“A cultura é o que vertebra a existencia diso que chamamos Galicia”

Jorge Coira e Rubén Ruibal Dominio Público Alberto Ramos

Jorge Coira e Rubén Ruibal non se coñecían,  aínda que o realizador será o encargado de dirixir coa produtora Filmanova a adaptación ao cine de Limpeza de Sangue (Xerais, 2007), obra coa que o dramaturgo gañou o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007. Nunca se viran en persoa até que Praza decidiu xuntalos no Restaurante Rúa de Santiago. “Tiña ganas de coñecelo, tiña que falarlle das localizacións”, recoñeceu, minutos antes do encontro, Coira que xa traballa no guión con Jacobo Paz. Despois dun primeiro apertón de mans, os dous concederon unha entrevista conxunta que, en gran parte, se desenvolveu como unha conversa entre dúas persoas que tiñan moito que se dicir.

Limpeza de Sangue é unha obra moi complexa para realizar unha montaxe teatral. Conta, entre outras cousas, cun gran número de escenas e unha morea de localizacións diferentes. Estas dificultades fan que sexa máis difícil convertela nunha función que nunha película?

Jorge Coira (JC): A min paréceme que o texto ten unhas raíces cinematográficas moi claras. De feito hai escenas e localizacións que son moi difíciles para o teatro, pero non para o cine. Na adaptación, unha cousa que traballamos moito é en estirar todo moitísimo máis porque para teatro hai moitísimos cambios de escena, pero para o cine resulta moi poucos. O texto ten 31 escenas. Iso, para o cine, serían corenta e pico secuencias. Iso faría unha película moi lenta.

Rubén Ruibal (RR): Todo isto vén porque esta obra era unha homenaxe a Vidal Bolaño, polo tanto tiña que aparecer o cine. O cine era a paixón de Roberto mesmo cando facía teatro. A min tamén me gusta moito o cine e tamén me gusta traballar nos límites das artes, iso de achegar o teatro ao cine, á danza, ás artes do momento. Iso por un lado, polo outro está que a miña idea sempre foi facer directamente un híbrido de cine e teatro.
      
En que momento de desenvolvemento está a fita?

JC: O que se fixo até agora foi traballar no guión, Jacobo Paz e mais eu. O primeiro foi analizar o texto e entrarlle ás tripas. Despois desa análise, hai que facer unha escaleta e desenvolver escena por escena toda a historia. O texto teatral comeza xa cunha escena na que se dá unha chea de información...

RR: Esa escena, en tempos, era unha obra de teatro. Só esa escena. Era a miña idea para facer unha obra completa que nunca se fixo porque, ao final, xurdiu o espazo da diálise. Pero en principio esa escena era unha obra.

JC: Nesa escena aparece moitísima información. Nós, para a película, desentrañámola toda para que esa información vaia en moitas escenas. Así comezamos a alongar os espazos. Tamén, con cada personaxe que nos pode interesar o seu mundo, pois ampliamos máis ese mundo. E agora estamos nese traballo, escribindo os diálogos. A idea é que o guión estea listo nos próximos meses para poder rodar a finais deste ano ou a comezos do que vén.

"A crise, lonxe de ser un problema, dálle ao texto unha verdade e unha forza moi interesante"

Unha das personaxes da obra  participa dunha trama de corrupción inmobiliaria. O tema da corrupción, polas circunstancias, está moi presente hoxe en día. Esa trama tería a mesma forma de contarse agora que cando se escribiu a obra en 2005?

RR: Limpeza de sangue falaba dese tempo no que atabamos os cans con longanizas, cando estabamos todos sobrados de pasta e todo importaba relativamente pouco. A min preguntábanme pola trama de corrupción, preguntábanme en que consistía. Para min a historia é que traballaban con material de construción ocultos, pero non me preguntes máis porque eu non o entendo. Eu non son capaz de entender os mecanismos polos que estes tipos se facían coa pasta.

JC: Na obra, a trama está indefinida. Eu non sei até que punto na película vai quedar definido. Eu, para poder traballar, si que preciso telo claro. Por iso, unha das cousas que fixemos nesta temporada foi analizar o texto e documentarnos, tamén falando con médicos e con xente que traballa nos transplantes para a parte toda da diálise.

RR: Eu sei por que xurdiu o da trama de corrupción para a obra. A miña cuñada era arquitecta e traballaba nunha oficina para certificar a calidade das obras. Entón eu sei como era o proceso de todo iso  e pensaba: “Macho, temos a nosa fe como cidadáns depositada nunha xente determinada que se supón que vai facer as cousas ben, pero como algún salte un pouco, xa está”. Dese xeito e onde menos o esperas, sae un Urdangarín. Vaia... Nese caso, era previsible que saíra...

JC: Realmente ese mundo de corrupción non é que siga só vixente, é que ten máis importancia social e mediática que hai cinco anos. En tempos de bonanza daba igual que roubaran...

RR: Hai dez anos importábanos unha merda que estivesen chorizando

JC: Claramente a obra está escrita nos momentos gloriosos da burbulla, pero xa non vivimos nese tempo. Non ten sentido que fagamos unha película de época. A crise, lonxe de ser un problema, dálle ao texto unha verdade e unha forza moi interesante. Na obra era un pano de fondo, pero cambiaremos iso. En vez de producirse no intre en que todos desbaldían e se facían ricos, a película desenvolverase no momento en que todo está a caer e todo é un desastre.

"Precisamos coches, pero tamén bens culturais para alimentar o espírito"

Con todo este tema da crise, parece que agora non nos podemos permitir a cultura. Parece que esa mensaxe callou, que hai que recortar en cultura, que non  queda outra...

RR: Calla porque o repiten continuamente. A cultura como produto non é algo tanxible. Somos así de burros, como non podemos tocar unha obra de teatro parece que nos la suda. Na maquinaria da opinión pública é un discurso que se dá por real. Tamén habería que preguntarnos que fixemos os da cultura respecto a iso. No caso do teatro, mentres os políticos decidían facer máis e máis infraestruturas para facer teatro, parece que ningún dos profesionais chegou a pensar que a esas infraestruturas había que darlles un uso e que iso era máis difícil que construílas.

JC: Está presente esa idea de que a cultura é prescindible, unha idea é incrible formulala dese xeito. Sen dúbida o noso non é un dos sectores primordiais a nivel de estado. O primordial é a sanidade e a educación. Iso é sagrado. Pero o noso sector está despois, coma todo o resto. Non me parece menos importante que os automóbiles. Non o digo porque me dedique a isto. Por suposto, penso que sería terrible que se deixasen de facer automóbiles e que se perdesen postos de traballo. Como tamén é terrible que se perdan empregos na cultural. Creo que precisamos coches, pero tamén bens culturais para alimentar o espírito. Pode soar forte iso de alimentar o espírito, pero a todos nos gusta o cine, as series, o teatro... Non é algo para entendidos nin para unha minoría selecta, non.

RR: Fórmanse sempre frases feitas. Parece que cultura e subvencionada van sempre xuntas e acabouse. E a ninguén se lle ocorre dicir que a gandería subvencionada tamén existe ou a agricultura subvencionada...

"Entrou unha brigada de demolición para todo. Parécelles completamente prescindible tanto cultura como a lingua"

Tampouco nos podemos permitir unha Consellería de Cultura? Parece que esta Xunta sempre levou sempre unha política de perfil baixo coa cultura, de rebaixarlle a categoría cada vez que podía e agora, directamente, elimina a Consellería de Cultura...

RR: É insistir no discurso de que é algo prescindible. Entrou unha brigada de demolición para todo. Parécelles completamente prescindible tanto cultura como a lingua. Pois que se decidan! Que a brigada de demolición entre tamén na Xunta! Para que queremos este goberno? É unha brigada de demolición que chegou e dixo: “Imos acabar con todo isto”. Así de resumido.

JC: Dá pena  que non haxa unha Consellería de Cultura, que se coloque con Educación. É poñela nun segundo termo. Coido que para o goberno galego debería ser unha preocupación fundamental.

RR: Se existe unha Xunta de Galicia é para iso!

JC: A cultura no sentido máis amplo da palabra é o que vertebra a existencia diso que se chama Galicia. Compartimos todos unha cultura, un idioma... Dá moita pena que se lle dea tan pouca importancia. Tamén é certo que nos toca pelexar por conseguilo. Loitar por conseguir maior recoñecemento. Loitar. É o que hai.

Dominio Público TingaLaranga AudioVisual

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.