Manuel María: o dereito á dignidade e á enteireza

© Fundación Manuel María

“Ando a pedirlle á vida : luz, beleza,/ delicadeza xuvenil, unha canción,/ a virxinal tempestade da paixón,/ o dereito á dignidade e á enteireza”. Iso di Unha canción, o poema de Manuel María en As lúcidas lúas de outono que Uxía e Sérgio Tannus musicaron no disco Uxía canta a Manuel María. A interpretación deste tema, que condensa en poucas palabras boa parte do sentido da obra do poeta, foi tamén un dos mellores momentos do concerto de presentación deste CD no Teatro Principal de Santiago. Uxía canta a Manuel María foi gravado ao vivo na casa-museo do escritor.

Uxía canta a Manuel María foi gravado ao vivo na casa-museo do escritor

E con A casa comezou o concerto, no que Uxía estivo acompañada por Sérgio Tannus, Santi Cribeiro e Paulo Silva. Continuou con outra mostra da especial relación de Manuel María co lugar: Terra Chá, para seguir despois, na mesma liña mais abríndose ao existencial, con Quero ser río. “E eu, pobre e esquecido poeta:/ Por que existo…?/ O meu continuo morrer non será vida?”. “A estrela é inmutábel en si mesma./ A estrela ten sentido.”. “O demais é vaguedade, sombra,/ ou nome frío”. Carné de identidade, “Eu son Manuel María,/ labrego son con algo de poeta”, acabou, despois, de situar ao público na xeografía persoal do poeta.

Veu despois un dos poemas máis sociais, o coñecido Manual do señorito, con música de Miguel Varela. “Aínda que un non sexa moi bonito,/ non é difícil chegar a señorito./ Primeiro hai que odiar o comunismo,/ e pensar somentes en un mismo,/ non facerlle moito caso aos pais,/ e ter certo desprezo pros demais./ Vivir do que súan dos demais,/ e denantes morrer que traballar!/ Non falar galego endexamais,/ (é idioma do pobo, moi vulgar)”. Uxía pediu algún axudante do público para facer os coros de Señor Gato, -canción que xa fora incluída no disco Maria Fumaça-, e saíulle unha nena que miangaba pouco pero ben, coa que se mantivo o ton emocional que tivo todo o concerto.

A poesía de Manuel María, -dixo Uxía-, leva música dentro

A poesía de Manuel María, -dixo Uxía-, leva música dentro. Como Rosa namorada, poema dedicado a Saleta Goi. “A terra faise en ti,/ Saleta, sutileza,/ chama apaixonada/ e transparente,/ levidade de neve,/ torrente e forza/ de seiva poderosa”. Ou como O Melro, que Xabier Díaz cantou con Uxía, no que foi outro dos momentos máis álxidos do concerto, xunto con Heiche dar un bico e, despois, a moi actual Bando. “Dende agora as pombas teñen/ que pedir licencia para voar”. “Prohíbeselle á lúa/ andar ceiba de noite polo ceo”. Na mesma senda reivindicativa, veu despois a tamén moi coñecida O idioma. “O idioma é a chave/ coa que abrimos o mundo:/ o salouco máis feble,/ o pesar máir profundo”.

Remataba o concerto, pero faltaban cousas. O público aínda non escoitara O carro. Que chegou nos bises, despois de Aínda teño a esperanza. “Aínda teño a esperanza de poder/ percorrer unha a unha/ todas as parroquias de Galiza”. Con O carro, o público cantou con Uxía. E, cos Alalás encadeados de Uxío Novoneyra púxose en pé. “Galicia non te puideron calar/ e ben que o tentaron”. Para quen non puidese ir ao concerto, -ou para quen fose-, o CD Uxía canta a Manuel María contén todas estas cancións, ademais dun código de descarga para visionar o audiovisual De amor e cantería e un porta-poemas, -semellante a un porta-fotos-, cunha escolma de 52 poemas e unha folla de carballo da carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei.

A musicalidade dos versos de Manuel María é tamén destacada polo compositor e escritor Paulino Pereiro no libro A propósito de Manuel, editado pola produtora Nós, que acompaña o documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, dirixido por Margarita Ledo e tamén publicado por Nós. “Chao xurdiu coa ocasión da lectura do poema de Manuel. As palabras, o contido do poema, o ritmo e as sonoridades vocálicas e consonánticas, todo iso suxería música, sons que houbo que domear organizándoos para a expresión das ideas filosóficas do falante”, explica Pereiro, que traballou con Chao, de Manuel María, na súa colección de pezas pianísticas O tempo nas voces. Op. 82, na que evoca musicalmente as sensacións que suscitan os versos de poetas de distintos lugares e tempos.

“Cando eu xa estexa canso de verdade/ e as cousas e o mundo non alcendan/ en min nengun fervor, quero/ deitarme, Outeiro, no teu chao,/ contemplar o brillo das estrelas,/o paso das nubes tráxicas e grises/ mentras, con todo o meu ser, vou,/ moi de vagar, dun xeito lúcido,/ facéndome, pra sempre, terra túa/e ensumíndome, calado, no teu seo”, di Chao. E con Chao, -explicou Margarita Ledo na presentación en Numax do libro+DVD de Nós-, coa voz de Miguel Anxo Fernán-Vello, empeza Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Un filme de 2005 agora reeditado co engadido do libro, que presenta as distintas faces da vida de Manuel María a través da súa propia voz.

“Non quededes nos estereotipos”, insistiu Margarita Ledo

“Quen tiña que dar o seu relato era o propio Manuel María”, -indicou Ledo-. Había, -engadiu-, tres temas constantes no discurso do poeta: a lingua, a emigración e os personaxes. Como tamén están moi presentes os “afectos”, aos lugares, (ao país), e ás persoas. Mais “non quededes nos estereotipos”, insistiu. Pois hai máis Manuel María que o poeta da Terra Chá -que tamén-. Por iso cómpre ver toda as “variacións de alfaias que ás veces dá a cultura”. Alén diso, -subliña Ledo no libro A propósito de Manuel-, “teño para min que este filme olla para nós dicindonos precisamente iso que, neste caso, Pistoletto repite unha e outra vez: Il ne sa’agit plus d’art pour l’art mais d’art comme esthétique qui cherche l’éthique. Xa non se trata da arte pola arte senón da arte en canto estética que procura a ética”.

“Se houber que ollar de fronte para a liña de sombra que debuxaba por veces unha tristura fonda no Manuel”, -apunta Ledo neste libro-, “diante nosa aparece o vencello idioma-pobo e a urxencia de remediar un síntoma, o do desleixo, que non é outra cousa senón que a desaparición do Nós como suxeito colectivo, como nación, como ese espazo onde se dan amores e mal de amores, intereses confrontados, relacións de Poder que Manuel quere do revés: a prol das clases subalternas, das e dos excluídos das decisións.Tal se a lingua, o exército dos probes, fose o único facho que podemos manter mentres nos expropian as terras, o sochán, as augas, as almas, é dicir, a xinea, as concencias”. Á par, -engade-, “para non esmorecer, réstanos todo aquelo do que Manuel gozou: o seu país, a literatura do seu país, e o símbolo dun futuro por chegar nese monumento natural, as Penas de Rodas, que convertidas nun cabalo alado, nun dese cabalos da mitoloxía céltica, foron canda Manoliño de Hortas deica a outra beira”.

O filme é debedor da amizade entre Manuel María e Margarita Ledo

O filme é debedor da amizade entre Manuel María e Margarita Ledo, -que Nemésio Barxa, a produtora Nós, salientou na presentación de Numax-, e que Carme Vidal tamén subliña en A propósito de Manuel. “Unha sorte de fraternidade, malia a diferenza de idade, preside a relación entre Manuel María e Margarita Ledo, que se pode reconstruír en moreas de fotos que darían, de se xuntaren, o álbum dunha relación intelectual, política e persoal que se faría forte na efervescencia dos anos setenta e se modularía ao longo do tempo, segundo as distintas circunstancias vitais dos protagonistas”, explica Vidal, que sinala máis adiante que para a montaxe do documental “fíxose unha recollida de documentos visuais de Manuel María espallados por casas particulares e entidades, nese inicio de milenio ás portas de que as redes sociais comezaran a mudar a socialiación das imaxes privadas. Fotografías e vídeos chegaron de todo o territorio galego construíndo a paisaxe dun autor que percorreu o país a través da intervención en centos de actos públicos”.

Neste mesmo libro, Darío Xohán Cabana sinala algo que tamén comentou Ledo en Numax: “Manuel María encabeza historicamente a que nós chamaremos Xeración dos Cincuenta, a Grande Xeración, a gloriosa constelación que puxo o seu xenio e a súa enerxía militante ó servizo da resurrección das letras galegas feridas de morte pola ditadura fascista, e que acabou de conformar a estrutura esencial do edificio da Literatura Galega moderna tal como hoxe a percibimos”.

"Durante bastantes anos, a súa condición case que de «poeta oficial» da UPG, fixo que moitos escritores e críticos menosprezaran a súa obra"

Neste texto, no que repasa a vida e obra de Manuel María, Cabana indica que “a disciplinada militancia partidaria tivo para Manuel María consecuencias graves; mais non nos referiremos á represión, nin ás desastrosas influencias das loitas internas do nacionalismo nalgunhas relacións persoais moi fondas, nin ós sucesos que en certas épocas lle fixeron difícil a vida laboral e social en Monforte, senón ás consecuencias para a imaxe pública do escritor. Durante bastantes anos, a súa condición case que de «poeta oficial» da UPG, e das organizacións políticas, culturais ou sociais que a UPG inspiraba, fixo que moitos escritores e críticos menosprezaran a súa obra, que probablemente non se molestaran, polo menos nalgúns casos, en ler a fondo e sen prexuízos”. Pero, -segue Cabana-, “a lectura do conxunto da poesía do Manuel deixa, por riba de caídas ou imperfeccións puntuais, a sensación do xenio torrencial e multiforme que se substancia nun corpus esencial moi amplo destinado a permanecer como un dos cumes da nosa literatura nacional. Nos últimos anos da súa vida, felizmente para os seus amigos, as críticas acerbas ou negacións sectarias deixaron paso a esta verdade, que se foi impoñendo case universalmente”.

Miguel Anxo Fernán-Vello indica, pola súa banda, no libro, que “Fala e terra desta miña terra é, sen dúbida, o mellor traballo fílmico realizado sobre o autor de Poemas para construír unha Patria», pois «retrata» e «captura» un Manuel María «inscrito» no tempo, dono da súa individualidade e cordialmente ofrecido ao mundo. Todo o que Cynthia Freeland esixía como características específicas para que unha representación humana sexa considerada «retrato» —representación da aparencia, caracterización psicolóxica, probas de presenza ou «contacto» e manifestacións da «esencia» ou «aire» da persoa— están contidas maxistralmente na obra fílmica de Margarita Ledo”.

"Fala e terra desta miña terra é, sen dúbida, o mellor traballo fílmico realizado sobre o autor de Poemas para construír unha Patria"
                

Mais, engade Fernán-Vello, “esta «narrativa fílmica da emoción», como así prefiro eu denominar a obra da autora chairega, culmina coa voz lectora de Manuel María —pura resonancia da terra e do ser— en poema de amor dedicado a Saleta Goi, compañeira eterna —«e o teu corpo florecera en abelairas»—, xusto antes de atinxir o «cliímax» fílmico final coas imaxes da «instalacioón» de Bernardo Tejeda titulada «Bandeiras no río Azuúmara»: as bandeiras da Patria, ninfas ou náiades ofelianas, afogando nas augas do río. O propio Manuel María, cantor dos ríos da Chaira («O Azúmara, o Lea, o Anllo, o Miño/ atravesan toda a Terra Chá/ cun paso tan lento e caladiño/ que aperta o corazón coa soedá»), tense referido ás caudalosas augas que «arrolaron o noso berce, asombraron a nosa infancia, puxéronlle alegre e desbordada música ás poderosas paixós e desasosegos da nosa adolescencia e xuventude e, nos anos anos da nosa madurez, o seu monótono rumor encheu a nosa melancólica nostalxia». E tal vez por iso quixo Margarita Ledo, en pura simboloxía política e dramática extrema, mostrar a estrela vermella e a banda azul da bandeira como figura mestra —tamén a vería así Bachelard— dunha linguaxe fluída, dunha linguaxe continua, dun medio de purificación ritual e radical”.

© Fundación Manuel María

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.