Xosé María Díaz Castro non é só Nimbos. Non fora publicada nin a terceira parte da poesía en galego do homenaxeado no Día das Letras do 2014. E, dela, só Nimbos xerou un impacto crítico importante. Un dos maiores expertos na súa obra -se non é o maior-, Armando Requeixo, recuperou os dous poemarios de xuventude do autor, os ata entón inéditos Follas verdes e Follas ô aire, nun volume no que tamén recolle Nimbos, Nascida d’un sono e poemas soltos e non compilados, alén dunha escolma epistolar. Neste libro, Xosé María Castro. Poesía galega completa (Galaxia), Requeixo reivindica o Díaz Castro “poeta de denuncia que arremete contra a pasividade da sociedade galega” e contra a “penosa realidade migratoria do pobo galego”.
Divides a obra de Díaz Castro en tres etapas. A primeira iría do 31 ao 36, con Follas verdes e Follas ô aire (dos que salientas o maxisterio rosaliano, paisaxismo mindoniense e pegada da lírica francesa). Achegaríase entón á Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e ao Ruralismo. En que aspectos?
Díaz Castro, nesa altura, comparte moitos trazos característicos da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e, tamén si, do Paisaxismo Humanista, Neovirxilianismo ou Ruralismo, como a súa ampla formación humanística, a escolla da paisaxe mindoniense como escenario poético, a procedencia rural que permea na escrita, presentar textos formalmente moi elaborados e, polo xeral, sometidos á disciplina métrica e procurar a dignificación do idioma a través da reivindicación do popular e o dialectal como propicia arxila poética, extremos todos que, en efecto, cumpre a poesía do autor.
De que maneira Follas verdes e Follas ô aire reflicten o ambiente intelectual do propio Seminario?
Incorporan os ecos das lecturas propias da súa formación nesa etapa. Os clásicos latinos como Virxilio, Horacio ou Catulo que traducían nas aulas deixan pegadas na súa primeira poesía, mais tamén o fan as lecturas francesas daquel tempo, como Lamartine, Musset ou Hugo, o espiritualismo de Tagore e os autores galegos máis frecuentados no seminario mindoniense, como Rosalía e Noriega Varela.
"Era defensor dunha expresión con base dialectal, mais a súa praxe demostra tamén que enriquecía os textos con achegas interdialectais e mesmo solucións que tiraba da tradición literaria"
Cal era a postura de Díaz Castro respecto do galego e do seu uso na poesía?
Considerou sempre o galego como a súa lingua de instalación poética, independentemente de que tamén fose quen de crear noutras. Canto ao modelo ou variedade concreta que empregou para a codificación literaria, era defensor dunha expresión con base dialectal, mais a súa praxe demostra tamén que enriquecía os textos con achegas interdialectais e mesmo solucións que tiraba da tradición literaria.
A segunda etapa abrangue do 36 ao 47. Desta fase son o Caderno-Borrador Manuscrito e o Caderno-Borrador Mecanoscrito, ou o poema Mediodía. Tamén Nascida d'un sono e El cántico de la Ciudad. Aumenta neles o ton confesional e tamén de celebración do cotián, de lugares, de xentes. De que maneira a sinxeleza, as métricas clásicas... adiantan Nimbos?
Os ensaios cada vez máis dúctiles de metros e fórmulas rítmicas preanuncian a mestría que neste eido alcanzou en Nimbos, do mesmo xeito que o recurso a certas temáticas, motivos e mesmo solucións estilísticas están na base das ensaiadas no poemario de 1961.
"Cando Francisco Fernández del Riego en 1956 lle escribe por vez primeira pedíndolle un poemario para Galaxia, non ten materiais suficientes que o convenzan para compor un volume de versos"
A terceira etapa abrangue do 47 ao 90. Son Nimbos e poemas publicados en revistas como Alba, Dorna, Xermolos ou Amencer, ou en escolmas como a de Fernández del Riego. Nimbos tivo un proceso de creación moi longo. Por que?
Porque o poeta, cando Francisco Fernández del Riego en 1956 lle escribe por vez primeira pedíndolle un poemario para Galaxia, non ten materiais suficientes que o convenzan para compor un volume de versos. Ese feito fai que demore máis do esperable en publicar o libro, pois a súa situación vital (afastado en Madrid), familiar (coas obrigas que supuñan os fillos que entón comezaron a nacerlle) e profesional (cos moitos compromisos tradutores que tiña que atender nos organismos que traballou e, fóra deles, coas editoras coas que colaboraba) dificultaron que reunise en menos tempo poemas abondos para conformar un libro que, ao final, acabou publicándose con tan só trinta e dous composicións, das cales catorce foran reaproveitadas de entre as xa aparecidas na prensa periódica ou antoloxías.
"A luz representa a vida, todo o positivo que no ser humano habita como proxección do sublime transcendente; as sombras son a ausencia do ser, a negación da existencia e o baleiro da morte que a luz acaba por disipar"
Cal é o significado da simboloxía luz/sombra en Nimbos?
Un universal: a luz representa a vida, todo o positivo que no ser humano habita como proxección do sublime transcendente; as sombras son a ausencia do ser, a negación da existencia e o baleiro da morte que a luz acaba por disipar, pois a mensaxe diazcastriana é sempre esperanzadora.
En canto á concepción do tempo, aparece en Nimbos, segundo explicas, o pasado como tempo feliz e un principio cíclico que favorece unha sensación de inmobilismo, de "un paso para adiante e outro para atrás", como en Penélope. Pesa máis, neste aspecto, o ollar a un pasado se cadra idealizado ou o ollar e a reivindicación do futuro, de que o tempo avance, precisamente?
Hai de ambas as dúas cousas. Díaz Castro tiña, como moitos outros autores, unha visión idealizada de certo pasado, sobre todo do tempo da feliz infancia vivida nos eidos natais. Ese paradiso evócao nos poemas, pero, sobre todo, o escritor desexaba reflectir a parálise dunha Galiza inmobilista que non conseguía avanzar, que non se espreguizaba. Entendo que o mellor xeito de comezar a solucionar un atranco é detectalo e visibilizalo. Velaí a achega comprometida do autor.
"Díaz Castro tiña, como moitos outros autores, unha visión idealizada de certo pasado, sobre todo do tempo da feliz infancia vivida nos eidos natais"
Hai referencias á Historia bíblica, clásica, celta e recente. O berro das pedras é un exemplo. En xeral, como sitúa a Galicia na historia da humanidade? (O lado mítico pesa bastante)
Díaz Castro ten unha visión da terra que pivota entre o ideal e o real. Dunha parte, invoca nalgún poema un pasado mítico, por veces mesmo celta, e, doutra, describe con fino lirismo lacras como as da emigración e outras. É, por tanto, un poeta que fermosea o pasado histórico e, ao tempo, dóese das eivas presentes.
Galicia aparece, dis, como cadro costumista, mais tamén como patria asoballada, E ti reivindicas o "poeta de denuncia" que arremete contra a "pasividade" social, contra a emigración ou contra a tiranía. Por que este aspecto pasou máis desapercibido? Cales eran para Díaz Castro eses aspectos nos que Galicia tiña que evolucionar?
A súa poesía é rica e plural, participa de diferentes temáticas e estilos, o que favorece que poidamos ler igual unha estética do transcendente que do intimismo case metafísico, o mesmo un autor do religacional místico que un lírico humanista que se ocupa de temas de toda hora como o amor, a morte ou o paso do tempo.
"Pode afirmarse que Díaz Castro sentiu tanto a terra na súa poesía que non puido deixar de doerse polos males que a fatigaban"
Agora ben, tamén hai unha dimensión social na poética diazcastriana. O que sucede é que esa sensibilidade súa para as realidades lacerantes que pexaban o noso pobo non aparece proxectada nunha estética de compromiso político belixerante, o que non quere dicir que a súa empatía coas máis xustas reivindicacións das nosas xentes non figuren, perfectamente transparentadas, nos seus versos. Por tanto, pode afirmarse que Díaz Castro sentiu tanto a terra na súa poesía que non puido deixar de doerse polos males que a fatigaban.
Como autor da xeración do 36, ten unha lírica de herdanza grecolatina, clasicista, tamén intimista... Dixeches que o estilo é aparentemente sinxelo pero tecnicamente complexo. Por que?
Porque el recibiu ese herdo da mellor tradición e perfeccionouno. Era un mestre no emprego dos metros e recursos clásicos, pero soubo modernizalos para que nese singular continente anovado coubese todo o contido vibrante da poética do seu tempo, enchéndoa de imaxes e motivos de gran plasticidade e poder evocador.
Hai en varios poemas tamén unha identificación coas clases populares. É así? Definiches Borrallo como o “poema máis combativo de Nimbos e un auténtico alegato contra a tiranía dos autócratas”.
Evidentemente. Non poucos dos seus poemas amosan unha clara filiación social, atenta á liña progresista, á mellora das condicións nas que viven as xentes, denunciadora dos males que os atafegan como, poño por caso, a lacra emigratoria. Nese sentido, hai un poeta que non vive alleo ao seu tempo, que é consciente da súa circunstancia e ten a sensibilidade de cantala, mais sempre elevando esa realidade á máis alta categoría estética, sen recorrer á lírica de barricada ou ao panfletarismo belicoso.
"Non poucos dos seus poemas amosan unha clara filiación social, atenta á liña progresista, á mellora das condicións nas que viven as xentes"
E a súa concepción da muller? Porque hai certa idealización e identificación Galicia-nai. Tamén aparece nos poemas que opoñen amor e dor, a través de figuras bíblicas e míticas...
É un tema complexo de describir en poucas liñas. Tense ocupado del monograficamente Carmen Blanco de xeito inmellorable. Resumindo as liñas mestras por ela apuntadas, pode dicirse que no poeta hai varias concepcións da muller: dunha banda, a nai case que ancestral, que por veces ten filiacións celtas e outras conecta co mundo do saber superior da meiga e que simboliza esa Galicia matricial; doutra parte, a muller transcendente idealizada, virxinal como María nesa pegada do relixioso tradicional que tamén figura nalgúns versos; e, finalmente, outras mulleres como Penélope, que achega a mítica do mundo heleno, ou a moza emigrante que transita algunha poesía ou mesmo a fermosa betanceira que canta en Nascida d’un sono, entre outras.
Tivo moita relación con outros poetas da súa zona como Uxío Novoneyra, Manuel María ou Darío Xohán Cabana. Pódese falar de influencias mutuas? Ou máis ben dun substrato común que fai que haxa algunhas conexións entre as obras dos catro?
Hai, si, coincidencias puntuais, mesmo algúns deles escribiron versos en homenaxe a Díaz Castro, mais non pode dicirse que se influísen cruzadamente de xeito determinante. Penso máis ben que, como apuntas, hai un substrato telúrico e vivencial común que favorece esa converxencia.
"Díaz Castro foi unha voz tan singular que resulta difícil poetizar ao seu xeito"
Non foi, segundo dis, un autor que crease escola. Pero hai pegadas da súa obra en Manuel María, López-Casanova, Darío Xohán Cabana, Fernán-Vello... A súa Penélope foi revisada por Xohana Torres, Ana Romaní... Cales foron as súas influencias en todos estes poetas?
Non son influxos determinantes, nin estes poetas que amentas seguiron estreitamente as súas liñas de creación, entre outras cousas porque Díaz Castro foi unha voz tan singular que resulta difícil poetizar ao seu xeito. Daquela, o que si se observa nos autores sinalados e noutros é como estes regresan a temas e motivos literarios, mesmo a imaxes e léxico que lle son propios, en moitas ocasións para homenaxealo en citas expresas, como unha sorte de diálogo poético ou recoñecemento da súa ascendencia e maxisterio