Lume na alma: A Druidesa (1926) (II)

Campaña do Seminario de Estudos Galegos para o estudo das Terras de Deza. A fotografía tomouse diante da casa de Ramón María Aller en Lalín en Xuño de 1934 Dominio Público Praza Pública

Cínguelle a frente coas hedras da coroa druída
E na man, que reloce como un lirio bendito,
Ten a fouce de ouro do litúrxico rito.
Na noite estrelecida (1926). Ramón Cabanillas.

Coma obra e símbolo a Druidesa é unha rede de ideas que ilustra as novas perspectivas que son impulsadas neses anos. A partir de 1918 o celtismo toma unha nova dimensión cos escritos de Vicente Risco; os seus artigos compoñen a formación dun novo pensamento no que aparecen vinculados o Atlántico (atlantismo), a estética creadora, a Terra galega, o celtismo e o futurismo. O primeiro destes artigos aparece en A Nosa Terra o 15 de Nadal de 1918 co título de “Prosas galeguistas. VI”. Nel explica cal é o obxectivo e a responsabilidade con precisión:   

Y-eu dígovos que se non somos d´hoxe non somos nada. Se a saudade nonos leva a crear tempos novos deixando atrás todo o feito, para qué traballamos? A saudade é tamén a sede do mañán; a sede d´ese mañán de libre irmandade, irmandade de creazón…

Se vamos a crear a Galicia debémola crear pr´eixemplo de todolos pobos da terra, erguéita mais no futuro que ningunha nazón da terra; hemos de facer d´ela a creadora do porvir, e xa que está asomada ó Atlántico, onde cecais se fundíu a súa terra nai, fagámola fita com´un Hermes, sinalando o camiño ós pobos da Europa, e mais aínda ó d´America para que cando cheguen, vexan eiquí todo o qu´a Europa é se se poidan volver sen agardar ver nada mais novo.

Namentras qu´e os estranxeiros se non vexan forzados de deprendelo galego para vir estudiar eiquí as normas dos tempos futuros, os galeguistas non teremos direito o sono por cansos qu´esteamos.

Campaña do Seminario de Estudos Galegos para o estudo das Terras de Deza. A fotografía tomouse diante da casa de Ramón María Aller en Lalín en Xuño de 1934. Na primeira fila atópanse de esquerda a dereita Ramón Otero Pedrayo, Antonio Iglesias Vilarelle, Isidro Parga Pondal, o alcalde de Lalín Manuel Ferreiro Panadeiro, Pedro Brañas Cancelo, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Robustiano Fernández Cochón, Vicente Risco, Sebastián González García Paz, Antonio Taboada Roca, Paulino Pedret Casado e Jesús Carro García. Detrás están de esquerda a dereita Antón Fraguas Fraguas, Jaime Vidal Rey, Enrique Longa Vázquez, Ricardo García Suárez (Xohán Ledo), Xaime Illa Couto, Ferreirós Espinosa, Florentino López Cuevillas, Vicente Hermida e Anxelo Ramos Colemán.

O vínculo do Atlántico e o celtismo cobra maior intensidade no artigo “A Atlántida”, que aparece o 25 de Setembro de 1919 en A Nosa Terra. Nel Risco escribe: “E para eso, deades ou non creto histórico a leenda da Atlántida, imos ver cal debe ser para nós, a súa sinificación. A Atlántida solagada baixo as augas do océano é o símbolo da nosa civilización céltica escurecida (…) y-é tamén o símbolo da nosa nacionalidá galega, tamén escurecida”. A unión indisoluble entre ambos queda plasmado en “Crítica literaria. Letras portuguesas”, publicada de novo en A Nosa Terra o 10 de Maio de 1920. “Imos delimitando -escribe Risco- cada día mais as diferenciaes da nosa i-alma celto-atlántica; o atlantismo vai collendo corpo, logo se terá en pé”. 

Con estas verbas explícase o crecente interese na representación plástica dos celtas. Pero a identificación entre os celtas e a Terra galega queda explicada en “O sentimento da terra na raza galega”. É publicado en Nós o 30 outubro de 1920. Nel Risco analiza detalladamente esta identificación, así como o concepto de Terra como Matria (a nai nación), un termo que Díaz Baliño emprega no texto que escribe para acompañar a súa primeira versión de Ara Gael (1922) publicada na prensa:  

Aínda non é isto todo. Logo, hai en todo o que levamos estudiado: no noso ruralismo, no noso sentimento de dependermos da Terra, no noso sedentarismo, no noso sentimento da Natureza, a sobrevivencia indudabel d´unha emoción ancestral. Eu penso que é a emoción sagrada dos pírmeiros abós celtas qu´eiquí chegaron diante do encantamento da Terra meiga qu´eiquí os prendeu pra sempre…unha emoción que fai cair de xeonllos, coma quen sinte palpabel a presencia dos deuses, coma quen antrevé o Gwyn-t´yd cos ollos da carne…Y-esta emoción talmente se plasmou nas suas almas primitivas, qu´estas gardaron xa para sempre aquil deslumamento y-aquil amore qu´eles nos trasmitiron no sangue coma un heredamento espirtual que vive na lembranza escura da Raza.

Nos temos aínda a y-alma pagana d´aqueles abós que coñecían y-adoraban as chtónicas potestades escultoras da y-alma dos pobos; aqueles misteriosas Matres galegas, aquela escura e subrime Tellvs, á que Caio Suipicio Flavo, celta latinizado ou romano enmeigado por ela, pol-a Terra Galega, dedicou un ex-voto…   

Eis a orixe pagana y-ancestral do noso sentimento relixioso da Terra…

A continuación Risco explica: 

A Terra é a segunda placenta ond´estamos sendo formados namentras que n-éla vivimos. O nóso corpo é un anaco d´ela, porque d´ela saca o alimento que lle dá carne e sangue: ela está en nós, nas nósas veas, nos nósos ósos, nos nósos miolos…Ela está na nosa y-alma e o nóso entendimento, que d´ela veñen que d´ela son fillos, como o corpo é. Ela enche d´imaxes o nóso interior, y-esí como alimenta ó corpo co-as especies físicas, tamén alimenta á y-alma co-as especies sensible. Pertencémoslle en corpo y-alma…

Sagrada Terra galega, amasada co-as cinsas dos nósos abós, co suor e co sangue dos nósos irmaus, relicario das nósas lembranzas, Terra onde sementamos non espranzas todas, divina Nai que nos fas divinos ó estarnos feitos da sustancia tua: pra Ti o nóso alento, o nóso esforzo, o nóso amore…

O peso destas ideas anuncian unha nova iconografía e un simbolismo que aparecen impulsadas en artistas coma Castelao, Cebreiro e sobre todo, Díaz Baliño. As declaracións deste derradeiro pintor na prensa son elocuentes pola transmisión pública das ideas políticas e artísticas expresadas neses anos. A entrevista de Julio Sigüenza a Díaz Baliño, publicada en El despertar gallego en Agosto de 1926, é una mostra diso:   

Y hablando del arte gallego, Camilo dice:

No olvidéis nunca los del “alem” que la orientación de nuestro arte debe salirse de los ridículos detalles de “zocas” y “pandeiros”: tenemos que ir más allá; es necesario llegar a las raíces de la raza; hay que llegar al corazón céltico, y en estas tendencias y recuerdos vivir. No hacer una Galicia de “Pandereta”, sino una Galicia fuerte y enérgica.

Debemos ser nacionalistas; esto no quiere decir que seamos separatistas, pero si odólatras (idólatras) de nuestra Santa Tierra; y nuestra exaltación debe parangonearla a nuestra madre y a nuestro Dios.

O sentimento da terra na raza galega. Artigo de Vicente Risco. Ilustracións de Castelao. Nós, Nº 1,  30 outubro de 1920

Resulta especialmente importante esta derradeira idea da Terra galega coma divindade. A Druidesa está realizada coma un ídolo, a imaxe dunha deusa que podería atoparse venerada no sagrario dun templo. A figura das druidesas son obxecto de atención nas ramas da Arte, especialmente na pintura e na escultura. A mais famosa é Velléda, quen a raíz do escrito de Chateaubriand esperta a atención dos artistas. Nas obras aparece a veces vestida cunha túnica de pregos branca ao estilo clásico e coroada con follas de carballo. Noutras atópase espida, velada cunha gasa transparente ou unha saia cinguida ata os xeonllos, levando un fouciño de ouro. Móstrase trasladando a súa mensaxe tras apelar aos deuses, tocando unha arpa dourada ou chamando con combatividade. Son numerosas as pinturas románticas que se centran nela, como Velléda, druidesa da Illa do Sena (1853) de Jules-Eugène Lenepveu e Velléda (1869) de Charles Voillemot. A nivel pictórico destacan dúas obras: a Velléda, profetisa dos Bructeri, arengando ao seu pobo contra os romanos (1870) de Charles Zacharie Landelle e O tribunal de Velléda (1879) de Alphonse Cornet.  

Sen embargo, esta druidesa en quen esperta unha enorme fascinación é nos escultores, motivo polo cal é unha das figuras mais representadas na escultura francesa do século XIX. Son abundantes as representacións dela nas que aparece con complexas composicións de follas e velos sobre o cabelo solto, o peito descuberto, unha saia plisada, solta e curta por enriba dos xeonllos e nela, un fouciño colgado a altura das cadeiras. A célebre Velléda (1844) de Hippolyte Maindron, Velléda (1860) de François Lepère, Velléda (1877) de Laurent Marqueste, Velléda (1891) de Alfred Jean Fontenay e o Busto de Velléda (1900) de Louis Robert Carrier-Belleuse, son as obras que en maior medida fixan a imaxe da profetisa. En conxunto a visión que cristalizan os artistas é enigmática, ceibe, dunha solemnidade envolta nunha simple elegancia. Velléda móstrase nestas escenas cun aspecto forte e doce, percibindo e comprendendo o que vai suceder co tempo. Estes modelos precedentes, xunto a escritos como os de Risco, son os que conforman a personalidade e expresión da escultura da Druidesa.   

Velléda. 1871. Hippolyte Maindron. O artista realizou esta réplica empregando un mármore deteriorado no xardín de Luxemburgo. Esta escultura, tras estar no Museo de Luxemburgo en 1871 e posteriormente no xardín das Tullerías en 1889, entrou no Museo do Louvre en 1920. © Musée du Louvre/P. Philibert.

Outro elemento importante da obra é a anta. No rito de invocación as mans da Druidesa están pousadas sobre ela, transformando un monumento megalítico nun altar. Esta linguaxe visual tamén aparece repetidas veces nas obras de Díaz Baliño, continuando as teorías establecidas polos anticuarios dende o século XVII sobre a concepción e significado destes monumentos asociados aos celtas. A anta está tallada cun enorme realismo, coma se fora un monumento construído con pedra escura, sólida, perdurábel. A representación da Druidesa -e por extensión, dunha iconografía celta- ten unha mensaxe final; coma símbolos recollen todo o pasado superando as barreiras do tempo e o espazo, e a vez, conteñen os alicerces fundacionais que conducen ao futuro, encarnando a liberdade do espírito galego. 

A escultura de Souto é unha exploración do artista dun imaxinario individual e colectivo propio, fora do predeterminado e a limitación, tanto da temática e ideas clásicas coma dos estereotipos e lugares comúns. Isto transforma a peza nunha obra que transmite non so a visión do escultor, senón de toda unha nova mentalidade, sendo capaz de apelar as emocións e sensibilidades latentes no público moderno. Seis anos despois de aparecer a Druidesa no periódico Galiza maniféstase o legado desta potente imaxe. A súa capa plasma a Terra galega coa mesma feminidade electrizante que a escultura, cun gran manto caendo dela e a cabeza cara atrás, facendo que o longo cabelo deslícese sobre ombreiro e o peito. E igual que a Druidesa, é reverenciada como a audaz encarnación visual do futuro.          

Agradecer a Fernando Pereira, bibliotecario e investigador, e a Ángeles Tilve, conservadora do Museo Provincial de Pontevedra, as súas achegas nestes traballos.

Fotografía da escultura enviada por Camilo Díaz Baliño a 'Céltiga'. Publicase xunto a un artigo sobre a obra o 25 de novembro de 1927 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.