“Se un pobo reduce á súa cultura ao concepto de low cost, desaparece”

Talabarte inicia a súa xira este 7 de xuño © Nordesía

Entre fogóns, unha degustación musical e gastronómica en espazos singulares. Velaí a explicación urxente, o resume apurado do que significa Ao son da cociña, a nova xira que iniciará o 7 de xuño Talabarte para dar a coñecer algúns dos novos temas que configurarán o que será o seu segundo disco. Un álbum no que andan xa a traballar Pedro Pascual, Kin García e Quim Farinha, o trío de músicos emblemáticos que conforman a banda.

No mes de xuño, estes tres intérpretes ofreceranlles ao público unha primeira parte desta xira, cun total de cinco concertos. Deste xeito, Talabarte tomará o Dolmen de Dombate (o 7 de xuño ás 12.30 horas), subirán a un catamarán pola ría de Pontevedra (o 14 de xuño, con saída dende Bueu e Portonovo), actuarán no Muíño das Mareas de Muros (21 de xuño ás 13.00 horas), visitarán no solpor o Faro do Cabo Vilán ás 20.00 horas (27 de xuño) e pecharán esta primeira quenda da xira no Pazo da Marquesa (San Sadurniño o 28 de xuño ás 13.00 horas). As entradas pódense reservar poñéndose en contacto coa distribuidora Culturactiva, chamando ao teléfono 981 582836.

Talabarte contarán en cada un destes concertos coa compaña do cociñeiro Xián Herrera, quen cociñará para ao público durante as actuacións, e co patrocinio de Nordesía. A empresa galega de vermús completará a “music&food experience” coa que Talabarte quere brindarlles aos espectadores unha experiencia cultural única cuxa orixe está en Leonardo DaVinci. O xenio italiano prendeu a mecha deste novo proxecto que explican para Praza Pública dous dos seus compoñentes: Pedro Pascual e Quim Farinha.  

Como xorde a idea de realizar unha xira para presentar novos temas en espazos singulares e realizando unha mestura da música e gastronomía?

Quim Farinha: Basicamente a idea xurdiu no momento en que lemos o libro de DaVinci sobre a cociña: Apuntamentos da Cociña. Pareceunos un libro fascinante, malia que nos decatamos de que é medio fake. Mais gustounos apoiarnos neste concepto, xa que nese libro Leonardo asegura que unha boa cociña funcionaba mellor con música. Por iso colocaba intérpretes na cociña que tocaban durante o proceso culinario. Entón dixemos que podiamos facer tamén a nosa música mesturada coa cociña, transmitíndolle á xente esa mestura de sensacións auditivas, olfactivas e gustativas.

"Nese libro Leonardo asegura que unha boa cociña funcionaba mellor con música. Por iso colocaba intérpretes na cociña que tocaban durante o proceso culinario"

Falamos de concertos íntimos.

Quim Farinha: Si, son prazas reducidas. Entre 50 e 70 persoas. Malia que toda a xira -agás un dos concertos- sexa en sesión vermú, os concertos van ser íntimos. É música para escoitar, queremos fuxir desa imaxe de sesión vermú igual a festa. Isto non se vende como sesión vermú, son concertos nese horario. 

Precisamente vermú de Nordesía acompañará a Talabarte na xira.

Quim Farinha: Si, si. Eles esponsorizan a xira e haberá unha barra de Nordesía. Entón a xente, ao remate do concerto poderá degustar o vermú e acompañalo dos pinchos.

Cal será a relación de Leonardo, que é a mecha desta xira, co próximo disco de Talabarte?

Pedro Pascual: O concepto leonardístico une diferentes elementos, como ben sabemos todos, dende á arte, á música, á xeometría, os inventos e até a cociña. Ten moito que ver con el, porque primeiro nos apoiamos nese posible fake que é o libro de Leonardo sobre cociña. Nós non entramos nese aspecto sobre o fake, deixamos a cuestión aberta para que o público valore a súa verdade. Esa é un aspecto importante da proposta: deixar as cousas abertas. Pero o que si é verdade é que Leonardo tamén era cociñeiro, un cociñeiro en corpo e alma. Leonardo mantivo un restaurante con Botticelli.

"Na xira tamén temos a relación entre a música e a arquitectura. Hai un elemento importante nesta xira que é fuxir de auditorios estándar para converter espazos singulares en auditorios improvisados"

Despois, na xira tamén temos a relación entre a música e a arquitectura. Hai un elemento importante nesta xira que é fuxir de auditorios estándar para converter espazos singulares en auditorios improvisados. E cómpre destacar, por suposto, a exclusividade. Comentabas que eran concertos íntimos e niso consiste precisamente. A xente entenderá que é un momento efémero e irrepetible, que poderá gozar ou non, pero que non volverá vivir. Todos estes elementos son moi comúns ao personaxe de Leonardo e por iso quixemos en Talabarte apoiarnos neste personaxe.

O contacto directo servirá para rodar os novos temas do segundo disco do grupo.

Quim Farinha: En concreto, imos estrear cinco temas novos.

"Tamén buscamos meter a xente no novo universo talabartiano que vai estar representado no segundo disco, que coido será máis onírico, máis arriscado"

Pedro Pascual: Si, tamén buscamos meter a xente no novo universo talabartiano que vai estar representado no segundo disco, que coido será máis onírico, máis arriscado. Un disco que ten que ver coa gastronomía... Vaia, non sei se é bo ir adiantándoo, pero ben... É verdade que moitos dos temas van ter como fío condutor a cociña, van ser como receitas gastronómicas. E a mellor ocasión para presentalos vai ser esta, cun cociñeiro ao lado cociñando. Trátase dunha unión de expresións artísticas que se vai dar ao tempo, porque non se trata dun pastiche nin dun collage. Dende o momento en que se dea o pistoletazo de saída do espectáculo, a música e a cociña van fluír en paralelo. Non se trata de que el cociñe e que nos toquemos e logo a ver que pasa, non. Haberá unha interactuación.

E a que vai saber Talabarte? Porque entendo que a cociña vai estar guiada pola música, vaina levar por un rego determinado, non?

Quim Farinha: Pois saberá, sobre todo, moi especiado, con especias de todo o mundo. Pode arrecender a curri nun momento dado, a cuscús ou a chinchulines. Porque claro, porque hai unha parte de Talabarte que viaxa á linguaxe do tango. Entón, os temas que imos estrear arrecenden a esas cousas. Seguimos un pouco tamén a liña do disco anterior, que no fondo representa viaxes  a distintos lugares, partindo da música galega para despois ir a outros sitios, cara á fora.

Que evolución poderemos atopar entre o primeiro disco que saíu en 2011 e os concertos que escoitaremos agora?

Pedro Pascual: O groso sonoro non é moi variable, porque nos seguimos apoiándonos nos tres instrumentos que tocamos. A nós gústanos moito e, malia que tocamos outros, non nos apetece variar esa fórmula tímbrica que tanto nos gusta. Sobre a evolución... É un disco quizais un chisco máis persoal en canto ás composicións, porque son máis arriscadas, máis propias. Coido que están xurdindo temas moi interesantes e relacionados con outras artes. Coa arquitectura, coa gastronomía especialmente... A nós gústanos a cociña, e os nosos ensaios están moi ligados coa cociña, porque antes de ensaiar poñémonos a cociñar.

"O groso sonoro non é moi variable, porque nos seguimos apoiándonos nos tres instrumentos que tocamos. A nós gústanos moito e, malia que tocamos outros, non nos apetece variar esa fórmula tímbrica que tanto nos gusta"

Desta xira, que lugares lles atraen máis para tocar?

Quim Farinha: Son todos lugares moi distintos, cada un deles ten as súas particularidades. A min, quizais o Cabo Vilán me chama bastante. E o de Dombate, pois teño curiosidade por coñecer o espazo. Porque eu coñecín o dolmen cando o estaban a escavar, se cadra fai xa trinta anos... Agora, non visitei o Centro de Interpretación, que me parece polas fotos un edificio curioso e no que pode soar moi ben a música ao ser unha cuberta de madeira.

Pedro Pascual: Non me podería decantar, cada un ten unha particularidade. Hai un que xa coñezo, que me encantara tocar alí. Que é o Muíño das Mareas de Muros, que é un muíño que está en medio da ría, estás tocando en pleno mar. É un edificio cunha arquitectura mariñada, moi ben conservada e impresionante. Pero tocar nun barco tamén é precioso. E nun faro? Tamén. Cada lugar ten a súa maxia.

É máis fácil pensar en tocar nun barco agora que ofrecer un concerto en Santiago nos últimos anos? Pregunto por toda a polémica que se produciu pola música ao vivo en Compostela e todos os atrancos que xurdiron e que, agora, poden desaparecer tras o cambio de goberno.

Pedro Pascual: O caso de Compostela en concreto é unha circunstancia non illada, mais si particular. Unha alcaldía que considera unha serie de queixas e denuncias e decide en contra da música ao vivo. Tamén hai unha problemática moi longa que está aí e que hai que mirar: hai moitos locais que non reúnen os requisitos mínimos para realizar concertos. En calquera caso, falamos xa dunha circunstancia particular que agora pode terminar cun cambio de goberno.

"A conxuntura xeral é moi complexa por diversos motivos que levamos arrastrando dende hai moitos anos e que teñen que ver coas condicións laborais e coa protección que si hai noutros países"

Por outra banda, a conxuntura xeral é moi complexa por diversos motivos que levamos arrastrando dende hai moitos anos e que teñen que ver coas condicións laborais e coa protección que si hai noutros países. Falamos dun sector que non ten un convenio, que non ten unhas normas e no que, debido á crise, aumentou aínda máis a falta de solidariedade entre os profesionais. A situación levou a que todos teñan unha actitude moi persoal, non hai unha unión e actuamos como nunha guerra de guerrillas.

Despois, está a circunstancia lexislativa que é desastrosa. Non hai un país do mundo no que as condicións dos traballadores da música sexan así e que o traballo estea gravado por uns impostos totalmente inasumibles. Un IVE totalmente desproporcionado, o único país de Europa cun IVE deste tipo. Iso, unido despois a unha sensibilización un chisco precaria por parte de medios de comunicación de cara á cultura e á música propias, fai que a situación sexa coma un deserto. Pero en calquera caso, as cousas están nas nosas mans. E se a min non me deixas tocar nun bar, non me importa. Imos seguir coa música, imos seguir facéndoa. E imos facela non nas catacumbas, imos saír. Imos ir a outro tipo de escenarios, a lugares nos que nin sequera se pensaba que se podía facer música. Nós levamos vinte e pico anos de profesión e vivimos moitos tipos de épocas. Unhas de bonanza, outras non... Pero o que está claro é que seguimos vivindo disto. Por algo é.

"Non hai un país do mundo no que as condicións dos traballadores da música sexan así e que o traballo estea gravado por uns impostos totalmente inasumibles"

Esta é a peor das épocas que pasaron?

Quim Farinha: Sen dúbida.

Pedro Pascual: Ademais, é unha época desesperanzada. A situación laboral é moi precaria e a actitude cultural do público mesmo mudou. Os medios públicos non apostan pola cultura. E os medios estatais xa nin falamos... Calquera canción que soe en galego, catalán ou vasco, omítese. Non entendo que teñamos que escoitar máis a música en inglés que a feita en Euskadi. Son cousas rarísimas. É a peor época con creces, mais nós seguimos coa ilusión.

Quim Farinha: Eu estou con Pedro. Nunca peor que hoxe en día...

Lémbrome desa frase: “Nunca traballei tanto e nunca cobrei tan pouco”

Quim Farinha: Si, nós igual.

"Para os que te contratan, ti tocas unha hora e listo; mais todos sabemos que por detrás hai moitas horas de traballo. Traballo de composición, de ensaio, de formarte como músico, de gastos, de instrumentos, de mantemento"

Pedro Pascual: En todas partes baixaron os salarios. E coido que é obsceno, porque canto máis baixas o soldo que recibes polo teu traballo, máis se aproveitan os de arriba. E está claro, está demostrado que, economicamente, baixar soldos e prezos é un erro. A economía vai en retroceso.

Quim Farinha: Para os que te contratan, ti tocas unha hora e listo; mais todos sabemos que por detrás hai moitas horas de traballo. Traballo de composición, de ensaio, de formarte como músico, de gastos, de instrumentos, de mantemento... É moito. E moito tempo de pensar, porque para chegar a un concepto musical, tes que investir moitas horas para crealo antes de escribir a primeira nota. Cando queres sacar un disco, tes que envolvelo. Iso é un traballo profesional ben feito. Iso non se valora. E á hora de baixar un caché, o único que se valora é o tempo que se vai tocar. Dinche que que máis che dá vir por 1.500 euros que por 500. Iso non llo fas a un panadeiro, porque sabes que para facer ese pan, o tipo tivo que facelo antes. A nós non se nos recoñece ese traballo previo.

Pedro Pascual: A sociedade instalouse dun xeito obsceno no concepto low cost. Terrible. Porque como sigamos así, só vai haber tendas de todo a cen e concertos de todo a cen. Todo low cost non pode ser. Eu non podo comer sempre low cost porque senón en vinte anos vou palmar. Se non como con certa calidade, morro. Se un pobo reduce a súa cultura ao concepto do low cost, ese pobo vai desaparecer. Iso é exactamente o mesmo. Nós alimentámonos así.

"Eu non podo comprar nun todo a cen todo sempre, podo facelo de cando en vez. Non podo mercar produto lixo todos os días, produtos totalmente perecedoiros"

Quim Farinha: Esa é a sensación que eu teño.

Pedro Pascual: Non todo vale. Eu non podo comprar nun todo a cen todo sempre, podo facelo de cando en vez. Non podo mercar produto lixo todos os días, produtos totalmente perecedoiros. Igual na música: non podo consumir música e dicir chao!  A música é un ben inmaterial recoñecido por milleiros de organismos do mundo. Non se pode considerar iso low cost. Non pode ser, que botemos catro anos para acadar un novo disco coa súa honestidade precisa e que vaias a un sitio e che entreguen un billete.

Quim Farinha: E despois, que fas uns bolos nun verán que sacaches disco e á volta da esquina, xa tes que ter un novo disco. A xente que pensa? Como se xa caducases! Se non tes traballo novo, faise todo moi difícil.

Pode parecer que catro anos é moito tempo sen un disco novo.

Quim Farinha: Pero se miras a música que temos, decátaste de que é un produto que non se pode facer así como así, non podes facer un traballo así por ano. Imposible.

As redes de distribución que hai de música ao vivo, pensan que hai que darlles unha volta?

Quim Farinha: Nestas redes danche un caché por grupo e é case unha política de “hala, veña, todo o mundo igual”. Non se fai unha diferenciación á hora de pegar cachés polo tamaño nin polo tipo de grupo. Hai grupos de sete persoas e hai outros que son dúas. Para un trío xa non é rendible, imaxínate para un grupo de sete persoas se queres facer o traballo legal.  Ás veces parece que para traballar tes que cobrar en B. En realidade, están facilitando iso, obrigándote a traballar nese ámbito.

"Hai un fallo, que non é de agora, senón de sempre: Non hai unha diferenciación entre músicos profesionais e amateurs. Iso non o entendo"

Pedro Pascual: Hai un fallo, que non é de agora, senón de sempre: Non hai unha diferenciación entre músicos profesionais e amateurs. Iso non o entendo. Nesa rede non se establece ningunha diferenza entre un músico que vive exclusivamente do seu traballo e outro que vai tocar, pero ao día seguinte vai dar clase nun colexio e é funcionario. Non pode ser igual, nin tampouco podemos pagar impostos igual uns e outros. Tiña que haber dous sistemas distintos, como hai en Bélxica ou en Francia. Alí teñen circuítos diferenciados. Pensemos nun panadeiro que se ergue ás cinco da mañá para facer pan e ao lado se pon un tipo que mete dúas barras nun forniño e se pon a vender coas mesmas condicións. Se pasa iso, estamos tolos. Porque ese tipo non paga impostos, non xera o mesmo nivel de riqueza nin ten a mesma paixón sequera. Cada vez que sae unha rede, non se establece unha diferenciación entre amateurs e profesionais. E isto non ten que ver con músicos mellores ou peores. Hai amateurs que poden tocar mellor ca un profesional. Eu non coñezo o caso, pero pode habelos... Pero do que eu falo é unicamente dunha cuestión simplemente xurídica.

Comentaba antes Pedro que no sector musical non se conta cun convenio, non hai normas e que hai certa falta de solidariedade. A música chegou tarde ao asociacionismo?

Quim Farinha: Nos últimos anos estase a traballar niso. Agora mesmo, nós non somos un sector como pode ser o teatral a nivel de organización, pero a ver... Agora xa temos uns premios da música e hai unha asociación, que é asociación de Músicos ao vivo. Pero vaia, aínda estamos moi verdes. Aínda hai que ver como vai a cousa, ten que medrar. Agora mesmo hai cousas que Músicos ao vivo non pode asumir.

"Agora xa temos uns premios da música e hai unha asociación, que é asociación de Músicos ao vivo. Pero vaia, aínda estamos moi verdes"

Pedro Pascual: É un fallo garrafal a ausencia de asociacionismo, un erro que foi na nosa contra. E nas nosas mans está solucionalo. É grave non ter unhas normas, un convenio. Mira, é que unha persoa pode ir a algures a tocar unha noite e gañar trinta euros. Iso pasa e iso é grave. Outros sectores están máis unidos e a nós fáltanos ese punto. E logo é verdade que Galicia é un pais de mil musicas: músicos de asociación culturais, bandas de músicos, orquestras, músicos de xéneros moi distintos... En Galicia temos un conglomerado de músicos, de profesionais, moi dispar e mesmo un sector polémico, pero que é un que move moitísimo, que é o das orquestras. E ás veces é complicado darnos unha cohesión. Aínda non apareceu unha entidade visible que nos outorgue esa cohesión, unha organización coa que todos nos poidamos sentir representados. Cando chegue ese momento, será definitivo. O problema é que un músico de jazz non ve, por exemplo, a un músico da orquestra como un similar. Hai que loitar nese camiño.

"O problema é que un músico de jazz non ve, por exemplo, a un músico da orquestra como un similar. Hai que loitar nese camiño"

E para rematar e volvendo á xira, que podemos contar do cociñeiro? Como xorde a colaboración?

Pedro Pascual: A colaboración xorde porque Xián Herrera é músico e iso atraeunos moito. É un cociñeiro novo, que non está premiado e esas cousas. Apostamos un pouco por iso. Non queriamos un dinosauro que se puxera ao lado doutros tres dinosauros. Queriamos algo máis fresco. É un rapaz con moitísimas ganas e que está traballando moito co restaurante La Molinera de Lalín, que está galardoado en varios festivais e ten un prestixio importante. A vantaxe de Xián é que é moi fresco, está conectado coa nova cociña e tamén coa cociña tradicional. Pareceunos perfecta a combinación.

Talabarte en acción Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.