“Como outros moitos rapaces da miña xeración, cheguei a Lovecraft grazas a Agustín Fernández Paz”

Antonio M. Fraga, posando coa espada-trofeo do Premio Antón Risco © Urco

O próximo 30 de setembro rematará o prazo para presentar orixinais ao II Premio Antón Risco, o único certame -convocado por Urco Editora e a Fundación Vicente Risco- que na actualidade se centra na literatura fantástica en Galicia. Na primeira edición, o gañador foi Antonio M. Fraga coa novela Querido H.P Lovecraft (Urco, 2016). Trátase dunha singular obra na que Fraga nos introduce na vida do escritor Robert E. Howard, creador de personaxes como Conan e membro do círculo de Lovecraft, a través dunha ficticia serie de cartas que Howard intercambiaría con mestre do terror cósmico para lle explicar os motivos polos cales decidira suicidarse. Trátanse así motivos escuros, presaxios terribles e unha maldición que o persegue e o atormenta no treito final da vida dun autor que poñería fin á súa vida con tan só trinta anos. Fraga xoga así coa biografía real dun Howard e unha ficción fantástica, reflexionando así sobre a feble fronteira entre a loucura e a realidade. Precisamente é esa fronteira a que se converte na résgoa narrativa por onde se coan os elementos de terror, a fantasía fantástica e unha serie de elementos propios da literatura lovecraftiana. 

"Un sistema literario debe contar con distintos e variados premios, respondendo a diferentes xéneros. Penso que é positivo en todos os niveis"

O Premio Antón Risco é na actualidade o único certame de literatura fantástica que hai en Galicia. Un galardón coma este é fundamental para un xénero que se cultiva pouco?

A verdade é que penso que cada vez abunda máis. Sempre se fixeron cousas. A xente que lle gusta ir por ese camiño está a emprender na actualidade proxectos variados e interesantes. A existencia dun premio de literatura fantástica é, ademais, un síntoma de normalización para o conxunto do sistema literario. Un sistema literario debe contar con distintos e variados premios, respondendo a diferentes xéneros. Penso que é positivo en todos os niveis. Primeiro para o propio xénero fantástico, xa que ter un premio desta natureza se converte nun acicate para apostar polo xénero. En segundo lugar, para o sistema literario no seu conxunto, que se ve reforzado e enriquecido.

Non obstante, fóra do traballo que fai Urco Editora, o xénero non abunda nas librarías...

Penso que as editoriais xeralistas, por dicilo dalgún xeito, van publicando temas de fantástico. Se cadra pensado máis para a literatura infantil e xuvenil, non tanto para o público adulto. Agora ben, a aparición de Urco e todo o proxecto que ten detrás representa un xeito necesario para canalizar a creatividade cara ao fantástico. Ademais, creo que serve como canteira para novos autores.

De onde xorde o interese polo círculo de Lovecraft?

Cheguei a este círculo por casualidade. Eu tiña unha idea máis ambiciosa para unha novela, que consistía en escribir unha serie de relatos sobre escritores que decidiran pórlle fin á súa vida. Foi así, documentándome para ese proxecto nunca materializado, como batín coa historia de Robert E.Howard, do que apenas coñecía a súa pertenza ao círculo de Lovecraft. Si coñecía os seus personaxes Conan, Kull ou Solomon Kane, que son auténticas iconas da cultura popular. Nun comezo, eu só lera unha novela súa, Pombos de inferno. Pero cando me documentei sobre a súa vida, descubrín que a historia de Robert E. Howard tiña elementos abondos para conformar unha novela que cadrase no terror cósmico instaurado polo seu mestre Lovecraft. Iso si, tratei sempre de non realizar un traballo científico, non procurei presentar unha biografía, senón aproveitar unha serie de fitos da realidade do propio Howard para ir trazando unha ficción. Así foi un pouco como cheguei ao círculo de Lovecraft, cuxos membros aparecen na novela. Algúns, como Clark Ashton Smith, só saen citados; outros, como E. Hoffman Price teñen un papel importante na trama.

"Tratei sempre de non realizar un traballo científico, non procurei presentar unha biografía, senón aproveitar unha serie de fitos da realidade do propio Howard para ir trazando unha ficción"

A obra preséntanos nun formato epistolar, xa que se inclúen catro cartas. A primeira delas, escrita polo pai de Robert E. Howard e na que lle comunica o suicidio do seu fillo a Lovecraft, é completamente real. Como chega a ela e por que escolle este formato epistolar?

En realidade, a novela é falsamente epistolar, xa que son catro cartas, pero o importante é unha única carta de Howard na que conta toda a súa historia. Á carta real cheguei durante a busca de información. Esa foi un pouco a pista, pensei que podería utilizar esta carta e despois, unha vez, que me decidín polo xénero epistolar, realizar unha misiva de Howard en primeira persoa contando os motivos polos cales se decidiu ao suicido. A primeira persoa daba moito xogo para o que eu quería facer, para o que quería contar: esa feble fronteira entre a loucura e a realidade e tamén esa sensación de que un pode estar abocado directamente á morte

"Quería contar a historia da desesperación dese home, de como se vai mergullando nun caldo de cultivo que o leva irreversiblemente cara ao suicidio"

Esa fronteira entre a loucura e a realidade convértese na résgoa por onde entra a literatura fantástica, non?

No ámbito temático, eu quería contar a historia de Howard e que transcendese dalgunha maneira do xénero fantástico. Quería contar a historia da desesperación dese home, de como se vai mergullando nun caldo de cultivo que o leva irreversiblemente cara ao suicidio. Á hora de facelo, si que botei man  dalgunhas teimas clarísimamente lovecraftianas como son a xa citada fronteira entre a loucura ou o pesadelo recorrente, que é un elemento moi presente nalgunhas fases nas que está dividida a obra de Lovecraft. É dicir, a fase onírica ten moita presenza. Tamén emprego a cuestión lovecraftiana da imposibilidade de fuxir do noso destino e cúmprese, ademais, o patrón desa persoa formada intelectualmente e escéptica que vive alteracións á lei natural que a levan primeiro á tolemia e finalmente á morte.

E para fomentar a atmosfera opresiva, empréganse elementos da vida real de Howard como é a relación bastante nociva que mantiña cos seus pais.

Especialmente coa nai, que é  practicamente unha forza omnipresente. Falamos por unha banda da ausencia do pai e, pola outra, da presenza absolutísima da nai. Son elementos biográficos de Howard que mesmo parecen feitos adrede para contar a historia que eu tiña en mente. Todo encaixa á perfección, dende o meditado suicidio do protagonista até a enfermidade da nai, coa que mantén unha relación con compoñentes edípicos. Nesta mesma liña, pódese incluír a degradación persoal que vive en paralelo a unha deterioración económica, algo que está moi presente na correspondencia que mantivo co seu editor e cos seus compañeiros do círculo de Lovecraft. E sen esquecernos da particular relación que mantivo coa única parella que tivo na súa vida, Novalyne Price. Si que hai elementos moi claros na súa biografía real que apenas precisan de modificación para que encaixa o relato da miña novela.

"Búscase que o lector dubide, que pense se todo isto puido acontecer ou se é todo produto da imaxinación do propio Howard"

Lovecraft é, en realidade, un pano de fondo para contar a historia de Howard aderezada con elementos de terror. Pode sorprender como o caracteriza a través da carta que lle envía ao pai, no que amosa o escepticismo con todas as maldicións fantásticas que supostamente atormentaban a Howard.

Lovecraft declarouse ateo con cinco anos. Malia toda a imaxinaría e as divindades que el creou, era unha persoa que non se podería definir como crédula. Como dis, Lovecraft serve como pano de fondo e hei de dicir que gocei moito escribindo este libro. A relación entre eles resulta fascinante. Durante anos intercambiaron centos e centos de cartas. Falo de Howard e do resto de membros do círculo que xamais se coñeceron en persoa, agás E. Hoffman Price que si coñeceu ao gran triunvirato de escritores da Weird Tales: Clark Ashton Smith, Roberto E. Howard e Lovecraft. Visitounos nos seus propios domicilios, algo que se reflicte na novela. A ver, realmente o importante era reflectir a relación destes personaxes escritos e xogar co límite entre a loucura e a realidade. Entón, búscase que o lector dubide, que pense se todo isto puido acontecer ou se é todo produto da imaxinación do propio Howard.

"Weird Tales era unha revista conectada co seu tempo. Como todas as publicacións pulp, tivo moito éxito durante a época da Gran Depresión"

A revista pulp Weird Tales representou un punto de encontro para estes escritores, mais que influencia ten neste Querido H.P. Lovecraft o pulp?

Weird Tales era unha revista conectada co seu tempo. Como todas as publicacións pulp, tivo moito éxito durante a época da Gran Depresión. Principalmente, por dous motivos. O primeiro? O prezo era moi baixo, ben barato. O segundo era a súa temática. As revistas contiñan historias que servían para evadirse da realidade tan dura que se estaba a vivir, tocando xéneros como o terror, a fantasía, o western... Nese sentido, está bastante presente na ambientación da novela, unha novela que toca por suposto o terror, a fantasía, mesmo o western, xa que a propia paisaxe texana está moi presente.  Todo ese universo pulp axudou a crear o esqueleto da novela.

Comentou agora dous elementos importantes: Texas e a Depresión. Son dúas ideas que fomentan a sensación de opresión na historia, non?

Si, iso procuraba. De feito, Howard era un namorado do concepto da vella Texas, algo que podemos ver nas películas de John Ford. De súpeto, atopouse toda a paisaxe que tiña mitificada chea de torres petrolíferas. Calquera tipo de progreso técnico púñao enfermo, xa que el consideraba que a barbarie era o estado natural do ser humano e estaba en contra dos impactos da civilización na paisaxe. De feito, cando o visita Price, un dos anhelos de Howard era poder mostrarlle a vella Texas, levalo aos sitios con historia e poder falar con veteranos da Guerra de Secesión.

"Calquera tipo de progreso técnico púñao enfermo, xa que el consideraba que a barbarie era o estado natural do ser humano e estaba en contra dos impactos da civilización na paisaxe"

A súa visión sobre a barbarie e a civilización enlazábao directamente con Nietzsche, de quen fai referencia na súa novela.

Vese na súa obra perfectamente. Os seus protagonistas eran guerreiros, eran bárbaros, estaba seguro de que os seus antepasados eran pictos escoceses. De feito, un dos seus autores referencias era Jack London, que tiña todas esas historias de pioneiros e conquistas. Para el, todo o concepto de civilización era totalmente decadente e degradante. A barbarie era o estado natural do home. Dese xeito conecta directamente con Nietzsche.

"Pódese considerar este libro tamén unha pequena homenaxe a Agustín Fernández Paz"

Non sei se quere engadir algún aspecto da novela que pasara eu por alto...

Unicamente gustaríame dicir que xa no propio título se ve que o texto ten moito de homenaxe a Lovecraft ou máis concretamente á súa obra, seguramente máis merecedora da homenaxe cá súa persoa. A súa obra levou o terror a asumir anovadoras marcas de xénero que despois transcenderon a outros ámbitos como o cinema ou a banda deseñada. Despois, comentar que eu cheguei a Lovecraft, como outros moitos rapaces da miña xeración, grazas a Agustín Fernández Paz, que cultivou o xénero do terror cósmico lovecraftiano en obras como Aire Negro. Pódese considerar este libro tamén unha pequena homenaxe a Agustín Fernández Paz.

"Espero que cando gañe outra persoa a segunda edición, volvan sacarlle a foto coa espada e así a xente vaia asociando a espada co premio e non coa miña tolemia"

É unha última pregunta. Na súa foto na solapa do libro posa cunha espada. É súa?

[Risos]Moi boa pregunta. Alégrome moito que mo preguntes, porque me ves aí cunha espada e queda raro. É que debería haber un pé de foto que aclarase que a espada é o trofeo do propio premio Antón Risco de Literatura Fantástica. É unha réplica dunha espada medieval que, por certo, pesa un quintal. Non sei que altura ten, se cadra metro e medio. Aínda non sei onde a vou colocar na casa. [Risos] Espero que cando gañe outra persoa a segunda edición, volvan sacarlle a foto coa espada e así a xente vaia asociando a espada co premio e non coa miña tolemia.

Capa do libro © Urco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.