“Sempre usei todas as imaxes que me son válidas para expresar unha idea”

Unha das obras de Guerreiro © Xoán Guerreiro

A Casa da Parra de Santiago de Compostela acolle desde o 20 de febreiro e ata o 7 de abril, a exposición Elízara, ou o lugar onde non estiven do pintor Xoán Guerreiro (Xove, 1956). Nesta exposición recóllense cadros de case todas as etapas do pintor, así como novas obras que serían unha paréntese dentro dun percorrido marcado polo mar e os espazos urbanos. Guerreiro, que fora un dos pintores encadrados dentro do Novo Realismo Galego, respondeu ás preguntas formuladas no día da inauguración sobre as súas novas propostas e o derroteiro que leva seguido nos últimos anos.

Esta exposición que presentas na Casa da Parra en Compostela titúlase Elízara, o lugar onde non estiven. Por que escolliches este nome?

A elección fíxena precisamente para non dar explicacións, porque nunca estiven alí, non che sei dicir máis.

Poderías falarnos das diferencias básicas desta mostra comparándoa coas últimas que fixeches?

A diferenza está sobre todo no lugar. De Galicia este é o lugar. Entón, se a obra merece ter un lugar, tamén o lugar leva moito á obra. Así pois, fíxena pensando para aquí, contando que estaba este espazo pequeno onde, por exemplo, puxen estes bodegóns  pequenos dos meus paseos pola Mariña. Tamén puxen un reflexo da miña obra gráfica, do meu traballo a lapis. Na parte de fóra puxen a obra máis forte, as obras máis grandes e rechamantes.

Moitos dos traballos que aquí tes son moi representativos da túa obra máis coñecía. Por iso a pregunta é obrigada, que novidades nos presentas na Casa da Parra?

Como novidade incorporo todos estes cadros, en total son dezaseis bodegóns ao natural, no seu hábitat. Logo hai novas pezas como unha Casa Indiana de dous metros por dous metros, tamén Covas (Viveiro) desde o mar, que tamén é unha preza grande, o Faro da Illa Pancha, Mar, que tamén está por alí polo medio, é unha obra así importante. Entón son esas catro obras, sobre a última exposición que fixen, que están incorporadas xunto coas que xa che comentei.

"Eu sempre fixen paisaxe urbana, faros, mares e estacións de tren. E agora de súpeto, pois aparezo con esta serie de bodegóns no seu entorno, ao natural"

Vendo os bodegóns que trouxeches quedei sorprendido. Dígoo porque traballaches moito o espazo urbano, as máquinas, o espazo de fábricas e mar. Por que agora de súpeto achegas unhas pezas de natureza no medio do que se esperaría de Guerreiro?

Non es a única persoa que se sorprende. Eu sempre fixen paisaxe urbana, faros, mares e estacións de tren. E agora de súpeto, pois aparezo con esta serie de bodegóns no seu entorno, ao natural. Pois isto é un pouco pola reflexión e o equilibrio. Quizais sexa un pouco un sentimento de querer equilibrarte entre o urbano e deshumanizado coa natureza. Isto veume nos descansos que fago da pintura, cando vou dar unha volta polo monte, comezas a ver estas cousas naturais, que é a vida. Ao fin e ao cabo, tamén é un camiño, un principio e un fin. É a morte e é a vida, como tamén están representados nos outros temas, por iso decidín facelos.

Entón contigo non vai a etiqueta de pintor “urbano”?

Non. Eu sempre me considerei un pintor de ideas. Usei sempre todas as imaxes que me son válidas para expresar unha idea. A xente guíate. Primeiro foi coas estacións de tren, pero era unha relación coa idea de tránsito que tiña naqueles tempos de viaxe, de camiño e de movemento. O tren érame o referente. Logo a deshumanización, baseada na deshumanización da arte de Ortega y Gasset, de aí veu a cidade sen xente. Entón a paisaxe urbana formaba parte do meu traballo. Pero agora xurdiu isto. En cada momento, o tema nace coa inquietude que teña eu por expresar algo.

"No noso camiño do litoral parece que o único aviso de celador, vixiante, é o faro, estático e azoutado polo mar. É un protector de toda esa costa que nos arrodea. Entón eu creo que vai un pouco coa nosa forma de ser"

Unha curiosidade. De onde vén a túa obsesión, se se lle pode chamar así, polos faros?

Si, unha obsesión pero máis que iso é unha idiosincrasia. No noso camiño do litoral parece que o único aviso de celador, vixiante, é o faro, estático e azoutado polo mar. É un protector de toda esa costa que nos arrodea. Entón eu creo que vai un pouco coa nosa forma de ser.

Como foi o proceso de construción desta mostra? Porque aquí tes representados estadios diferentes do teu percorrido.

O meu sistema é estar traballando constantemente. Dese traballo vai nacendo a obra e logo vala metendo nas exposicións, non ten outra historia. Neste momento, estas obras que ves sobre natureza é un impasse entre obra e obra, porque me relaxa, porque é colorista, levántame o ánimo. É dicir, sería equilibrar o índice de soidade da obra grande que me absorbe e por iso inserín estes bodegóns, un acto un tanto terapéutico.

En total, canto tempo che levou preparar toda esta exposición?

Levoume preparala desde sempre. Eu estou pintando sempre. Non teño tempos. Hai un proceso de vida e nese proceso é no que estou pintando. Cando aparece unha exposición pois vou metendo o traballo que teño.

Pensaches algunha vez ou ofrecéronche algunha vez, facer unha colección para un público moi concreto, moi pechado?

Non e non o faría tampouco, porque eu pinto para min. O público está para xulgar o meu traballo, para valoralo. Pero se eu non pinto o que quero, sería unha fraude. Entón aínda que pinte para os demais, para que os demais gocen do que fago, sempre é para poderen ler a miña mensaxe, o meu discurso, pois se fose outro discurso e non o meu, sería falso.

Como ves na actualidade o acceso do público a exposicións como a túa?

Particularmente eu non teño moito problema. A xente vai velas. Ademais eu teño un pouco o que se perdeu, a transición oral. Aquilo de unha xente vai traendo a outra, non é cuestión de medios. Hoxe inaugúrase e logo, durante o mes e medio ou dous da exposición, virá xente vela.

Botas de menos algún tipo de público?

Non, porque ás miñas exposicións vén todo tipo de público. Hoxe serás testemuña diso.

"Nesta Casa da Parra creárase hai tempo unha exposición comisariada por Susana Cendán, na que eramos, en teoría, os catro realistas galegos daquela, Quintana Martelo, Xurxo Martín, Roberto González e eu. De aí nacera o chamado Novo Realismo Galego"

A comparación do teu traballo co do americano Hopper é case unha constante desde que coñezo os teus lenzos. Pero para ti cal sería o teu referente dentro de Galicia?

En Galicia e máis en concreto nesta Casa da Parra, creárase hai tempo unha exposición comisariada por Susana Cendán, que eramos, en teoría, os catro realistas galegos daquela, Quintana Martelo, Xurxo Martín, Roberto González e eu. De aí nacera o chamado Novo Realismo Galego. Ninguén é referencia de ninguén, todos somos referencia de todos. Ninguén inventa nada, pero todos temos a propia personalidade no que estamos facendo.

E cales son os teus proxectos máis inmediatos?

O novo proxecto é inmediato, porque isto comezou na Fundación Torrente Ballester en Ferrol. Tiña a idea de facer unha exposición para ila movendo por Galicia, por salas. Entón ía metendo obra nova entre exposición e exposición. Nada máis acabe aquí o día sete de marzo, inaugúrase no Palacio Simeón en Ourense o día nove. Ese é o proxecto máis inmediato.

Xoán Guerreiro CC-BY-SA Ramón Mariño
Unha das obras de Guerreiro © Xoán Guerreiro
Unha das obras de Guerreiro © Xoán Guerreiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.