A libraría Chan da Pólvora, situada no número 74 de Rúa de San Pedro de Santiago, abriu as súas portas o pasado 23 de xuño. Dirixida polos poetas Alicia Fernández e Eduard Velasco, a libraría especialízase en poesía e forma parte dun proxecto máis amplo no que se inclúe unha editorial dirixida por Antón Lopo. Dende que principiou a súa andaina, Chan da Pólvora tirou xa do prelo tres títulos: Urania, reedición do poemario de Chus Pato; A oseira, obra do novísimo poeta Antón Blanco, e Querido Eduardo, volume que recolle a correspondencia entre Suárez Picallo e Blanco Amor. Praza fala con Alicia Fernández sobre Chan da Pólvora.
"En Ons puxémonos a falar entre os tres da posibilidade de montar unha editorial. Eduard e mais eu, pola nosa banda, xa falaramos noutras ocasións de montar unha libraría especializada en poesía"
O nome deste proxecto, que inclúe a libraría e mais a editorial, é un topónimo de Ons. Como nace esta iniciativa e que importancia ten a illa na súa orixe?
Antón Lopo leva uns corenta anos indo a Ons, o Eduard xa tiña ido varias veces e eu fun, por vez primeira, o ano pasado. Alí puxémonos a falar entre os tres da posibilidade de montar unha editorial. Eduard e mais eu, pola nosa banda, xa falaramos noutras ocasións de montar unha libraría especializada en poesía, pero era simplemente unha desas ideas que comentas de cando en vez, un pouco en serio, un pouco en broma. Chegou un momento en que, vaia, estiven unha semana pendurada do Wallapop e deume por buscar pisos na Rúa de San Pedro, por simple curiosidade. E de súpeto vin que se alugaba un local. Deixámolo pasar uns días, pensámolo e logo falei con Antón, para que vise o espazo. Fomos alí e vin a luz. Dixemos: “Para adiante”. Normalmente, penso máis as cousas. E se me din fai un ano que ía entrar nun local e que ía montar unha libraría...
Non o cría...
Non, dende logo que non. Despois xa nos metemos en todo o proceso. Falamos con Antón, falamos con Manuel Martínez, que dixo que si que se encargaría do deseño. Un mes máis tarde, Gonzalo Hermo tamén dixo que quería estar dentro do proxecto e puxémonos en marcha. Comezamos xa con todo, dende o rexistro do nome a ser consciente do funcionamento completo do sistema de distribución.
"Procuramos que o traballo sexa asembleario e idílico. Xuntámonos, falamos e consensuamos"
Foi un proceso rápido?
Falamos o ano pasado, no verán, polo mes de agosto. Pero quedou aí. Foi en abril cando nos decidimos. Vimos o local, pensamos mesmo en abrir para o 17 de maio, pero era moi precipitado. E abrimos o 23 de xuño. En tres meses foi todo.
Falamos dunha libraría e dunha editorial que conforman un proxecto conxunto, pero que manteñen a autonomía. Como encaixan as pezas? Como organizan o traballo?
Procuramos que o traballo sexa asembleario e idílico. Xuntámonos, falamos e consensuamos. Malia todo, queremos que os traballos sexan separados. No caso da editora, lévaa principalmente Antón Lopo. A libraría, pola contra, levámola Eduard e mais eu. Iso non quere dicir que haxa unha separación total definida. Estamos todos pendentes do traballo de cada unha das partes, propoñemos ideas dunha vertente a outra. Por exemplo, Antón tivo moito que ver co local e, loxicamente, Manolo moitísimo coa súa estética. Gonzalo Hermo, pola súa banda, propuxo que fose Antón Blanco o primeiro autor para publicar. Nós tamén participamos nas ideas editoriais, encargámonos de corrección... É dicir, procuramos conservar e diferenciar os traballos, pero implicámonos todos en todo.
"Se tivésemos un afán por forrarnos, seguramente non abririamos unha libraría, e menos aínda unha especializada en poesía"
Nos últimos tempos, e especialmente en Santiago, observamos como un gran número de librarías están a botar o peche. Falamos de Encontros, falamos de Ciranda, falamos de Miranda... Non parece o momento máis propicio para lanzarse a abrir un negocio deste tipo, non?
Se tivésemos un afán por forrarnos, seguramente non abririamos unha libraría, e menos aínda unha especializada en poesía. Impúlsannos outras motivacións e penso que se se seguen publicando libros de poesía non é por outro motivo que porque a xente os merca. Se non tivesen saída, non se publicarían. É verdade que levamos moi pouco tempo abertos, pero hai que dicir que neste tempo a cousa vai funcionando. Consideramos, ademais, que programando actividades, tendo presentacións, desenvolvendo recitais e organizando obradoiros, a libraría vai ter presenza, vai funcionar. Creo que pode funcionar, podemos vivir disto, cun salario básico e traballando en algo que nos gusta e que coñecemos.
"Se se seguen publicando libros de poesía non é por outro motivo que porque a xente os merca. Se non tivesen saída, non se publicarían"
Comentaba que de “querer forrarse, non montarían unha libraría. E menos unha especializada en poesía”. Non obstante, non cre que a especialización é unha fórmula imprescindible para que unha libraría poida funcionar a día de hoxe?
A especialización resulta básica. Pensar en abrir unha libraría de carácter xeral onde podes atopar un pouco de todo... Non sei, considero que hai un cento de librarías dese modelo e dun tamaño maior cá nosa. Penso que a especialización, polo tanto, é necesaria. E nós, do que máis entendemos é de poesía. Se queríamos facer algo ben, tiña que ser isto. Que non sae ben? Non pasa nada, non sería o declive das nosas vidas. Intentámolo porque é un proxecto no que cremos e que nos encanta. Hai que arriscar. E dende logo non queriamos que chegase o día de nos arrepentir por non facelo.
"Penso que hai que cubrir un oco en Santiago, xa que agora mesmo hai pouca oferta de obradoiros de escrita"
Que teñen en mente á hora de crear unha programación?
Vimos de abrir hai nada e, realmente, non tivemos tempo material de idear a programación. Temos axendadas presentacións e actos, pero a verdade é que tamén se vai construíndo de forma espontánea. É dicir, Elías Portela escoitou falar de Chan da Pólvora, pasou un día por acó, quixo coñecer o local e pregunteille se quería recitar aquí. Pareceulle unha fantástica idea e organizouse axiña. Despois, no campo dos obradoiros gustaríanos desenvolver algún no verán. Non obstante, temos que sentar, pensar, decidir e programar. Cando comece o curso, en setembro, si que queremos ter catro sesións ao mes. Queremos ter obradoiros todos os meses e que realmente haxa movemento. Refírome a obradoiros de escrita creativa, de introdución á poesía para cativos... Penso que hai que cubrir un oco en Santiago, xa que agora mesmo hai pouca oferta de obradoiros de escrita. Este ano houbo algún de Suso de Toro, outro de Olalla Cociña, pero pouca cousa máis... Non é como na Coruña, que ten maior oferta e un público que responde, que vai sempre e encantado.
"Agora mesmo contamos con preto de 1.500 títulos de poesía. Temos poesía en galego, queremos ter un fondo moi completo, porque resulta básico. Temos en castelán e en catalán. Tamén en asturiano temos preto de 200 títulos"
Agora mesmo, que podemos atopar nesta libraría?
Agora mesmo contamos con preto de 1.500 títulos de poesía. Temos poesía en galego, queremos ter un fondo moi completo, porque resulta básico. Temos en castelán e en catalán. Tamén en asturiano temos preto de 200 títulos. Parécenos importante, porque aquí a poesía asturiana non se coñece. Tamén podemos atopar títulos en inglés e en francés, pero de momento fáltannos cousas por ter. Hai moitos libros aínda por chegar. Non temos aínda editoriais españolas básicas como Visor ou Hiperión, porque custou a vida que deixaran en depósito. A próxima semana comezarán a chegar. O catálogo vaise construíndo cada día, porque chegan lectores que recomendan autores, dinnos que consideran que tal autor ou tal autora é imprescindible para esta libraría. E aínda que apostaramos pola especialización, non temos ningún problema en pedir a última novela de quen sexa ou incluso libros de texto. Conseguímolo. Despois temos a sección infantil, sempre me parece que é algo básico para calquera libraría.
"Ás veces, cando estou no paro e non teño nin un peso, sae o último libro dunha autora ou dun autor e miro a carteira. E acabo por mercalo, porque me parece importantísimo"
Vou volver preguntar sobre abrir a libraría nestes tempos. Lembro nunha entrevista ao propietario da desaparecida Encontros na que explicaba que xa non había cultura de ler nin apego polos libros, que a situación era ben difícil...
A ver, eu penso que o público de poesía está formado por clientes militantes. Nese sentido, falo en primeiro lugar de min. Ás veces, cando estou no paro e non teño nin un peso, sae o último libro dunha autora ou dun autor e miro a carteira. E acabo por mercalo, porque me parece importantísimo. Eu vexo que temos clientes que viñeron a primeira semana e repetiron varias veces. Levamos pouco tempo abertos, xa che digo, pero de momento vai funcionando. E imos desenvolver actividades, obradoiros, recitais precisamente para gañar público.
No caso da editorial, contades cun grupo de subscritores. É un modelo semellante, entendo, ao de Espiral Maior. Como funciona Chan da Pólvora neste sentido? Como se pode facer un subscritor?
A idea xorde porque nos parece a mellor opción. Ademais, conseguimos nun par de semanas preto de cen subscritores. Non era fácil, pediamos 120 euros en ingreso nunha conta de golpe, pero a xente respondeu e xa lanzamos tres libros. Como facerse subscritor? A través do correo lopo.chandapolvoraeditora@gmail.com, aí respondemos con toda a información.
Saíu xa o libro de Antón Blanco, a reedición de Chus Pato e o volume de correspondencia Querido Eduardo. Cales serán as próximas antoloxías?
Imos sacar varias antoloxías, unha delas de autores novos. Estas antoloxías que sacarémolas con Papeles Mínimos, serán antoloxías bilingües coa dirección Chus Nogueira. Vai haber varias coleccións, cuxos nomes responden tamén a lugares de Ons. Chan da Pólvora é a colección de poesía. Despois está Rabo de Egua, cuxo primeiro título é Querido Eduardo. Despois, imos sacar unha colección de plaquettes chamada Caniveliñas.
"Imos sacar varias antoloxías, unha delas de autores novos. Estas antoloxías serán bilingües, coa dirección Chus Nogueira"
Que significa para poetas como vostedes, nun sistema no que vivir da literatura é ben complexo e da poesía imposible, converter a poesía no seu mundo laboral?
Non se pode pedir máis. Facemos o que nos gusta. Vimos de materializar un proxecto que estaba no aire, que se reducía de cando en vez a dicir “Que bonito sería ter unha libraría de poesía”. Meses despois, atopámonos no número 74 da Rúa de San Pedro facendo esta entrevista. Unha loucura, a verdade.
Loucura boa, non?
Si, supoño. Xa cho direi nun ano [Risos] De momento, vai ben.