Lín hai uns días que a “Mesa dos pecados capitais” non saiu das mans de Jheronimus van Aken, o pintor flamenco coñecido como O Bosco. Din os expertos que puido ser realizado no seu taller polos seus discípulos. Máis de 500 anos nos separan desta obra, tamén do “Carro de Heno” ou do “Xardín das delicias”, a obra que máis me gusta das que teño visto no “Museo del Prado”, pero ben podía ser que Emilio Celeiro fose o discípulo supervivinte daquel obradoiro e que nos achegue á actualidade obsesións e monstros, como o fixera o mestre holandés.
Celeiro preséntanos nas súas pinturas un rico universo de seres que mortifican ao artista, brillos tecnolóxicos de faunas mutantes que arrodean e ameazan ao individuo creativo, libre. Son unha serie de once caricaturas acompañadas dos seus códigos alfanuméricos. Funcionan como catálogo de personaxes para unha obra pendente de escribir, quizais pezas dun cómic futurista que só poderiamos descifrar recollendo as obras das súas numerosas exposicións, nunha xa dilatada traxectoria. Estamos a falar dunha obra moi actual creada por este artista coruñés que aos seus 87 anos segue asinando pintura, escultura, debuxo...
A proximidade ás obsesións de O Bosco queda tamén patente nos dous Ídolos nos que cos seus pinceis parece representar o recollemento do santo e a ameaza e xenerosidade do deus, ou en “La tentación de San Antonio”, un mundo místico que nos traslada o interese pola trascendencia, pola morte, o “tánatos”.
Nunha esquina cinco debuxos en papel conéctannos con obras anteriores, son os seus peixes lendarios con alma de máquina, desta vez son peixes que rodan sobre a terra, e que contribúen a seguir xerando esa nova mitoloxía, ese universo que Emilio Celeiro non deixa de expandir.
Fiel tamén ao seu repertorio tradicional presenta dez esculturas en bronce, en pequeno formato, que equilibran a mostra abordando paixonalmente o “eros”, nun canto á vida de parellas entrelazadas.
As estilizadas liñas que definen os volumes dos seus bronces tamén rescatan outros mitos clásicos non menos eróticos, con Zeus de protagonista: alado en forma de ciño secuestrando a Leda ou no que adquire a forma dun águia para facer de Gaménides o seu amante no Olimpo, un dos mitos homosexuais más antigos. Navegando pola sala encontraremos reinterpretacións doutras personaxes clásicas, como a dunha serea ou a dunha esfinxe en po de mármore.
Atrévanse pois e atravesen pois o recibidor do Pazo Municipal do Concello da Coruña e paseen por este xardín mutante de Emilio Celeiro, este artista que nos avisa da ameaza dun cambio de paradigma, sobre o natural e o artificial na esencia humana.
Xa saben: aberto tan só ate este domingo.