LudoteGa, o lecer en galego para nenos e nenas de Barcelona

Unha actividade da LudoteGa CC-BY-SA Praza Catalunya

A LudoteGa Barcelona pecha por vacacións de verán e faino cun encontro no Parc de la Ciutadella da capital catalá este domingo. Entre as actividades programadas para as nenas e nenos que participen haberá maxia, cancións, contos, baile, xogos, etc. Todo co galego como denominador común.

Dende a súa posta en marcha en maio de 2012, a LudoteGa leva realizados xa un bo feixe de encontros cunha participación que non deixa de medrar. “Houbo ocasións nas que participaron máis de trinta nenas e nenos, como cando no Nadal nos visitou o Apalpador”, comenta Cris Amarelo, unha das nais participantes na LudoteGa.

A ausencia de espazos para a realización de xogos e actividades en galego na cidade foi o que motivou que unha serie de pais e nais da “parroquia galega en Barcelona” se decidisen a artellar esta proposta “autoxestionada e cento por cento participativa ao abeiro da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB)”.

“Cadaquén achega o que pode ou o que quere: un conta un conto, outra canta unha canción, outra nai explica unha adiviña mentres un pai prepara un exercicio de manualidades… A idea é que os nenos e nenas xoguen, realicen actividades e o pasen ben co galego como fío condutor”, sinala Cris Amarelo. O abano de idades é moi amplo pois nos encontros participan crianzas con idades que van dos tres meses aos 9 ou 10 anos.

“Aos meus fillos gústalles moito a LudoteGa, para eles é atoparse con outros nenos e nenas e ir descubrindo outra lingua, neste caso a lingua da súa nai”,

“Aos meus fillos gústalles moito a LudoteGa, para eles é atoparse con outros nenos e nenas e ir descubrindo outra lingua, neste caso a lingua da súa nai”, comenta Sara Louro, galega nada na Coruña que de moi pequena trasladou a súa residencia a Barcelona. “Para min é un xeito de que se acheguen á lingua e ás costumes do meu país, á fala dos seus avós, que descubran a música tradicional galega ou que saiban, por exemplo, do Apalpador ou dos Maios”, engade.

Con tan só cinco meses, Anxo é dos nenos máis pequenos que participan na LudoteGa. Seus pais, Xosé e Sara, chegaron a Barcelona en 2006, e para eles “é moi importante que Anxo forme parte da LudoteGa porque queremos que aprenda galego, que coñeza as súas orixes, a cultura de onde provén e vemos que a través do xogo e da canción é un bo xeito para acadalo”. Non só para as nenas e nenos, tamén para eles a LudoteGa é unha experiencia enriquecedora: “é un xeito inmellorábel de coñecer outros pais e nais con inquedanzas semellantes ás nosas, de que poidamos compartir a experiencia tan fermosa de criar ás nosas fillas e fillos en galego e facendo cousas xuntos”.

"E sobre todo é unha satisfacción ver como un proxecto real, autoxestionado, sen subvencións nin directrices marcadas, con mínimos recursos, funciona”

Cris Amarelo comparte a reflexión de Xosé e Sara. Ela é galega de segunda xeración e xa naceu en Catalunya polo que a aprendizaxe é dobre. “A través da LudoteGa, o meu fillo Roi aprende galego, participa do xogo con outros nenos e nenas que realizan o seu mesmo proceso e mantén viva a identidade galega e para min é como volver ser nena pois ao pasar a infancia en Barcelona perdín esa parte da cultura do país”, comenta Cris.Pequenos e maiores, pais, nais, nenos e nenas destacan o bo ambiente que se crea na LudoteGa, o “ben que o pasan eles e o ben que o pasamos nós”, comentan.  “E sobre todo é unha satisfacción ver como un proxecto real, autoxestionado, sen subvencións nin directrices marcadas, con mínimos recursos, funciona”, sinala Sara Louro.

Á volta do verán, a LudoteGa volverá erguer o pano para seguir programando actividades infantís en galego en Barcelona.

Unha actividade da LudoteGa CC-BY-SA Praza Catalunya
Visita do Apalpador CC-BY-SA Praza Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.