Marcopola: o cómic como ferramenta normalizadora

Viñeta dun cómic de Marcopola Dominio Público Praza Pública

Este sábado día 3 no Culturgal, ás 18 horas, Jacobo Fernández Serrano asinará exemplares do seu último libro, acabado de editar por Xerais, o cómic infantil Marcopola a illa remeira, avoa Power. Trátase dunha serie que leva catro números editados e está a revolucionar o libro infantil. Marcopola naceu no ano 2014 co primeiro volume titulado As Orixes de Marcopola e foi acollido con moito éxito entre as cativas de seis anos en diante, a este número seguíronlle  Os piratas da lúa e Dragoneta. Edicións Xerais de Galicia leva arredor de 10.000 exemplares vendidos, polo que estamos diante dun éxito editorial eficaz no proceso de normalización da lingua e enormemente atraente para as máis pequenas  que demandan novos números.

Jacobo Fernández Serrano é ademais de escritor (gañador do Merlín no 2009 por Mil cousas poden pasar I), debuxante, pintor, ilustrador e comiqueiro (Premio Castelao 2008). A súa obra conságrao coma un dos creadores máis polivalentes e agardados da nosa LIX.

Como naceu Marcopola?

Nace como personaxe secundaria en Os amigos de Archimboldo Roque, unha serie publicada na revista Golfiño desde o 2000 a 2004, recollida no volume homónimo publicado por Faktoría K (2008), nela aparecía unha illa remeira, aínda sen nome, que máis tarde tería serie propia co selo Mamut en catalán, castelán e francés. Deseguido presentei o proxecto a Xerais e xa desde o primeiro volume tivo grande aceptación.

Como é a experiencia de contacto coas nenas?

Despois de gañar o Premio Merlín empecei a ir polos colexios para atoparme cos meus lectores. Elas xa traballaron o libro na clase e están cheos de preguntas e curiosidades. Nesas charlas fálolles do meu xeito de traballar, amoso orixinais das páxinas e debuxo os seus personaxes preferidos . Pásoo xenial con elas e recibo a "presión" dos fans coa pregunta que me fan sempre: cando sae o próximo número?

"Marcopola debe ser dos primeiros cómics que desde os centros se ofrece como lectura"

Cres que é un formato atraente para aprender?

A resposta tanto do profesorado como do alumnado é moi positiva, xa que permite que traballen co debuxo e coa lingua de maneira lúdica. É un produto diferente que está dirixido a unha franxa de idade de primeiros lectores. Non fai falta motivalos, xa están dentro desde que abren a primeira páxina. Debe ser dos primeiros cómics que desde os centros se ofrece como lectura. Ao principio existía certa incredulidade, como lle vou mercar un cómic para o cole?, agora imos polo número 4 e xa son elas as que o demandan, xa lles resultan familiares os personaxes.

"No camiño do cómic para reivindicarse como medio de expresión artística adulta deixouse de lado ao público infantil"

Consideras que estaba esquecido o cómic como produto infantil?

No camiño do cómic para reivindicarse como medio de expresión artística adulta deixouse de lado ao público infantil que de sempre fora a súa gran base lectora. Dende hai uns anos aumentou o interese por recuperar ese público. O que se buscaba tanto en Mamut como en Merlín Cómics era ocupar ese espazo e ofrecerlles ás nenas entretemento debuxado, diversión e, dende o punto de vista do ensino, un novo material de infindas posibilidades.

Como ves a situación actual da lingua?

Non teño un diagnóstico, si algunhas impresións parciais e subxectivas. Teño claro que o galego debera estar máis presente na Educación en todos os niveis. Cada un que fale o que lle pete, pero temos a responsabilidade de aprendelo e de coñecelo ben. Son partidario das leis que fomenten o uso e o coñecemento do galego e de que estas se cumpran. Teño as miñas dúbidas, se cadra estéticas, diante das campañas publicitarias que tratan de facelo atractivo como se fose unha moda ou unha marca de roupa. A cultura é o vehículo que pode levar a lingua máis lonxe dentro e fóra de Galicia e precisa máis apoio institucional. Creo que a obriga das institucións que nos gobernan é poñer a lingua ao carón da xente, facer que a teñan preto, para que pouco a pouco notemos a caloriña e nos apeteza. E aínda que non conto con enquisas nin estatísticas, estou convencido de que, malia a falta de axuda, a caloriña avanza, pouco a pouco, se cadra ao seu ritmo e por camiños por onde ninguén o pensaba.

"O galego debera estar máis presente no ensino en todos os niveis. Cada un que fale o que lle pete, pero temos a responsabilidade de aprendelo e de coñecelo ben"

Hai algún cómic que recomendes?

Hai unha serie que se chama Hilda, de Luke Pearson, autor do Reino Unido que publica BFE e é un fabuloso exemplo de cómic infantil actual, contemporáneo, relacionado co tipo de animación que se pode ver na televisión e que á rapazada lle resulta moi atraente. Sempre o recomendo.

En Marcopola, na súa trama, hai moito de irreverencia. Que intentas transmitir? Pode saír un cómic doutro cómic, tes algo xa pensado?

Para min o principal é o resultado artístico. Acertar coa alquimia entre debuxo e texto, seguir traballando as ideas nas que investigo e que traspasan todos os meus traballos, facer que as personaxes vivan, que transmitan orixinalidade, tolerancia, intelixencia, humor, matices no debuxo e na palabra, quixera reflectir a vida, ou anacos dela, ou mellor facer que apareza alí mesmo, diante do lector, como a maxia que emprega a Avoa, diante dos nosos ollos, sen truco ningún, cambiando a realidade.

A familia de Blake the tiger terá a súa propia historia en tres libros. Nela saberemos o porque do arrefriado crónico de Blake, onde vai a nai, e a que exércitos de monstros e pantasmas se refiren os fillos no epílogo do cómic. Con tempo e saúde poderémolo inventar, escribir e ler todo.

Supoño que o que máis che preguntan é para cando o próximo número de Marcopola?

Si (risos), este atrasouse un pouco, pero xa estamos elaborando o próximo, o Pernechas (risos), sempre mo preguntan.

Pode mercar a colección de Marcopola na tenda de Praza

Dominio Público Praza Pública
Jacobo Fernández Serrano © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.