Isaac Lourido e Arturo Casas abren unha nova tempada de Escrita(s), agora en Compostela

Edita Fernández Oca e Claudio Pato CC-BY-SA Ramón Mariño

Unha bafarada de aire deixou caer na Almáciga compostelá As Escritas, a iniciativa que xestionou no últimos anos na Coruña o poeta Claudio Pato (Calís) e que agora se acubilla nun niño compostelán chamado As Almácigas (Travesa dos Basquiños, 14). Dous entes nun para ofrecer visións diferentes sobre marcos invisibles ou pouco visibles. Un laboratorio que tenta esparexer o pensamento e a escrita máis alá de espazos e conceptos xa establecidos. Falamos con el e con Edita Fernández Oca, responsable do espazo. A primeira Escrita nas Almácigas será este xoves 26 de setembro ás seis da tarde con Isaac Lourido, que falará sobre Corpos, muro, dignidade. Sobre poéticas carcerárias e epistemologias militantes. Ás 20.30 será a quenda de Arturo Casas, con Por saber a verdade co poema. Haberá máis, todas as semanas.

Nacen as Almácigas para traer As Escritas ou veñen As Escritas para crear As Almácigas?

Edita- As Almácigas pretende ser un contedor moito máis amplo. Pero se cadra, se non houbese Escritas tampouco habería Almácigas. Tampouco pretendemos que se reduza ás Escritas. Este é un espazo onde van pasar cousas e tentaremos encher de contido.

Calís- Hai algo importante que son os lazos de amizade e afectivos. Souben que Edita ía alugar un local no que habería un espazo para exposicións. Eu andaba na procura dun espazo para As Escritas e de aí nace todo. Foi como se acelerase nun sentido moi positivo pois As Almácigas póñense en funcionamento. Antes As Escritas facíanse no marco da Galería Sargadelos, por unha cuestión laboral, eu tiña un contrato. E tamén porque está ben facer cousas fóra das institucións e das galerías privadas.

"Pasamos pois dunha galería privada cun soporte económico e cunha tradición de programar e facer cousas, a dar un salto no baleiro porque estamos seguros e contentos, pero con medios un pouco máis precarios"

Calís, na Galería Sargadelos tiñas cousas e persoas que che axudaban a tirar para adiante coas Escritas. En Compostela atopaches o mesmo?

C- Si, o mesmo pero doutra maneira. En Sargadelos tiña máis tempo, dedicado a tempo completo e contaba coa colaboración da xente da tenda. Había facilidades económicas no tema das impresións e nos deseños que se facían en Sada. Aquí temos colaboracións como a de Xosé Carlos Hidalgo, quen fixo o cartaz e a xente que vén desta volta, faino de maneira desinteresada ao non termos orzamento. Pasamos pois dunha galería privada cun soporte económico e cunha tradición de programar e facer cousas, a dar un salto no baleiro porque estamos seguros e contentos, pero con medios un pouco máis precarios.

Como se xestiona este espazo?

E- Nun principio era o meu espazo de traballo, pero vin que era grande de máis para as miñas necesidades. Ese sobrante, por dicilo así, será o que se dedique ás Escritas-Almácigas. Hai uns gastos baixos, mais a partir de agora, estaría moi ben que houbese maneira de autofinancialo. Que á xente que veña mostrar o seu traballo se lle puidese axudar economicamente. En principio pensamos facer un material de baixo custo, edición barata que quedase como fondo na sala para poder vendelo. Partimos do máis precario e tampouco temos idea de facer proxectos custosos.

"As Almácigas soportan As Escritas, no sentido de que As Almácigas achegarán o que a xente achegue para dicir. Ese soportar unha á outra, constrúe un texto moi permeable e que ademais nacerá estes días"

As Escritas son unha ollada sobre a relación de quen escribe coa escritura, pensando nos autores que viven aquí. Calís, ti dixeches que a xente nova era a que máis se achegaba á escritura. Isto non é unha contradición dado o estranamento entre xente nova e lingua no noso país?

C- O que eu dixen é que buscabamos xente nova. Eran os que menos visibilidade tiñan. Eu polo que vía, como espectador, sempre vía os mesmos nomes. Tiramos por xente nova a nivel temporal. A min parecía interesante que esa xente tivese un espazo para falar.

As Escritas ven os espazos onde se fan como se fosen folios sobre os que escribir. Como se pode usar As Almácigas?

E- Iso é o que me ten a min sorprendida. Espero que ao final esas sinerxias poidan dar unha nova maneira de escribir. Mais o como non o sei.

C- As Almácigas soportan As Escritas, no sentido de que As Almácigas achegarán o que a xente achegue para dicir. Ese soportar unha á outra, constrúe un texto moi permeable e que ademais nacerá estes días. É un texto que está feito nas paredes da exposición, que son deseños de Josecho de Dios, San Antón nas Panateneas. Cómic 2. Aí nace o texto, aí comeza a xerarse unha fala que está nas paredes, no chan e no teito. Despois os cartaces que anuncian as escritas, aí volve haber outra parte dese conxunto que ao final faría algo permeable e acabaría nun texto que se construiría co que digan as persoas que veñan. Como se vai facer un contedor co que se diga, todo será un texto.

E- Ao final verase o debuxo na súa totalidade. Ao mellor temos que saír destas paredes porque son pequenas.

C- Hai unha idea de espazo de goce, de texto de goce onde as ideas sexan doadas.

"A xente que vén falar, porque cada ano hai un marco, unha idea xeral, pero ese marco queda desmarcado porque hai unha comunicación entre os falantes de cada vez. Créase un bloque con todas as escritas, un bloque de pensamento que rompe e crea ese rizoma"

Detrás das Escritas hai unha idea de rizoma, un nódulo inflúe noutro. Describide un exemplo que se teña dado.

C- O mellor exemplo é estarmos aquí hoxe. Hai cinco anos era un comezo como agora nas Almácigas. A xente que vén falar, porque cada ano hai un marco, unha idea xeral, pero ese marco queda desmarcado porque hai unha comunicación entre os falantes de cada vez. Créase un bloque con todas as escritas, un bloque de pensamento que rompe e crea ese rizoma. Nacen relacións de amizade. O ano pasado entraron os de Proxecto Derriba, que publicaron as escritas anteriores. Esa resonancia que nos brindaron, ese ánimo fai que siga co proxecto adiante.

Por que Marcos de Guerra. Poéticas carcerarios e as epistemoloxías militantes?

C- Isaac Lourido vai falar da dignidade das poéticas carcerarias, de como o sistema crea marcos en cada un dos espazos das nosas vidas. Trátase de pensar en como estando en guerra, se é que estamos en guerra, que supomos que si, podemos destruír eses marcos ou crear marcos máis próximos e fluídos entre nós para resistir esta barbarie. O título fai referencia a un libro de Judith Battler.

"Os estados están levando os cidadáns a uns marcos que imposiblitan o día a día, iso é case un estado de guerra, estase a facer difícil vivir"

Cal é esa guerra da que falas?

C- É o sentido no que a violencia se patentiza máis. Pero non só leva unha violencia explícita, senón unha violencia que cae sobre os cidadáns. Como os estados están levando os cidadáns a uns marcos que imposiblitan o día a día, para min iso é case un estado de guerra, pois estase a facer difícil vivir.

Houbo ocasións nas que falastes dunha permeabilidade do texto, non pensades que esa permeabilidade pode matar a escrita?

C- A escrita o que fai é embebedarse de todo o que está no mundo. Interésanos que o de fóra entre na escritura. Non hai autonomía na escritura, senón que bebe de procesos que a rodean. Son persoas que viven, traballan ou estudan e dánlle á cabeza para logo escribilo.

A escritura é para vós un xogo?

C- Para min é un oficio.

E- Para min é unha responsabilidade.

"A escritura é un xogo porque ti xogas coa linguaxe. Nese xogo ten que haber un compoñente ético e político para que esa linguaxe non fira, e se o fai que fira a hexemonía que crean os marcos de guerra que non nos deixan vivir"

Se vos comparades coa escrita oficial, sentídesvos coma uns pallasos que non lle fan gracia a ninguén?

C- Volvendo ao de xogo, cambiei ese termo polo de oficio, porque a escrita é un oficio que te leva ao oficio máis importante, o de vivir. Apréndese moito por aí. A escritura é un xogo porque ti xogas coa linguaxe. Nese xogo ten que haber un compoñente ético e político para que esa linguaxe non fira, e se o fai que fira a hexemonía que crean os marcos de guerra que non nos deixan vivir. E de ser pallaso, pois os pallasos gustan.

E- Entre pallasos e burros anda a cousa.

Que ten de privado e de público As Escritas e As Almácigas?

C- Pois téñeno todo, porque o privado está no público e o público no privado. Quizais As Almácigas sexan ese entre onde situármonos para que o público e o privado se desfaga e comece o tempo da vida.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.