“Todo o mundo ten dereito a tomar conciencia cando lle toca”

Iago Martínez, no Liceo Mutante de Pontevedra © Iria Pinheiro

Iago Martínez naceu en Vigo, agora vive na Coruña e ademais é xornalista. Ás súas costas leva varias historias, coma dous peches de medios, libros, crónicas, artigos e outras cousas. Inaugurou no 2012 Disimulen, un programa na Cuac FM onde as ideas e a música poden fundirse nunha mestura cando menos rechamante. Este sábado 20 de xullo celebra na sala Mardi Gras da Coruña a festa de peche desta tempada de Disimulen. Primeiro coa presentación de Discos da Máquina, con Samuel Solleiro, e logo cos concertos de Volonté e Das Kapital. Falamos con el agora que pecha a primeira tempada de Disimulen. Contounos cousas sobre o programa e tamén (por que non?) sobre a política e o xornalismo.

Disimulen parece un nome premonitorio. Falamos dun programa nunha radio comunitaria, onde na primeira emisión aparecen persoas como Amador Fernández Savater ou o xornalista Víctor Lenore. Hai que disimular para ser diferente, facer o que che gusta e non ter que render contas?

O programa chámase así porque ese era o nome dunha das seccións de El País Galicia, onde traballaba. Tamén ten que ver cunha canción dos Resentidos. Pero dalgunha maneira si que hai que disimular, non tanto para ser diferente, que é algo no que nunca pensara para facer o programa, pero si o que me peta dentro desta nova etapa do xornalismo. Etapa na que o xornalismo deixa de ser unha forma de vida, en termos profesionais e acaba converténdose nunha mistura estraña entre unha afección e unha cuestión política, de activismo. Así pois, si, algo hai que disimular.

"Etapa na que o xornalismo deixa de ser unha forma de vida, en termos profesionais e acaba converténdose nunha mistura estraña entre unha afección e unha cuestión política, de activismo. Así pois, si, algo hai que disimular"

Cantas veces che teñen preguntado pola liña editorial do programa?

Directamente nunca. Houbo persoas que me preguntaron como ía facer para manter a coartada inicial de repolitizar a cultura ata o final do programa. Supoño que nin sequera o conseguín.

Hai que ter liña editorial para facer o xornalismo que a ti che gusta?

Eu creo que sempre é bo ter unha liña non só editorial, tamén unha liña estratéxica sempre que se fagan cousas colectivamente. No meu caso é unha aventura persoal, un arrouto de algo que me apetecía facer. Pero os medios e equipos xornalísticos si deberían ter unha liña editorial e facela explícita.

"Creo que sempre é bo ter unha liña non só editorial, tamén unha liña estratéxica sempre que se fagan cousas colectivamente"

Teño que preguntarche por un balance destes meses de Disimulen e tamén polas grandes leccións aprendidas, para ben ou para mal.

Eu non tiña experiencia en facer radio, só un concurso para a Ser en Vigo de rapaz e logo nas prácticas da facultade. Aprendín no técnico. Isto é radio de autocontrol, pois fago todo eu só. Tiven que aprender desde baixar regletas, axustar o son, usar o software de realización. A lección é a do afecto. A sorpresa é que haxa xente que siga o programa, que o baixen ou aprecien o esforzo que leva facer nun contexto non profesional, traballos que esixen labores de produción ou edición.

Pensas que hai xente que entende e capta a mensaxe política que leva a música que emitides?

Algunhas persoas que seguen o programa téñenme sorprendido con lecturas políticas dalgúns retrousos de Tame Impala que nin eu mesmo sentira ao escoller os temas. Unha das reflexións que fixen sobre o programa é que non falo moito da música que poño, non sei se é un erro ou non. Dani Salgado en Calypso Frelimo, penso que fai un traballo de divulgación, ensaio e tamén de pedagoxía. Penso que nun programa no que hai cada catro semanas dez minutos de Caxade e logo outros dez de Salgado, quero crer que algo queda.

"Algunhas persoas que seguen o programa téñenme sorprendido con lecturas políticas dalgúns retrousos de Tame Impala que nin eu mesmo sentira ao escoller os temas"

O sábado 20 de xullo ides ter a festa de peche desta tempada de Disimulen. Primeiro coa presentación de Discos da Máquina, con Samuel Solleiro e logo os concertos de Volonté e Das Kapital na sala Mardi Grass. Cal é o nexo entre estes grupos e Disimulen?

Con Volonté estritamente non hai ningunha. É unha banda que emerxe e desaparece constantemente. No tempo que durou o Disimulen, Volonté non tivo actividade. Está a relación que teño cos compoñentes, os irmáns Rafa e Alberto Mallo e con Miguel Prado. Roberto e Miguel estiveron no estudio na fin do ano pasado facendo un repaso das músicas de 2012. Con Das Kapital non é só pola relación persoal cos membros, senón que é un dos meus grupos favoritos. Penso que é dos máis importantes nacidos nos últimos anos, tratei de expresalo en foros e medios. Penso que o único disco estreado no programa foi Grecia que me parece un disco magnífico. Xa me parecía magnífico Ruído Negro pero Grecia paréceme mellor armado. E logo hai unha vinculación entre os dous grupos. Supoño que é unha cuestión ideolóxica tamén ou política sonora. Hai entendemento entre ambos.

Se tiveses que recoller ideas que deixaron os convidados, cales serían as de maior pegada no programa?

O certo é que hai moitas. Sobre opinións, o primeiro programa foi moi importante para min. Lamento non terlle dado máis tempo a Amador Fernández Savater, porque nese momento e falando da Cultura da Transición,  fixo reflexións sobre o 15M e o post 15M e da caída do réxime. Tamén diso que define el sobre o 15M “o aparecer borroso”. É unha idea que tento levar a outros terreos. A entrevista a Margarita Padilla, a lectura do seu libro e as reflexións sobre como deberan ser os partidos políticos no 15M e esa idea do inacabamento. Estamos vendo a fin dos partidos tradicionais e é o momento de inventar novas formas de organización política. Esa é unha idea fundamental e que se dá nalgunha maneira no proceso de Anova. As entrevistas sobre cinema e novo cinema galego, con colaboracións como as de Xosé Manuel Sande e con Ramiro Ledo. Se cadra con Ramiro non é unha grande entrevista pero é un filme importante, Vida Extra. Un filme que debería ter unha vida longa.

Falabas do 15M e a crise económica actual. Houbo quen vos teña chamado demagogos ou oportunistas por facer un programa como este nestes tempos que nos tocan vivir?

Ninguén mo dixo e non sei se alguén o pensa. Un é produto da súa biografía e das súas tomas de conciencia. Creo que dicilo sería inxusto comigo neste caso e coa emisora que ten moito tempo e é unha emisora comunitaria. Nese sentido non se lle pode facer esa tacha.

E ti, Iago Martínez, pensas que se está repolitizando a cultura?

Eu creo que si, pero esas cousas van por barrios. Creo que si e que está á vista de calquera. Non só se repolitizan práticas e discursos que xa existían, senón que aparecen outros novos que teñen esa necesidade para facer fronte ao presente. Ninguén vai dicir que Das Kapital repolitizou o presente agora, ou Ramiro Ledo. Pero hai autores que dez ou cinco anos atrás non tiñan a palabra política no seu vocabulario e hoxe si, pero sería inxusto acusalos de oportunistas. Todo o mundo ten dereito a tomar conciencia cando lle toca.

"Hai autores que dez ou cinco anos atrás non tiñan a palabra política no seu vocabulario e hoxe si, pero sería inxusto acusalos de oportunistas. Todo o mundo ten dereito a tomar conciencia cando lle toca"

E que facía a cultura ata o de agora, evadirse?

Non evadirse, senón que en xeral todos nós vivíamos o soño das clases medias, pensando que non eramos traballadores, que tiñamos garantida a nosa biografía do benestar, pero ese relato crebou. Hai xente que mira para outro lado pero houbo outra que tomou conciencia.

É imposible romper o monopolio do espazo radiofónico?

É moi difícil. Porque vindo dunha emisora nunha situación precarizada, está ameazada. O espazo radioeléctrico funciona como funciona. A iso contribúe o monopolio do imaxinario. Determinados contidos están vetados nos medios convencionais, porque non importan, porque non atenden a intereses que están aí fóra na xente.

Ti dixeras hai tempo nunha entrevista que creara un debate moi acendido na rede, e dou fe, que os e as xornalistas somos man de obra excedente. Reafírmaste nestas palabras?

Si. Eu usei esa expresión non tanto como unha maneira de alcumarme a min mesmo, que viña de vivir dous procesos de desmantelamento, primeiro Xornal de Galicia e logo El País Galicia, senón como unha metáfora. Non só dos xornalistas pero en particular dos xornalistas. Creo que o problema do xornalismo sería o problema de negocio, pero son cousas que a min non me competen, eu son traballador da información, ou viña séndoo. Por baixo ou fóra diso é que hai un problema político que é que a xente non nos ve como algo necesario. Iso convértenos en man de obra excedente.

"O problema do xornalismo sería o problema de negocio. Por baixo ou fóra diso é que hai un problema político que é que a xente non nos ve como algo necesario. Iso convértenos en man de obra excedente"

Como pensas que ve a xente o xornalismo?

Non che sei, penso que como o vexo eu. Nun estado calamitoso ou como unha instancia inimiga. Estes días intentaba ler algunha entrevista a Martiño Noriega na que se falase do que é importante falar con Martiño Noriega neste momento, tendo en conta os procesos políticos que están abertos en Anova, e que non implican só a Anova, senón que implican o noso presente e contradicións na organización política que van máis aló de Anova, e non o conseguín. Moitas veces o xornalismo encarna o sentido común na acepción máis reaccionaria e eu entendo que iso provoque rexeitamento. Entendo que hai medios que son indefendibles, senón fose polos postos de traballo que xeran, que son respectables, pero como medios son  indefendibles. Pero por experiencia sei que en todas partes hai bo xornalismo, aínda que sexa por resistencia. Os medios son guerras, todos os días son unha batalla entre editores e xornalistas, empregados contra xefes e nesa batalla agroma como mala herba o xornalismo. Sei que é difícil, pero hai que ver a importancia dese bo xornalismo cando aparece nas nosas vidas, aínda que sexa algo intermitente. Eu creo que a xente non acaba de velo, e iso explica que determinados medios que son importantes para a cidadanía ademais de seren honestos e baratos, non consigan manterse. Para min iso é un drama. Pensar que entre 2,8 millóns de galegos non poidamos manter pequenas estruturas xornalísticas en lingua galega, paréceme frustrante.

"Os medios son guerras, todos os días son unha batalla entre editores e xornalistas, empregados contra xefes e nesa batalla agroma como mala herba o xornalismo"

Disimulen serviu para reconciliarte coa profesión?

Nunca me enfadei coa profesión. Sempre gocei moito e sempre fun así de optimista. Mesmo traballando para os medios máis infames do mundo, sempre tratei de facer ben o meu traballo e non sempre o conseguín. E tiven compañeiros que quixeron facer ben o seu traballo e facíano a costa de canear os xefes e facer pedagoxía con eles. O que pasa é que cambiou, iso antes permitía vivir a centos de persoas e agora son poucos. E co peche de pequenos medios da periferia que enriquecían o ecosistema e permitían respirar, pois a cousa empeora.

Algún día eses pequenos medios acabarán sendo empresas informativas?

Algunhas xa o son, á súa maneira. Aí estou perdido, non sei que será do xornalismo e esta fase na que está entre hobby e activismo se será para sempre ou é unha etapa. As cuestións económicas habería que preguntarllas a quen inviste e espera un retorno económico por iso. Os xornalistas aspiramos a traballar.

Para a tempada que vén, que sorpresas nos agardarían?

A primeira é saber se sigo ou non, eu querería seguir. Pero leva tempo facer un traballo así porque tamén hai que buscar cousas para chegar a fin de mes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.