Cheguei ao coñecemento de Héitor Picallo Fuentes primeiramente polo seu labor pictórico. Souben das súas ilustracións para os medios, dos retratos de escritores e persoeiros, mesmo das caricaturas na Rede, mais non foi ata un tempo despois que descubrín a solidez e continuidade da súa dedicación á escrita, da que vagamente se tiña unha nebulosa noticia por algún artigo xornalístico illado.
A primeira sospeita de que andaba eu nun problema de paralaxe tívena cando dei con el gañando o Premio Reimóndez Portela de Xornalismo por unha moi interesante serie de artigos. Confirmei esa sospeita, tempo despois, ao ir facéndome cos exemplares da serie Tirilín de Fervenza Editorial e desfixen esta ignorancia agora, cando vexo por xunto a súa produción de anos no volume compilatorio Coa lingua na Terra, que publica a Editorial Toxosoutos cun longo limiar do historiador Xosé María Lema Suárez e un non menos extenso epílogo do escritor David Otero.
A primeira sospeita de que andaba en nun problema de paralaxe tívena cando dei con el gañando o Premio Reimóndez Portela de Xornalismo por unha moi interesante serie de artigos
Coa lingua na Terra ten unha estrutura sextipartita, na que van agrupándose distintos textos que, dunha ou doutra maneira, converxen no denominador común da identidade polo idioma, na defensa e ilustración da fala e, por extensión, da cultura e a comunidade nosas.
O primeiro dos bloques nos que a obra se divide vincula, precisamente, os artigos periodísticos cos que Picallo Fuentes se fixo merecedor do Premio Reimóndez Portela, escritos que figuran antecedidos pola acta da resolución do certame e notas de adhesión entusiasta de Xosé Lois García, Xosé Vázquez Pintor e outros. Seguen logo os artigos nos que denuncia a desaparición de medios en galego, afirma a dignidade do idioma e o seu valor secular e remata coa reprodución do discurso de recepción do premio, intenso e denunciatorio no político contra un goberno que desatende as súas obrigas estatutarias coa lingua propia das galegas e galegos.
Tras estas seccións figura unha terceira que, baixo o título “Verbas con alento”, integra laudatios a personaxes públicos que se significaron no emprego do idioma (o bispo ourensán Xosé Leonardo Lemos Montanet ou o ciclista Ezequiel Mosquera), fanse chamadas de atención para normalizar o emprego desta en eidos como o da curia e mesmo aparecen prosas a amigos idos, como Avelino Abuín de Tembra, ou saúdas aos cultivadores do galego exterior no seu ingreso como correspondentes na RAG.
“Illas de palabras sobre un mar de terra” pon por xunto, sobre todo, breves comentos de obras literarias de creadores amigos, tal Anxos Sumai, David Otero, Miro Villar ou Xosé Fernández Abella, aos que suma artigos nos que se congratula polo nonaxésimo aniversario que foi de Avelino Pousa Antelo ou a presenza do galego en Flandres e Bruxelas xunto á lembranza, agradecida, polos que Picallo Fuentes admiraba —por un ou outro motivo— e se foron, como acontece co xornalista Ceferino Díaz, o escritor Lêdo Ivo ou o sociólogo Gonzalo Bouza-Brey.
O penúltimo dos apartados, “A palabra no vento: manifestos”, componse de apenas dous discursos, un deles pronunciado no Courel con motivo da dedicatoria do Día das Letras Galegas do 2010 a Novoneyra e nel centrado e outro un alegado en defensa de Isaac Díaz Pardo cando este sufrira o desprazamento na dirección do Grupo Sargadelos e se producira o “adeus ao Instituto Galego de Información”.
O remate do libro constitúeno dous relatos breves cos que Picallo Fuentes quere achegar a problemática realidade do lingüístico a mozos e maiores a través dunha ficción
O remate do libro constitúeno dous relatos breves cos que Picallo Fuentes quere achegar a problemática realidade do lingüístico a mozos e maiores a través dunha ficción ás veces de pegada autobiográfica e outras declaradamente fantástica e aínda fabulística, onde aboia decote o pouso do didactismo non sempre ben casado coas virtudes dunha prosa que talvez non precisaba de tanto alento pedagóxico.
Coa lingua na Terra conta tamén co atractivo das ilustracións que o propio autor foi dispoñendo ao longo do volume, retratos de escritores amigos e autores admirados que engaden valor a unha obra xa de por si meritoria, por canto non se limita a recoller textos que permanecían espallados nos medios (Diario de Arousa, Diario de Pontevedra ou a plataforma en Rede Prolingua), senón tamén outros inéditos que ven luz aquí agora para completar unha panorámica ensaística lúcida e inequívoca no compromiso coa bandeira da lingua, que é tanto como dicir coa aposta firme polo seu pobo.