“A nosa esperanza é poñer unha semente de pensamento crítico nos que escoitan Nao”

Nao © Zelia Garcia

O 16 de marzo comezaba a presentación de Cancións de amor e liberdade, o terceiro disco da banda estradense Nao, editado grazas á microfinanciación. Conversamos con estes catro músicos antes do seu concerto no Torreiro da Festa en Vigo, penúltima cita desta xira. A derradeira cita para poder escoitalos ao vivo antes do verán será este 20 de marzo no Aturuxo de Bueu.

A derradeira cita para poder escoitalos ao vivo antes do verán será este 20 de marzo no Aturuxo de Bueu

Jasper, Gus, Paul e Amós son os nomes deste proxecto colectivo que naceu no 2005, co desexo de axitar mentes e a intención de facer música de calidade, en galego. A banda mudou, con baixas e novas incorporacións. Transformouse tamén o mundo da música, a súa difusión e como comunicar. Comezaron a gravar o disco en agosto e finalizaron en febreiro deste ano. Contabilizan máis de 12.000 quilómetros desde as distintas localidades nas que viven até os estudios Mafia no Carballiño.

Oito anos despois, os Nao reivéntanse con este novo traballo. Primeiro foi o seu single Mafia, para poñerlle letra ao caciquismo e outros papeis, seguido do lanzamento de todo un himno xeracional (Heroes da Resistencia), que tivo como antesala un hardchorus, o primeiro que facía unha banda galega. Destas cuestións, da cultura, dereitos de autor e como sobrevivir en tempos de crise vai esta entrevista.

Cambiaron as cousas desde o 2005 até agora na escena da música galega?

Gus: Deunos tempo a vivir o remate da época dourada para a música, cando había máis cartos e máis festivais pra tocar. Agora todo é máis difícil e é como se cada vez che puxesen un peso máis grande. Agora hai menos cartos, menos bolos, menos sitios para tocar e máis dificultades para gravar; e unha banda para perdurar no tempo tense que enfrontar a todo isto. Cada vez está máis difícil se queres facer algo de calidade porque todo o demais xoga en contra de que o fagas. Non sei se o conseguimos ou non pero tentamos facer un traballo respectábel e para iso tes que perder pasta e poñer corazón.

Jasper: Eu resumo en que traballas como un profesional pero cobras como un amateur.

"Agora hai menos cartos, menos bolos, menos sitios para tocar e máis dificultades para gravar. Cada vez está máis difícil se queres facer algo de calidade porque todo o demais xoga en contra de que o fagas"

Tamén houbo unha grande transformación en todo o que ten que ver co consumo da música e a comunicación, o uso das redes sociais... Como se adapta Nao a estes cambios?

J: O que queremos é que a xente escoite os nosos temas e que os viva. Se loxicamente merca un CD, moito mellor porque fai que a cultura poida permanecer. Moitas veces queixámonos da colonización, da nosa falta de soberanía en todos os aspectos, pero o ataque máis forte é contra a cultura e temos que tomar conciencia de que se non apoiamos nós a cultura, os outros só van poñer trabas. Mercar un disco ou camisola, ir a un concerto, son xestos importantes para colaborar coa difusión e polo mantemento da cultura. A nós que a xente descargue o disco parécenos xenial porque o noso obxectivo vai máis alá, que se reflexione e que a xente faga súa a nosa música.

As redes sociais para nós son importantes porque nos dá a vida manter ese contacto directo e facilítanos moito as cousas. Nós continuamos facendo pegadas de cartaces pero tamén sobes o cartaz ao facebook, podes estar do outro lado polos comentarios na canle do youtube e, en definitiva, adaptámonos ás novas realidades.

"Moitas veces queixámonos da colonización, da nosa falta de soberanía en todos os aspectos, pero o ataque máis forte é contra a cultura e temos que tomar conciencia de que se non apoiamos nós a cultura, os outros só van poñer trabas"

Que supón para os integrantes de Nao continuar en activo e oito anos despois cun novo traballo?

J: É difícil manterse ao longo do tempo e sobre todo é un sacrificio persoal moi grande. Nós, á nosa idade, xa temos familia e fillos, supón un maior esforzo. Tamén é un sacrificio económico moi grande.

Imaxino que os motivos económicos foron fundamentais á hora de apostar polo microfinanciamento para lanzardes Cancións de amor e liberdade, como foi ese proceso?

J: Decidimos apostar polo microfinanciamento porque o primeiro disco o sacamos cun crédito bancario e cos cartos aforrados dos festivais, o segundo disco foi cos cartos dos nosos petos e tamén con algo do aforrado como grupo. Neste último vimos que o crowdfounding era un bo método para que aqueles e aquelas que nos queren e que nos seguen tivesen o xeito de axudarnos  facendo unha colaboración mutua e troco. Toda a campaña foi moi sorprendente porque tiñamos a esperanza de que saíse ben pero non tiñamos ningunha certeza. Mantivemos contacto cos mecenas, que eran dos sitios máis dispares, e iso permitiunos ter un contacto directo cos fans da banda.

G: Tamén serviu para darnos a coñecer, para que se soubese que iamos sacar novo disco e o contacto coas persoas seguidoras da banda foi para nós un estimulo.

"Mantivemos contacto cos mecenas, que eran dos sitios máis dispares, e iso permitiunos ter un contacto directo cos fans da banda"

Cal é a mensaxe que Nao quere transmitir coa súa música?

J: Nao non é un grupo para bailar senón que é un grupo para crear conciencia. A nosa esperanza e ilusión é poñer unha semente de pensamento crítico nos que escoitan Nao. Con cancións de amor e liberdade queremos expresar esa necesidade de berrar aínda máis forte, hai que falar de cousas máis concretas. Xogamos coas duplas interpretacións e que a xente sexa quen constrúa o sentido tamén que teñen para eles os nosos temas nas súas vidas. Prodúcenos moita satisfacción que a xente se reapropie dos nosos temas para narrar o seu día a día e para mostrar a súa carraxe e o rexeitamento do que acontece.

“Non houbo mitos de referencia, sempre por armas a nosa conciencia/ Somos unha familia que se fixo na rúa, netos desta ditadura” di Heroes da resistencia. Como foi a creación dese himno xeracional no que se está a converter o voso segundo single?

G: Cando Jasper chegou coa letra, sentín que non había nada mellor, que a música era secundaria. É unha canción que fala de coherencia, de amizade, de ver que van pasando os anos e conservas as cousas boas e tamén as malas mais que ao final estás orgulloso da túa vida. 

J: Cando fixen a letra deste tema pensei en toda esa xente coa que compartín distintas experiencias ao longo da miña vida, tamén nos meus compañeiros de banda. Todo o que se di nese tema vivímolo todos, está enfocada mesmo en moitas vivencias que eu tiven na cidade de Vigo. Sei que hai moita xente que se sentiu identificada porque viviu iso mesmo que estou narrando. Quería falar deses heroes da resistencia. A unha persoa de 20 anos pódelle gustar, pero está claro que a unha persoa de entre 30 e 40 anos que lle tocou vivir o noso momento histórico aquí en Galiza, sabe do que falamos, máis alá de que sexa ou non nacionalista ou independentista.

"Quería falar deses heroes da resistencia. A unha persoa de 20 anos pódelle gustar, pero está claro que a unha persoa de entre 30 e 40 anos que lle tocou vivir o noso momento histórico aquí en Galiza, sabe do que falamos, máis alá de que sexa ou non nacionalista ou independentista"

O vídeo deste tema leva preto de 3.000 visitas en menos de quince dias, que quere visibilizar tamén esta aposta audiovisual?

J: A banda é como un barco no que todos remamos e imos contracorrente. Aproveitámonos do bo facer da xente da produtora de Ziwa e de traballar con calidade, porque cartos non hai, e tivemos este vídeo. A idea que transmite é a que temos do grupo, de esforzo, de que a través da unión e a forza podemos todos ir xuntos cara unha dirección. É un chamamento á unidade. Tamén fala do sufrimento de facer o que nós facemos no eido musical, de que do esforzo sae a recompensa.

G: Quere representar esa idea de ir contracorrente, e de que moitas veces tes que facer cousas absurdas, como subir nun barco a unha montaña, pero que paga a pena.

Como está indo a vosa xira?

J: A xira comezámolo no Carballiño facendo un concerto sparring para os mecenas que foi xenial. A primeira data que foi a da Capitol tamén a valoramos positivamente, pero con menos xente da habitual, tamén pasou noutras datas pero fomos remontando.

G: O disco vai avanzando, vai chegando a máis persoal e iso nótase. Cando quitas un disco queres correr pero ás veces cómpre máis tempo, porque a música en galego non sae nos medios de comunicación (A xira está condicionada porque Gus vai ser pai en dúas semanas) O noso momento vai ser o verán para estar nos escenarios e que xa se coñeza máis este traballo.

"A xente que chame, sen compromiso, porque nos dá a sensación de que dis o caché e a xente pasa de volver a chamar, porque cando hai vontade de acordo haberá acordo"

Tendes xa datas confirmadas para o verán?

Pol: Ningunha organización de ningún festival sabe a día de hoxe canto vai poder gastar así que temos contactos pero aínda está todo no aire.

J: Temos vontade de tocar en moitos festivais, somos conscientes de que hai moitos festivais que teñen problemas económicos pero queremos ir a eles e estamos agardando a que se fechen eses contactos. A xente que chame, sen compromiso, porque nos dá a sensación de que dis o caché e a xente pasa de volver a chamar, porque cando hai vontade de acordo haberá acordo. Queremos tocar este verán en moitos lados. Nao non é eterno e se a xente quere ver a Nao tamén ten que presionar para que teñamos presenza nos festivais. Non imos durar toda a vida e se o panorama non se enxerga máis positivamente, esta banda non vai durar outros oito anos.

Canto aos dereitos de autor e toda esta polémica, que posición tendes?

J: A cultura é popular e nós non temos nada rexistrado. As nosas cancións son nosas e de todas as persoas que as escoitan. Se alguén vai facer negocio coas nosas cancións sen pedirnos autorización pois iso si que sería un problema.

"Aínda que as axudas poidan ser boas, hai que evitar esta perversión e a cultura ten que autoxestionarse e autovalorarse"

E outro debate: as subvencións á cultura, cal é a vosa postura?

Amós: Se este sistema tivese sentido ou se todo funcionase como ten que funcionar non farían falta estas axudas. Funcionan como un instrumento  de politiqueo máis.

G: As subvencións xeraron correntes de movemento nas que todo o mundo se posicionou e foi incoherente para arrimarse á pasta. Aínda que as axudas poidan ser boas, hai que evitar esta perversión e a cultura ten que autoxestionarse e autovalorarse. Se a xente defendese activamente a cultura sendo parte dela, colaborando, sendo protagonista da mesma, non farían falta.

J: Tería que ser equilibrado e non o é. Hai que tentar crear unha rede pero non a través da subvención senón a través das experiencias que poden crear comunidade como os centros sociais, salas, locais de ensaio, asociacións culturais e veciñais, redes de festivais que se apoien, bandas. É necesario apostar por construír nese sentido.

"Quixemos facer un disco redondo, moi traballado, por se puidese ser o noso último traballo"

Por último, cara onde camiña Nao?

P: As ganas seguen sendo as mesmas pero só nos queda comprobar canto tempo podemos continuar. Mentres manteñamos esta ilusión, farémolo.

A: Quixemos facer un disco redondo, moi traballado, por se puidese ser o noso último traballo.

J: Mínimo continuaremos até o 2014, no que faremos 10 anos.

G: Agora mesmo tamén estamos a gozar do noso momento porque respectando e queréndolles moito aos compañeiros cos que compartimos antes Nao, agora estamos nun moi bo momento, de conexión musical, de madurez.

Nao en concerto © Zelia Garcia
Jasper © Zelia Garcia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.