Mapa sobre a dor: La herida, Child’s pose e The act of Killing.

Fotogramas dos filmes © Cineuropa

Unha das virtudes de Cineuropa é que a súa concepción como “festival colector” permítelle reunir multitude de propostas sen prexuízos temáticos ou estéticos. Esta condición ten un beneficio evidente para o público porque amplía a súa mirada de maneira proporcional aos estímulos das películas. Neste arranque da cita compostelá atopamos tres películas sen ningún punto en común que, con todo, dialogan co espectador creando un gran mapa conceptual. Falamos da película española La herida de Fernando Franco, a romanesa Child’s Pose de Calin Peter Netzer e o documental danés ambientado en Indonesia The Act of Killing de Joshua Oppenheimer.

O filme español e o romanés foron premiados nos festivais de San Sebastián e Berlín respectivamente, e o documental foi eloxiado pola prensa especializada de forma unánime. Sobre o papel estas películas teñen xéneros, personaxes e argumentos distintos pero o tres coinciden na particular mirada dos seus directores. Franco, Netzer e Oppenheimer teñen en común un interese por mostrar un punto de vista atípico e polémico que explora a dor en tres niveles distintos.

La herida de Fernando Franco aproxímanos á vida de Ana, unha muller que ten problemas para socializar ou establecer relacións e descoñece que sofre Trastorno Límite de Personalidade. As claves da película achámolas no portentoso traballo da actriz Marian Álvarez que transmite a angustia que padece a súa personaxe; e na mirada do director que busca que empaticemos con ela, sintamos a súa inseguridade e o seu sufrimento. Franco consegue explotar a intensidade das súas expresións e emocións pegando a cámara ao rostro de Marian Álvarez. O resultado é que consegue trasladar ao espectador unha dor tan íntima e persoal como a de Ana e, deste xeito, facer da súa ferida, a nosa ferida.

En Child’s pose (A posición do fillo) un home de trinta anos atropela e mata a un neno nun accidente de tráfico e a nai do condutor tenta evitar por todos os medios que o seu fillo vaia ao cárcere. A película vira ao redor desta nai, unha persoa absorbente e sobreprotectora, que pertence á clase alta de Romanía e que pon en marcha toda unha maquinaria de contactos para manipular a xustiza ao seu antollo. A situación, xa de por si dramática, vese agravada por unha complexa relación materno-filial repleta de reproches, rexeitamentos e dependencias. O director aposta por unha realización nerviosa, próxima ao documental, que persegue en todo momento manter latente a dor da nai. Ademais, outro punto destacable é que o sufrimento da familia do falecido fica fóra de campo todo o filme. Decisión que se mantén até a escena final, cando ambas as familias cruzan os seus dramas xerando unha fervenza de sufrimento e bágoas que resulta difícil de superar. Un claro exemplo de como as decisións da posta en escena poden administrar a dor para contelo ou explotalo á súa vontade.

Tres películas, tres directores e tres propostas que, malia á distancia, manteñen un diálogo co espectador. La herida, Child’s pose e The act of killing amósannos a dor a tres niveles distintos: persoal, social e histórico. En cada caso, a mirada do director tórnase esencial para conseguir os seus obxectivos particulares e, en conxunto, forman un involuntario mapa conceptual grazas a tres obras valentes e comprometidas.

Por último, o documental The act of killing céntrase nas consecuencias do xenocidio comunista perpetrado en 1965 tras o golpe de estado en Indonesia. A diferenza doutros documentais históricos que rescatan imaxes de arquivo ou dan voz aos represaliados, Oppenhaimer opta por dar o protagonismo aos xenocidas, aos artífices daquel masacre, a quen corenta anos despois exercen os poderes fácticos. Coa escusa de rodar unha película de ficción sobre o sucedido, os xenocidas contan como levaron a cabo as matanzas, séntense como estrelas de Hollywood; as súas bravuconadas altérnanse coas confesións dos seus medos e o humor mestúrase co horror máis absoluto. O punto de vista sitúase na fronteira da ética á distancia suficiente para remover conciencias e reflexionar sobre a represión, a memoria histórica e os propios límites do ser humano. De novo, a dirección onde apunta a cámara é esencial para conmovernos, emocionarnos e, sobre todo, mostrarnos que a dor pode ser atemporal.

Tres películas, tres directores e tres propostas que, malia á distancia, manteñen un diálogo co espectador. La herida, Child’s pose e The act of killing amósannos a dor a tres niveles distintos: persoal, social e histórico. En cada caso, a mirada do director tórnase esencial para conseguir os seus obxectivos particulares e, en conxunto, forman un involuntario mapa conceptual grazas a tres obras valentes e comprometidas.

Fotogramas dos filmes © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.