O profesor e tradutor Manuel Outeiriño vén de presentar en Compostela o seu libro Globalización e imperialismo cultural (Galaxia, 2011), un compendio de artigos que furan nun dos conceptos máis analizados nas últimas décadas. Esta obra, que verte ao galego textos de autores como David Held, Arjun Appadurai ou Alex Callinicos, pretende ser, segundo o autor, un achegamento inicial ao concepto da globalización
O día da presentación asegurou que esta obra era unha “introdución sintética” ao concepto de globalización. É unha guía necesaria para comezar a entender as circunstancias globais que estamos a vivir?
Si, efectivamente é unha introdución sintética, porque a cuestión da globalización é un concepto sobre o que se escribiu moitísimo dende a última década do século XX. A globalización configuraba todo un novo paradigma dos estudos sociais e hai unha bibliografía inmensa. Este libro achega puntos de vistas diferentes de diversos autores ao redor da globalización.
"Facendo unha broma, pódese dicir que este libro é un dos libros máis roxos que publicou Galaxia nos últimos anos"
Por que se escolleron estes textos e estes autores para esa introdución?
Porque estes artigos conforman un libro que reúne autores que non analizan a globalización de xeito simplista nin de forma irónica. Por outra banda, este libro tenta paliar unha situación: que en moitos casos, á hora de falar da globalización e coincidindo co ambiente político conservador e amnésico, arrédase a tradición do presente socialista. Facendo unha broma, pódese dicir que este libro é un dos libros máis roxos que publicou Galaxia nos últimos anos. [Ri]
No libro hai unha frase de 2005 de Held que di: “É posible gozar, por exemplo, da condición de membro e dos dereitos de voto en Escocia, no Reino Unido e en Europa sen traizoar necesariamente a identidade ou a lealdade a ningunha desas entidades políticas”. Coa que está caer un grego, un escocés ou un galego pode sentirse identificado coa UE?
A miña resposta é unha pregunta: Que escocés, que grego e que galego? Pregúntelle ao galego, ao escocés, ao grego...
"A cuestión da identidade non me importa tanto, non me importa que as sociedades manteñan a súa identidade, o que me ilusiona é que sexamos quen de facer unha sociedade sen clases, sen clasicismo"
Estoulle preguntando agora ao galego
Pois antes de respostar, eu diría que Held é un académico honesto e excelente, un socialdemócrata cosmopolitista. No seu libro Un pacto global asegura que é inaceptable que o mundo funcione co consenso do Washington, cunha economía ditada polo FMI. Eu quero crer que comparto moitas cousas co señor Held, pero son un pouco máis escéptico. A cuestión da identidade non me importa tanto, non me importa que as sociedades manteñan a súa identidade, o que me ilusiona é que sexamos quen de facer unha sociedade sen clases, sen clasicismo. Creo que nos últimos anos en Galicia moita xente acolleuse ao tópico de identidade, entendéndoa como unha reacción á globalización e a internacionalización. E con tanto falar de identidade, deixamos de falar de política. Un dos problemas de Galicia é ter unha estrutura política mellor. Temos unha estrutura política que non queremos nin nos vale nin casa coa tradición galeguista.
Antón Figueroa asegurou na presentación que en Galicia había certa “autarquía cultural”. Comparte esa visión?
Esa é unha idea do Antón, se cadra é certo. Pode ser, pero humildemente, a miña actitude e de moita xente é a de estar en contacto cos debates do noso tempo. É certo que hai xente que ten unha actitude moi pecha, pero esa nunca foi a nosa actitude nin agora nin en tempos de Castelao. De feito, o punto 4 do programa do Partido Galeguista di que Galicia é unha célula de universalidade, de antiimperalismo. Pertencemos a unha tradición aberta, crítica.
"Roberto Varela foi o mellor conselleiro de Cultura que tivo o PP nos últimos tempos e dende logo neste goberno, era o máis acertado"
Non é unha visión ensimesmada nin acomplexada logo...
Roberto Varela! Cando chegou aquí de conselleiro, home, sorprendeunos con esas declaracións desafortunadas. Chegou despistado... Pero atrévome a dicir que foi o mellor conselleiro de Cultura que tivo o PP nos últimos tempos e dende logo neste goberno, era o máis acertado.
Do libro extráese, e díxoo vostede na presentación, que non se pode estudar a cultura sen estudar a economía nin a política...
Nunca, nunca.
Se lle pregunto da cultura na actualidade, preguntaríalle pola política e económica do PP en Galicia...
A política cultural do PP comezou coa redución da lingua galega no ensino. Aplicaron un modelo de política lingüística á valenciana, que alí fracasou. A idea do PP foi moi arbitaria, unha cuestión ditada pola Faes. Iso é o moi grave, moi imperdoable. E tiveron resposta. E han ter máis... Non se pode denigrar unha tradición e un patrimonio tan venerable como o da lingua galega. Neste tema non hai conciliación posible
"O PP trouxo aquí unha guerra lingüística. E non hai conciliación posible"
Non hai conciliación posible?
Non, o PP trouxo aquí unha guerra lingüística. E non hai conciliación posible. Estes señores do PP cunha actitude moi toureira están apuntillando -perdoe o castelanismo- unha venerable e milenaria lingua europea como é a galega. A política cultural do PP é acomplexada e derrotista, é agresiva. Non hai pacto posible con eles. Pero se veñen contra nós, que teñan coidado, imos ir ás dentadas. Non hai pacto posible con estes lacaios póstumos do franquismo. Non hai marxe para pactos con eles. Iso si, temos que convivir con eles, por imperativo legal [Ri].
"Galicia é un exemplo de país que resistiu situacións políticas peores das que vivimos"
No libro hai outra frase de Held, que cita a Appadurai, que di que as culturas locais e nacionais aguantaron ben fronte a globalización, qua aguantaron “robustas” fronte o imperialismo No caso galego foi así?
É moi certo, coido que si. Temos un país con recursos naturais, con moita xente formada. Castelao dicía en Sempre en Galiza que despois de séculos de imposición do castelán, non conseguiran acabar co galego, que eran uns imperialistas fracasados. Galicia é un exemplo de país que resistiu situacións políticas peores das que vivimos. Non sei como será o futuro, mais acho que será mellor do que eu agora mesmo espero.