José Casás García gaña o X Premio a artigos normalizadores do Concello de Carballo

Xuntanza do xurado, este sábado en Ferrol © Concello de Carballo

O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores, organizado polo Concello de Carballo, reuniuse este sábado para decidir o texo gañador deste certame, ao que se presentaron 33 traballos, e decidiu concederlle o galardón ao artigo titulado "Os exemplos", de José Casás García. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade de conectar coas xeracións máis novas, por tender pontes xeracionais entre esforzos e exemplos normalizadores de onte (a Xeración Nós, por exemplo) e hoxe (a Xeración Xabarín, por exemplo) e por facer ver a importancia de iniciativas e de referentes novos que poñan en valor a lingua galega.

O xurado destacou "a súa capacidade de conectar coas xeracións máis novas e por tender pontes xeracionais entre esforzos normalizadores de onte (a Xeración Nós) e hoxe (a Xeración Xabarín)"

O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. O artigo gañador publicarase nos medios de comunicación colaboradores, entre eles Praza Pública, o domingo 18 de maio. José Casás García (Cerceda) é xornalista, licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela, e Máster en Comunicación e Industrias Creativas. Traballou como redactor en prácticas na Radio Galega e no Consello da Cultura Galega. Agora mesmo é director de comunicación da empresa PositiBos.

O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Mariña Pérez Rei, profesora e gañadora da edición de 2013; Cristina Abelleira, xornalista carballesa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.

O artigo gañador publicarase nos medios de comunicación colaboradores, entre eles Praza Pública, o domingo 18 de maio

Nas nove edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón ou Mariña Pérez Rei.

Xuntanza do xurado, este sábado en Ferrol © Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.