O actor Borja Fernández estrea este venres no Teatro Ensalle de Vigo Salvador, unha montaxe que ben seguro será a súa produción máis persoal e íntima. Nela, o actor fura nunha “figura case fantasmagórica”: a do seu avó Benito Fernández, un dos moitos emigrantes galegos que marcharon nos anos cincuenta a Brasil na procura dunha vida mellor e diferente. Benito conseguiuno, como outros moitos, tras decidir abandonar a súa familia, desaparecer e reinventarse en Salvador de Baía. Esa é a mecha para este espectáculo, no que Borja Fernández conta a historia da reconstrución do pasado e o periplo do seu avó. Deste xeito, a obra convértese nun artefacto teatral próximo ao documental, na que a ficción serve como muleta para encher os ocos dunha historia incompleta. A montaxe, que se produce cos apoios de A Berberecheira (Plataforma creativa do grupo Chévere), o Centro Dramático Galego ou Iberescena, chegará a Salón Teatro de Santiago os días 8, 9 e 10 de xuño e ao Auditorio da Ramallosa os días 16, 17 e 18.
Que é Salvador?
De entrada, hai que lembrar que Salvador é a capital de Baía, no Brasil. A alí emigrou un gran número de galegos durante a primeira metade do século XX. Sobre todo do sur de Galicia, sobre todo de Ourense e sobre todo de catro parroquias. Nunha delas, había un tipo chamado Benito Fernández, o meu avó paterno. Emigrou para Brasil nun buque francés no ano 1959. Despois, desapareceu. Entón, Salvador é un proxecto teatral, próximo a unha sorte de documental escénico no que, mesturando os xéneros do documental e da ficción, conto a miña historia sobre a procura do meu avó e no que, ademais, tamén amoso os rastros desta persoa.
"Salvador é un proxecto teatral, próximo a unha sorte de documental escénico no que, mesturando os xéneros do documental e da ficción, conto a miña historia sobre a procura do meu avó e no que, ademais, tamén amoso os rastros desta persoa"
Unha persoa que emigrou, que non deu sinais de vida, que se reinventou en Brasil. Unha historia de película, non?
En certo xeito si, pero eu quixen centrarme na procura dos porqués da súa marcha. Algúns atopei e vounos esmiuzando durante a peza. Ao longo do proceso fíxenme moitas preguntas, comezando polas orixes, por como era a súa vida acó durante a posguerra. Como moitas persoas da época, combinaba o traballo que puidera ter con outro tipo de actividades para buscar a vida. E como moita outra xente da súa época que da fronteira con Portugal, aproveitaba para dedicarse en parte ao contrabando. Ademais, xogaba nas tabernas -algo tamén habitual na época-, xogaba mans grandes e acabou cunha serie de débedas. Por aí comezan os primeiros porqués sobre a súa marcha. Unha marcha que rematou en certo xeito nunha desaparición, algo tamén bastante habitual en moitos homes emigrados da súa época. Certo que moitos marchaban e logo levaban as súas familias, pero moitos outros, como o meu avó, rompían con todo e desaparecían. Ese tipo de emigración, esa emigración do abandono no que os homes romperon coas súas familias, é onde xorde Salvador. Ademais, é unha obra que ten algo tamén moi noso, que é o silencio, as cousas que non se contan do pasado.
"Xogaba mans grandes e acabou cunha serie de débedas. Por aí comezan os primeiros porqués sobre a súa marcha"
Como se enfronta un a revolver no pasado familiar? É complicado abrir armarios e atopar esqueletes coma este, non?
Si, pero tamén é algo moi interesante e mesmo divertido. A ver, persoalmente, cando me puxen a furar no pasado fai seis anos, comecei a buscar as cousas en silencio, sen comentar demasiado. Todo tivo que ver cun detonante moi forte, cando descubrín que o meu avó tivera outra familia en Brasil. Foi por iso que comecei a rebuscar sen facer moito ruído, sen preguntar demasiado porque non quería abrir as portas que a xente non quería que fosen abertas. Pero, claro, despois resulta inevitable que con cada movemento que fas, con cada pregunta que acabas por facer, pois claro... A bóla de neve vai medrando e vas vendo como reacciona a xente en relación con este pasado. Nese momento decátaste de que si, de que falamos dun cadáver no armario, pero este proceso de abandono pasou fai tanto tempo que está transformado na memoria simplemente como algo que pasou e do que quedou un rastro. Por que? É que xa non queda ninguén acó que o coñecese, só os seus descendentes: o meu pais, os meus tíos. Pero eles eran moi novos como para lembrar demasiado. En certo xeito, hai unha distancia temporal e unha perspectiva que fai que esta historia se asuma sen maiores traumas xa. O meu avó deixou todo atrás e reinventouse en Brasil. Polo camiño, agochou moitas cousas e por iso a súa historia está chea de incógnitas, unhas incógnitas que me empurraron a levar a escena esta historia de rastros e procuras.
"O meu avó deixou todo atrás e reinventouse en Brasil. Polo camiño, agochou moitas cousas e por iso a súa historia está chea de incógnitas, unhas incógnitas que me empurraron a levar a escena esta historia de rastros e procuras"
Como se plasma esa historia de pescudas e incógnitas nunha proposta escénica?
Hai unha cuestión que ten certa graza e que tamén puido servir de motor: hai unha gran semellanza física entre os dous. Parézome e moito ao meu avó. Iso foi un motor interesante para xogar as semellanzas e para poder imaxinar certas cousas. Despois, comparto escena con Laura Iturralde, videodj, que se encarga de parte da música, do son, de gravacións que fixen e das proxeccións de imaxes, tanto do meu avó como dos barcos nos que marchou a emigración.
Vostede realizou dúas viaxes a Brasil na procura do rastro do seu avó, unhas viaxes que serviron de documentación. Como foi o proceso?
Si, fixen dúas viaxes a Brasil e, nalgunhas ocasións, despraceime centos de quilómetros para falar cunha persoa aínda que tan só fose durante dez minutos. Por outra banda, non fixen algunhas cousas que se fan nun proceso de documentación ao uso, como visitar os Arquivos da Emigración, xa que preferín buscar outras canles, como rebuscar os seus rastros na rede. Así, atopei xente, atopei blogs que falaban del. Parecíame unha canle máis apropiada, porque eu non procuraba facer unha obra de teatro de datos, senón unha obra máis emocional sobre o proceso de busca. Despois, coñecín a familia do meu avó alá.
"Eu non procuraba facer unha obra de teatro de datos, senón unha obra máis emocional sobre o proceso de busca. Despois, coñecín a familia do meu avó alá"
E como foi o encontro?
Coñecín a súa muller, aos que son os meus tíos, unha familia de clase media. En verdade, non foi o primeiro contacto. Eles chegaron a contactar comigo polo Facebook, algo que foi moi impactante... Pero claro, son todo cousas que vou contando ao longo da obra, tampouco o vou contar todo.
"Os galegos movíanse por comunidades, construían alí comunidades e repetíanse patróns"
Pois falemos da emigración en xeral para non desvelar moito máis da obra. Despois destas pescudas e das viaxes, que descubriu da emigración que non coñecese. Ou algo que lle chamase especialmente a atención?
As dinámicas que se dan na emigración resultan, en certo xeito, resultan semellantes as que se dan no interior. Quero dicir, ás veces parece que desaparecían aldeas de Galicia e xorden no exterior. Decátaste de que os galegos se movían por comunidades, construían alí comunidades e repetíanse patróns. Aló mantiñan as súas tradicións, que é o que fai calquera comunidade ao emigrar, creábase así unha idiosincrasia galega noutro país. Despois, como curiosidade, chamábame tamén a atención como se podían chegar a explotar os uns a outros. Quero dicir, algúns que facían cartos, despois chamaban a amigos, parentes, veciños da súa aldea para que tamén emigrase e traballasen para eles. É dicir, era unha sorte de explotación que ás veces servía de columna vertebral da comunidade. Despois, tamén como era o funcionamento persoal dos propios emigrantes.
"Moitos mudaban o seu pasado e facíanse pasar polo que non eran para saír adiante. Habíaos que dicían que eran mecánicos ou carpinteiros sen saber nada do oficio. Normal, había que buscar a vida"
É dicir, moitos mudaban o seu pasado e facíanse pasar polo que non eran para saír adiante. Habíaos que dicían que eran mecánicos ou carpinteiros sen saber nada do oficio. Normal, había que buscar a vida. Daquela era fácil marchar, inventarse o pasado e tirar para adiante. No caso do meu avó mesmo negaba ser galego, dicía ser vasco. Tamén normal, se o que querías era que non te atopasen. E por último, tamén podo dicir que me chamou a atención o fatal que se poden levar tamén na emigración. É dicir, todo é un cristo en Galicia e tamén na Galicia exterior. Todo isto -as dinámicas, as relacións da emigración, as Casas de Galicia,- dá para moitas obras de teatro, pero en Salvador quería contar unha historia emotiva, contar como influíu en min.
E que emocións se percibirán na montaxe de Salvador?
As emocións xorden a través do propio proceso, xa que están recollidas na cantidade de textos que fun xerando ao redor da historia que logo pasaron por Manuel Cortés, que lle deu forma, reescribiu algúns e outros escribiunos directamente sobre as experiencias que eu lle contaba. Tamén as emocións están nas cancións que fun creando para o espectáculo e que son recipientes de diferentes emocións, referentes ás familias que non coñecen, aos vínculos que existen, etc. Despois, pretendo durante a obra meter a xente en ambientes concretos, tento describir como viaxaban naquelas épocas, os percorridos que se facían e tamén como eu vou descubrindo toda a información, todas as sorpresas que houbo e hai nesta procura. E tamén haberá certa conexión con moitos espectadores, xa que nun principio eu pensaba que esta era unha historia única e resultou que é unha historia común a moita xente. Falei con moitos amigos e moitos coñecidos que tiñan unha relación coa emigración moi semellante, con parentes que marcharon para non volver.
"Esta plataforma conta coas características propias de Chévere, no sentido de que é un grupo que busca crear comunidade e proxectos en comunidade"
Este proxecto de Salvador conta co apoio de A Berberecheira, unha plataforma creativa de Chévere na que se apoian e se desenvolven proxectos de xente próxima ao grupo que enganchan coa liña de traballo do “teatro documento”. O primeiro proxecto que xurdiu de A Berberecheira foi Goldi libre, na que Goldi relataba a súa historia de insubmisión. Agora, chega este Salvador de Borja Fernández. Que peso xoga neste proxecto A Berberecheira?
A Berberecheira naceu no ano 2015 e en certo xeito foi detonante para o proxecto. Imos ver, esta plataforma conta coas características propias de Chévere, no sentido de que é un grupo que busca crear comunidade e proxectos en comunidade. Querían crear un campo de traballo sobre o teatro documento. Despois de comentarlles a miña idea, fixen a miña primeira viaxe a Brasil e comecei a desenvolver o traballo dentro de A Berberecheira. E que significa iso? Que fixen varias residencias, que tiven un espazo para traballar en Teo, que contaba coa súa colaboración e ías traballando dende o colectivo. Presentábaslle ao colectivo os teus avances e entre todos vas recibindo indicacións de como podías tratar o asunto, como enfocalo a nivel escénico.
Para rematar, despois de todo este proceso de investigación, como definiría o seu avó, Benito Fernández?
Era un tipo que fuxiu, que se reinventou e fixo unha vida nova cunha nova familia. Malia todo, tiña cicatrices do seu pasado e viviu con elas toda a vida. Iso non se borra.