Adrián Costa é un dos grandes nomes do blues a nivel estatal. Nacido en Compostela en 1979, iniciou a súa traxectoria coa banda The Red Blues Banda. Con vinte anos trasladouse a Madrid para formar parte de grupos como a Tonky Blues Band, grazas á que terá a oportunidade de colaborar con artistas como Buddy Miles (Jimi Hendrix Band of Gypsys) e Mick Taylor (The Rolling Stones). Xunto a Marcos Coll formou o grupo Los Reyes del KO, co que publicou seis discos. Despois, marchou polo mundo e viviu en Berlín e en Estados Unidos. A finais do ano pasado publicou un disco (Sexercise) co seu novo proxecto musical, Adrián Costa&The Criers, e tamén un álbum coa Adrian Costa Blues Band. O próximo mércores 30 de novembro actúa na Sala Garufa dentro do ciclo Enocións By Ribeiro. Praza aproveita a ocasión para conversar dos seus proxectos máis recentes e da súa visión do panorama musical.
O próximo mércores actúa na Sala Garufa da Coruña e faino cun formato determinado, acompañado do seu maquineto. En que consiste exactamente?
O meu maquineto é un sistema que vén xa dos anos cincuenta, dun guitarrista chamado Les Paul. Resulta tan sinxelo como gravarse e volver gravarse en directo. Dese xeito, podes emular unha pequena banda para construír a canción e cantar por riba dela. Na actuación, escoitarase a mestura que adoito facer dende fai moito tempo, porque as miñas raíces son as que teño, pero son un fascinado da música afroamericana e realizo unha mestura de diferentes influencias, dende a música cubana ao, claro está, ao blues e ao soul, que son os xéneros que máis coñezo e que máis tempo levo tocando.
"Vivir en Estados Unidos influíu moitísimo na miña maneira de ver a música, de comprendela e tamén de interpretala. Dalgún xeito, podemos dicir que cambiou o meu concepto da música e o seu funcionamento"
Durante tres anos residiu en California. Musicalmente, como se nota esa estadía en Adrián Costa?
Vivir en Estados Unidos influíu moitísimo na miña maneira de ver a música, de comprendela e tamén de interpretala. Dalgún xeito, podemos dicir que cambiou o meu concepto da música e o seu funcionamento.
Tras a súa estadía en Estados Unidos, xurdiulle unha nova formación musical: Adrián Costa&The Criers. Publicaron un álbum a finais do ano pasado, Sexercise, e durante o verán participaron en festivais como o VdeValarés. Como está a ser a acollida e como definiría este proxecto?
Con The Criers, sacamos ese disco en decembro do ano pasado. Dende aquela, estamos moi concentrados en sacalo adiante e presentalo. Durante o verán, un verán movido e moi interesante, participamos en diferentes festivais e a acollida está sendo boa. Creo que a banda, cada vez máis, acada unha maior madurez ao tocar xuntos. É unha banda completa, que ten moitísimas influencias musicais diferentes que tratamos de integrar, xa que cada un de nós ten un enfoque diferente. Poderiamos definilo, grosso modo, como unha banda de soul-rock.
"É un disco que responde a un modelo que nós chamamos sesioneiro, o cal vén sendo meterse no estudio, preparar os temas e captar o momento especial, esa maxia de estar no estudio todos xuntos tocando á vez"
Moi próximo no tempo a ese disco con The Criees, tamén sacou o disco coa Adrián Costa Blues Band. Que diferenzas hai entre un traballo e o outro?
A historia é que con The Cries, había unha necesidade que eu tiña de explorar outros sons, outras ideas que eu tiña no interior, pero eran realmente músicas que eu levaba tempo sen traballar. Era unha necesidade interior de sacar este proxecto. Pola outra banda, o disco da Blues Band non ten nada que ver, responde á música que fago dende toda a vida. É un disco que responde a un modelo que nós chamamos sesioneiro, o cal vén sendo meterse no estudio, preparar os temas e que responde á forma de facer os álbums propios do blues e do jazz, que pasa por captar o momento especial, esa maxia de estar no estudio todos xuntos tocando á vez. Iso é verdadeiramente un disco de blues ou de jazz. É un modo de realizar os discos que contrasta co modelo habitual no pop ou no rock, que é diferente. Penso que é un disco moi fresco, moi natural e cunha gran posprodución. E hei de dicir que nun principio, tampouco lle dei demasiada importancia até que descubrín o feedback que tiña o disco coa xente. A banda era estupenda, eran os músicos cos que adoitaba tocar en California e co paso do tempo, pois é un disco que cada vez me gusta máis.
"A morte de Fran Pérez Narf é unha gran perda para a Galicia cultural e para todos os amantes das artes, porque Fran non só era parte da música, formaba parte doutras expresións artísticas. Coido que perdemos un irmán e un grandísimo artista"
Despois de andar polo mundo, como é o regreso? É dicir, como ve o panorama musical en Galicia e mais no resto do estado?
Malia que estiven a vivir noutros países, sempre mantiven a relación cos músicos de aquí, sempre fun colaborando coa familia que temos aquí ao redor deste estilo de música. Como o atopei ao volver? Pois por exemplo, no caso de Madrid, que coido que vive un momento moi interesante... Pois existen moitas bandas que cultivan con gran talento esta música e, a verdade, agora hai unha aceptación diferente á música afroamericana, ben diferente a que podías atopar quince anos atrás. Esa é unha boa noticia para todos. No caso de Galicia? Como atopo agora? Pois dígoche directamente que de loito. A morte de Fran Pérez Narf é unha gran perda para a Galicia cultural e para todos os amantes das artes, porque Fran non só era parte da música, formaba parte doutras expresións artísticas. Coido que perdemos un irmán e un grandísimo artista.
"Estamos a falar dun país que non é un país que ofreza facilidades para desempeñar nin este nin outros labores artísticos. O sistema cultural está moi mal montado, ten grandes problemas..."
E en comparación con outros países, vivir da música profesionalmente nestes lares resulta máis complicado?
O que vexo é que, unha de dous: ou o goberno apoia de verdade ou o goberno deixa facer. Para resumilo claramente, o que pasa aquí é a historia do Perro del Hortelano. Estamos a falar dun país que non é un país que ofreza facilidades para desempeñar nin este nin outros labores artísticos. O sistema cultural está moi mal montado, ten grandes problemas... Pero isto é obvio, é algo que temos escoitado miles de veces todos. A dicir verdade, espero que muden os tempos e cambien as cousas, porque deste xeito é ben difícil traballar. Agora ben, noutros lugares non é que a cousa sexa máis sinxela ou máis agradecida, pero sen haber apoios institucionais, o que si hai é un deixar facer, hai unha liberdade. Aquí falta liberdade.
Comentaba antes que a aceptación ao blues ou ao soul mudou considerablemente nos últimos quince anos, hai agora un maior público para estes xéneros?
A ver, o rock, tamén o blues, o soul... son xéneros que transcenderon e son músicas universais en todos os lugares do mundo. Agora ben, non é a nosa música, non é o noso idioma e iso nótase para chegar a moita xente. No caso do blues, en todo o estado temos moitísimos festivais con gran éxito. Agora, claro está... Este é un tipo de música minoritario. É dicir, o blues como todas as músicas de raíz, conta cun público moi fiel, que responde, que lle gusta ir os festivais, que abraza este estilo musical, pero si resulta minoritario.
"Pódoche lembrar máis de mil cancións do blues que falan do viño. É certo que pode existir o clixé habitual, ese tópico de relacionar o blues co whisky ou co licor, pero moitísimas cancións falan do viño"
O concerto do mércores na Coruña enmárcase dentro do ciclo Enocións by Ribeiro. Pégalle ben o viño ao blues?
Se che digo a verdade, pódoche lembrar máis de mil cancións do blues que falan do viño. É certo que pode existir o clixé habitual, ese tópico de relacionar o blues co whisky ou co licor, pero moitísimas cancións falan do viño.
"El Langui ten unha mensaxe moi forte. Decidiu facer unha banda de soul en directo e os músicos que estamos somos unha piña"
Ademais destes proxectos dos que xa falamos, The Criers ou a Blues Band, Adrián Costa anda a traballar nalgún outro proxecto?
Agora mesmo, a nivel individual estou entregado a The Criers e despois, levo seis meses colaborando con El Langui. Son dúas cuestións polas que me sinto moi ledo. No caso da colaboración do Langui, falo dun proxecto especial, porque El Langui ten unha mensaxe moi forte. Decidiu facer unha banda de soul en directo e os músicos que estamos somos unha piña.