Laiovento abrirá novos camiños conservando o seu espírito

Libro editado por Laiovento © Laiovento

“Laiovento mantén o seu espírito, segue a ser o mesmo. Continuamos pola senda do rigor científico,  a calidade estética e a liberdade creativa”. Así define o presente e o futuro da editorial Afonso Ribas, un dos fundadores do selo nacido en 1991. Deste xeito, Laiovento vive a apertura dunha nova etapa dende que o pasado mes de marzo Francisco Pillado, o seu director e presidente de honra de Praza Pública, anunciase a súa desvinculación co proxecto. Nunha entrevista publicada en marzo en Praza, Pillado aseguraba que se atopaba “desmoralizado”, “canso” dun labor editorial á “contra”, nun escenario difícil no que a Xunta renunciou a todo apoio. “Durante todos estes anos fun feliz co traballo, pero agora non desfruto. Traballei sempre sen remuneración ningunha, e agora xa non me compensa", aseguraba na entrevista.

O relevo collérono Pepe Carreiro e Afonso Ribas, quen xunto a Xesús Couceiro, seguirán dándolle pulo a Laiovento. A intención pasa por manter o espírito da editorial, mais introducíndose en novas sendas de cara ao futuro. Deste modo, o selo apostará –entre outras mudanzas- pola publicación de poesía de autores galegos e pola exploración no eido dixital. “Cómpre traballar polo mundo dixital, toca renovar a web e dar moitos pasos de cara ao futuro. Non é un camiño nada fácil, tendo en conta o disparatado sistema fiscal español, na que o libro dixital carga cun 21% de IVA e nun estado que, realmente, non promove o mundo dixital”, sinala Afonso Ribas.

O relevo collérono Pepe Carreiro e Afonso Ribas, quen xunto a Xesús Couceiro, seguirán dándolle pulo a Laiovento. A intención pasa por manter o espírito da editorial, mais introducíndose en novas sendas de cara ao futuro

Unhas das novidades neste novo traxecto emprendido por Laiovento destaca a implicación clara na poesía. “Comezamos a publicar poesía nunha colección, Altovento. Consideramos que hai moita demanda de poesía de calidade. Por iso queremos afondar neste xénero con autores galegos”, explica Ribas.

 

Cara ao exterior

Un dos intereses da dirección de Laiovento é abrirse ao exterior como vía de crecemento. “As tiraxes acó dan para pouco máis que sobrevivir”, sinala Ribas

Un dos intereses da dirección de Laiovento é abrirse ao exterior como vía de crecemento. “As tiraxes acó dan para pouco máis que sobrevivir”, sinala Ribas. Nese senso, a súa intención é ir ao exterior a través das traducións. Así, a editorial buscará libros que non estean traducidos ao galego e que se atopen descatalogados tamén no ámbito do estado para ofrecerlle o libro a senllos mercados. “Buscaremos eses libros, con criterio de calidade, traducirémolo primeiramente ao galego e, a posteriori, meses despois, verteranse ao castelán. A tiraxe ao castelán, en calquera caso, será vendida fóra de Galicia”, sinala Ribas, quen tamén engade que este funcionamento tamén o levan a cabo “vascos e cataláns.” “Hai que ter en conta que gran parte da súa industria está no castelán”, sinala.

O primeiro título que publicarán dentro desta lóxica será O retrato do colonizado, de Albert Mammi, autor franco-tunesino nacido en 1920. O volume, publicado orixinalmente en 1957, recolle as súas preocupacións identitarias, ao ser Mammi xudeu, tunesino e francés a un tempo. O libro resulta ser unha reflexión sobre a relación entre un país colonizador e un país colonizado.

 

Manterse a flote

“A situación económica non é boa, os bancos apertan”, recoñece sen caer no derrotismo

Afonso Ribas recoñece que o camiño agora ten os seus atrancos, que non é fácil. “A situación económica non é boa, os bancos apertan”, recoñece sen caer no derrotismo, xa que Laiovento leva máis de vinte anos en funcionamento, teñen un proxecto de futuro e que seguirán, malia as mudanzas, apostando polo seu espírito fundacional. É dicir, traballo altruísta, sen ánimo de lucro e cuxos beneficios sempre se reinvestiron na publicación de novos volumes, principios que sempre se mantiveron dende a súa creación da man de Francisco Pillado, Afonso Ribas, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manuel González Millares e Xosé Manuel Beiras.

Mostra de que a actividade segue en marcha é que tras a saída de Pillado, a editorial seguiu tirando do prelo títulos como Textículos dramáticos e postdramáticos, de Alfonso Becerrá ou Nunha presa de terra, de Paco Castro, últimos libros que se uniron ao catálogo. Un catálogo que segue vivo. Laiovento tamén. E sempre co obxectivo de convidar, tal e como recolle o seu web, “a todos os homes e mulleres deste vello a participaren connosco nunha empresa que ten como único obxectivo o de contribuír desde unha óptica plural, aberta e progresista, á construción nacional da Galiza”.

Algúns dos fundadores de Laiovento, en 1991 © Laiovento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.