Eu son o primeiro en dubidar á hora de ir ao cine. “Que imos ver?” é probablemente a pregunta que máis repito cando alguén fala sobre ir ao cine. Os altos prezos, e os gustos discutibles das miñas amizades, son os que me provocan esta reacción case automática. Ás veces o exceso ou defecto de información provoca que acabe por soportar un ladrillo infumable ou saír coas expectativas defraudadas. Isto acabará por desembocar na clásica reacción de “e para isto gastei os euros”.
O prezo da entrada adoita ser o primeiro en botarnos atrás á hora de aventurarnos no cine. Ir a cegas ao cine é algo recomendable, e imprescindible, en marcos como o que ofrece Cineuropa estes días en Santiago de Compostela. As entradas a prezos máis que razoables (4 euros) e o amplo abano de oferta cinematográfica permite que ir a cegas ao cine sexa unha especie de aventura cara ao descoñecido.
Así, lanceime con valor, e pouca información, e asistín aos pases de A Raia (2013, Ivan Castiñeiras), Entreparadas (2013, Toño Chouza) e Dime Quién Era Sanchicorrota (2013, Jorge Tur). Os tres eran documentais de directores pouco coñecidos. Películas que o terán, tristemente, difícil para chegar ás salas comerciais.
A Raia (2013, Ivan Castiñeiras)
Sorprendentemente, e aínda que non son un gran seguidor do cine observacional, encantoume a aposta desta historia sobre o contrabando entre Galicia e Portugal. Cunha presentación sobria e sen grandes pretensións, o director consegue crear unha cápsula de tempo que nos permite asomar a cabeza a unha vida que semella moi lonxana. Quen era contrabandista, os seus métodos, as razóns polas que o facían… coñecer unha realidade que parece máis propia dos grandes filmes hollywoodienses aquí, na fronteira entre Galicia e Portugal. A curtametraxe documental será, proximamente, unha longametraxe da que, os asistentes á sesión, puidemos ver varios extractos. O director cambiou dun modo observacional a un máis ficcionalizado, pero sen abandonar a intención de contar a realidade de forma natural, sen adulteracións e sen que a técnica ensombreza á historia.
Entreparadas (2013, Toño Chouzas)
Quizais deste documental era do que coñecía máis. Sabía que á dirección se situaba Toño Chouza, axudado na produción e montaxe por Jorge Coira. Dúas persoas que adoitan ser un garante de calidade en todos os proxectos que traballan. Ao coñecer iso, as miñas expectativas estaban algo altas antes de comezar. Mais teño que confesar, para tristeza dos técnicos detrás do documental, que foron as personaxes as que coparon o cen por cen da miña atención. Non reparei en planos, composición… en nada. A potencia das historias alí recollidas era tal que era imposible desconectar nin un segundo do que os protagonistas contaban. Un grupo de persoas con diversos problemas xúntanse para realizar varias pezas teatrais nun autobús. Historia de superación, de valor e, sobre todo, de optimismo. Un optimismo e unha vitalidade que provoca que sexa imposible non romper a chorar ante unhas historias que abraian en todos os sentidos. Agardo que o documental chegue ao maior número de pantallas posible, non só polo seu carácter narrativo senón polo seu alto valor didáctico. Non dubiden en ir a velo se teñen ocasión!
Dime Quién Era Sanchicorrota (2013, Jorge Tur)
Comeza o filme cunha labazada directa ao espectador. “No me digas que lo viste en la televisión, dime que te lo contaron por ahí”, dille o director Jorge Tul ao entrevistado que responde á pregunta que dá título a este documental. Un riso cruza a sala mentres cabilo sobre que significa ese detalle. Unha hora despois, saio da sala cunha sensación estraña. Divertido, sorrinte e satisfeito ante o que acabo de ver… sigo sen saber quen é Sanchicorrota. No coloquio posterior á película o director confesa que a súa intención era amosar o carácter de lenda, o mito, que se sitúa tras este bandoleiro do deserto de Bárdenas máis que resolver esa incógnita. Con ganas de máis, repetín experiencia o día posterior cunha terrible sorpresa. “Quedarei só a un anaco, que xa a vin onte”, confesaba ao director antes de entrar á sala. Hora e pico despois, saía da sala despois de voltar a ver todo o documental e desfrutalo moitísimo máis. Que ten de especial este documental? Non o sei. Conta unha historia excepcional? Pode ser que non. Non sei. Quizais é a naturalidade nas entrevistas, ou o enfoque sincero e espido que fai o director, ou a comedia escondida na personalidade de todos os protagonistas que cruzan a metraxe. Non sei cales son as razóns que me fixeron volver a vela unha segunda vez e a desfrutala de cabo a rabo a pesar de que dixen que “quedaría só a un rato”. O único que teño seguro é que, de poñela unha terceira vez, voltaría a sentarme na butaca e a preguntarme quen demo era Sanchicorrota.