscurso con potencialidade de facerse realidade. Ser rara é o que lle permite a Gaia subverter o marco que nos queren impoñer. É o que di a teoría poscolonial: desde as marxes podes ter unha visión máis ampla.
Creo que foi en O caderno de bitácora, a túa primeira novela, onde empezaches a introducir polo medio da narración os “discursos”, como os que aparecen en En vías de extinción: Gaia fala para a súa gravadora, e faino por exemplo para criticar un concepto de familia tradicional que exclúe as identidades sexuais non heteronormativas.
Os discursos cumpren funcións distintas nas dúas novelas. En En vías de extinción o obxectivo é que Gaia se exprese en primeira persoa, e non só a través dos diálogos. Gaia comparte comigo a profesión de tradutora e intérprete, e ten, coma min, unha preocupación pola oralidade. Porque parece que valoramos menos o discurso oral que o escrito, porque non queda fixado. A novela ten moito que ver, si, tamén, coa identidade lesbiana, e coa necesidade de rexeitar tanto o discurso patriarcal e heterosexista como as versións esencialistas do lesbianismo.
"Gaia rebélase de moitas maneiras: desde a negativa a depilarse ata a súa maneira de defenderse dos abusos de poder no traballo... Todos eses comportamentos supoñen, si, un xeito de reivindicar a diversidade fronte ao sistema hexemónico que nos rodea"
É un libro, nese sentido, ecoloxista. Defende todas as diversidades: da ambiental á sexual... Definiríalo así?
Resúltame difícil definilo e falar del porque, como dicías, toca moitos temas. Gaia, que ao mesmo tempo é un ser individualista, defínese como un axente ecolóxico na cidade, e rebélase de moitas maneiras: desde a negativa a depilarse ata a súa maneira de defenderse dos abusos de poder no traballo... Todos eses comportamentos supoñen, si, un xeito de reivindicar a diversidade fronte ao sistema hexemónico que nos rodea. Tamén as protagonistas de Pirata procuraban a súa identidade á marxe das convencións, pero a historia de Gaia sitúase na sociedade actual.
Gaia inicia unha relación cunha cantante famosa, que é a antítese do que ela representa. Non atura que os medios se metan na súa vida privada, pero decide utilizalos para facer chegar á sociedade o seu contradiscurso. Nos teus libros xogas moito con este tipo de oposicións. En O club da calceta o espazo de empoderamento das mulleres é, ao contrario do que poderíamos imaxinar, o grupo de calceta, e resulta que a muller que limpa a Igrexa é dalgún xeito máis libre que a universitaria feminista atrapada nunha relación convencional...
O xermolo do libro foi, en realidade, unha pregunta: que pasaría se unha persoa coma Gaia se mostrase no campo público, sen renunciar ao seu xeito de ser? A relación con MK é un xeito de mostrar, como neses exemplos que citas, que as persoas non somos moitas veces o que parecemos. Gaia e MK son moi distintas, pero entre as dúas hai puntos de conexión. Non serven as aparencias nin as medidas absolutas.
"As mulleres sufriron no franquismo moitas formas de represión cotiá que se tornan invisibles no relato dominante de heroes -homes- represaliados"
A historia da familia de Gaia é, tamén, unha mostra da represión sociolóxica que sufriron as mulleres no franquismo. A nai de Gaia, Adela, decide ter a súa filla en contra da vontade da súa familia, que quería obrigala a casar ou abortar para evitar a “deshonra” de ter unha nai solteira. E nai e filla son moi críticas co concepto tradicional de matrimonio.
As mulleres sufriron no franquismo moitas formas de represión cotiá que se tornan invisibles no relato dominante de heroes -homes- represaliados. Xeitos de represión máis insidiosos, que perviven, que non se fala deles e que están inseridos en moitos discursos, e non só do franquismo. No goberno bipartito algo se comezou a falar disto, pero é un traballo que non se fixo canónico, e polo tanto visible.
Outra cuestión central no libro é a reflexión sobre a lingua: diglosia, substitución lingüística, o xeito de construír o estándar... Esta mesma preocupación xa estaba reflectida nas túas obras anteriores, por exemplo en O club da calceta.
É un xeito de reaccionar contra discursos ficticios como que a situación do galego é perfecta e sen problemas, ou como que é o castelán o ameazado. Gaia é “de monte” e galego-falante. Eu mesma teño raíz na montaña, despois vivín nunha vila, despois nunha cidade pequena e logo nunha cidade grande. E vivín moitas situacións que mostran a estigmatización do galego no sentido de marcador dunha clase social. Son experiencias moi violentas, que se negan ou mesmo que se aceptan como se fosen normais. Gaia é políglota, e defende que todas as linguas son importantes no seu contexto. Non hai linguas máis válidas que outras: o inglés e o castelán non serven de nada en moitas situacións. E o que agora se está a chamar aquí “defensa do plurilingüísimo” en realidade é promoción da lingua hexemónica, o castelán.
Tamén hai unha reivindicación do rural e un ollar irónico sobre os “urbanitas”, como cando Gaia se enfronta cun xeito de entender o ecoloxismo que reproduce as estruturas patriarcais.
É que non é a mesma a perspectiva que tes sobre a natureza cando conviviches con ela que cando non o fixeches. Aquí non se trata tampouco de adoptar posturas dogmáticas e debuxar teorías de verdade que se pretendan válidas para todo o mundo. Non é unha crítica ao ecoloxismo, senón a un xeito de comprendelo, que se pode estender ás versións esencialistas do ecofeminismo. Refírome aos conceptos patriarcais que se agochan detrás do discurso de “volver á natureza”, da “nai Terra”, con concepcións esencialistas do que é ser muller e dos valores “femininos”, que acaban indo contra os avances das mulleres. É doado defender que se laven as compresas ou os cueiros, porque son as mulleres as que adoitan facelo.
"Para os nacionalistas de certo tipo é máis fácil buscar unha “esencia” galega nunha cultura como a montañesa, pero nesa cultura están inscritas prácticas como ter as mulleres como escravas"
Non se trata de volver atrás, senón de avanzar. Se o libro contamina, inventamos o libro electrónico, pero non volvemos escribir na pedra. A idea é tamén problematizar as raíces. Para Gaia e para as mulleres, non é posible idealizar nin o rural nin o urbano. Para os nacionalistas de certo tipo é máis fácil buscar unha “esencia” galega nunha cultura como a montañesa, pero nesa cultura están inscritas prácticas como ter as mulleres como escravas. Igualmente o mundo urbano e unha identidade “española” non é a solución, porque encerra moitas veces un rexeitamento do rural (se falas galego es paleta), e igualmente o sexismo e a homofobia. Así, só queda crear novos lugares e espazos e supoño que En vías de extinción tenta ser un xermolo diso.
Gaia é feminista, nacionalista e lesbiana. Pero pensar que iso é en si subversivo sería unha postura cando menos conservadora. É máis ben a súa actitude, o seu xeito de proxectar a súa identidade, o que a fai tan diferente, non si?
É certo que moitas persoas con identidades disidentes tenden a agochalas no espazo público, ao contrario do que fai Gaia. É o mesmo que pasa na literatura, en xeral. Parece que lesbianas e homosexuais non existen na historia da literatura, e o que pasa en realidade é que a crítica non canoniza as obras nas que aparecen. Carlos Callón fala disto no seu libro Amigos e sodomitas, e eu mesma presentei no congreso da AIEG un relatorio sobre a presenza das lesbianas na literatura feita por mulleres. Emma Donoghue demostrou que na literatura occidental hai unha presenza permanente da temática lesbiana que unha e outra vez é relegada ao silencio pola crítica. Na propia literatura galega hai, porcentualmente, en relación coa presenza doutras temáticas, moitas obras que falan de relacións sexuais entre mulleres, e moitas máis que contrapoñen a lóxica patriarcal. O problema é cando tanto o discurso hexemónico como, moitas veces, o contradiscurso, van deixando zonas de sombra nas que non quere entrar, como o sexismo ou o racismo.