María Reimóndez. A luz que non estiña

María Reimóndez © Luís Tosar

Logo de máis dunha década de vizosa actividade editorial, coido que é innecesario presentarlle a quen isto lea a María Reimóndez, escritora e tradutora luguesa prezada por moi ben recibidos títulos ao longo destes anos.

Presente continuo non pode ben comprenderse illado de certa produción narrativa, tradutora e ensaística da autora, mais, sobre todo, é imposible de entender se non se ten presente o valioso labor de cooperación ao desenvolvemento

Secasí, o que seguramente xa se precise máis sexa recordar que, malia terse dedicado con intensidade nos últimos tempos á narrativa, as orixes da autora fincan no eido poético, pois a este xénero pertence o que foi o seu primeiro libro publicado, Moda galega, orixinal proposta que, como tantas outras, veu da man dese editor imprescindible que é Francisco Macías, factótum das insubstituíbles Edicións Positivas.

Volve agora Reimóndez dar ao prelo os seus versos en Presente continuo, mais desta volta da man de Xerais, a casa que a acompaña dende hai un tempo.
Presente continuo non pode ben comprenderse illado de certa produción narrativa, tradutora e ensaística da autora, mais, sobre todo, é imposible de entender se non se ten presente o valioso labor de cooperación ao desenvolvemento que, dende 1998, Reimóndez esta a promover a través da plataforma Implicadas no Desenvolvemento.

O libro de Reimóndez é todo el unha crónica sentimental da súa vivencia dacabalo dos dous mundos que lle son propios: a Galicia de nacenza e a India coa que tan estreitamente colabora e na que reside por longas tempadas. Por tanto, é un libro habitado por veces por unha melancolía das xentes e os lugares, outras por unha esperanza tenaz en que as cousas poden (e deben) mudar e en non poucas ocasións pola verba de vibrante denuncia ante os esquecementos que condenan á extinción, á explotación capitalista que empurra ao infrahumano e á lacra da insolidariedade xeneralizada.

Presente continuo é obra na que, ante todo e sobre todo, pode a mensaxe, a capacidade de subverter, de revolucionar en positivo que as palabras agochan

Como ben se ve, Presente continuo é obra na que, ante todo e sobre todo, pode a mensaxe, a capacidade de subverter, de revolucionar en positivo que as palabras agochan. A un lado fican os lirismos requintados, mesmo a musicalidade dos períodos, a pautada dicción e o ritmo poemáticos, pois todo o domina ese corazón ao vivo que enferma ante a visión de medio mundo a maltratar á outra metade.

A clave solidaria e a opción feminista —sempre na autora trabes mestras da súa escrita— alentan neste libro na procura de novas gramáticas para dicir os sentimentos

A clave solidaria e a opción feminista —sempre na autora trabes mestras da súa escrita— alentan neste libro na procura de novas gramáticas para dicir os sentimentos, categorías gramaticais refundadas na imprescindible superación dos patriarcados, redefinicións identitarias fronte á tiranía do espello, mesmo cartografías da realidade da India e xenuínos glosarios históricos daquelas terras que axudan a iluminarnos na ignorancia de tanto como desas matrias descoñecemos.

Apenas se o amor adoza un algo este circio alegado contra tanta ignominia e discriminación. Os afectos polas amigas do camiño que alá están, mais tamén por quen acompaña a voz e a pel de quen deixa aquí a súa mensaxe.

Porque “o presente continuo/ é o único tempo verbal/ do compromiso” e porque hai que seguir soñando en ser quen de cambiarmos este “mundo que dorme”, Presente continuo de María Reimóndez é un alustro ético que ogallá consiga espertar moitas conciencias. Velaí a luz que non estiña: “no fondo da alma/ sempre a convicción/ de ser capaz de superalo todo/ porque o contrario é un luxo/ que non podo permitirme”.

María Reimóndez © Luís Tosar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.