María Xosé Agra explora no seu último libro, ¿Olvidar a Clitemnestra?: sobre justicia e igualdad (USC), as conexións entre xustiza e democracia, "a articulación de cooperación pacífica e igualdade democrática tomando como fío condutor a xustiza e a súa relación coa igualdade, coa idea do igual valor humano, co trato igual e co ser tratados como iguais”, como se pode ler na introdución. A catedrática de Filosofía Política toma a figura de Clitemnestra para reflexionar sobre a necesidade de ir máis alá da vinganza, a incerteza e o medo tan presentes nas sociedades contemporáneas, camiñando cara uns ideais de xustiza e de dereitos dos seres humanos en tanto seres humanos.
Na obra, presentada este martes na USC, xogan un papel central tamén as achegas da filosofía feminista, "un lugar privilexiado, nin exclusivo nin excluínte, para comprender a complexidade e os dilemas dunha política democrática e dunha sociedade máis xusta". Falamos coa súa autora.
A xustiza elévase na obra como o concepto clave, aquilo que nos fai máis humanos, no mellor sentido do termo. É necesario que ocupe un papel máis protagonista nas nosas sociedades? Cómpre maior reflexión en torno a ela?
Eu levo reflexionando sobre a idea de xustiza dende que iniciei a miña carreira académica, para min é un concepto moi importante. Os seres humanos non queremos recoñecer os límites que temos, non queremos recoñecer que somos vulnerables e buscamos protexernos da vulnerabilidade. E nestes días esa protección búscase a través dun sistema securitario, que nos illa, e a través desa concepción neoliberal de que os temas os ten que resolver cada un individualmente. Fronte a iso, a idea de xustiza amosa que temos que tecer redes e dotarnos de estruturas institucionais e colectivas que permitan a todo o mundo vivir o mellor posible. A xustiza é protexer os máis vulnerables, pero non protexelos cunha concepción securitaria, senón dándolles unhas condicións de vida suficientes.
"Os seres humanos non queremos recoñecer que somos vulnerables. Nestes días esa protección búscase a través dun sistema securitario, que nos illa, e a través desa concepción neoliberal de que os temas os ten que resolver cada un individualmente"
Escribes que "oír a voz dos outros/as está no cerne da xustiza”...
Platón é o primeiro que formula a pregunta de 'que é xustiza' pero nesa concepción só uns poucos poden acceder a esa verdade, á idea do ben, da xustiza... Fronte a esa visión hai outra: o escoitar, escoitar o berro dos que sofren, dos indignados, dos que demandan xustiza. Oír a outra parte é fundamental, e permítenos unha xustiza que vai máis aló dunha concepción exclusivamente teórica.
Vivimos nunha sociedade hipercomunicada e hiperconectada, na que ese oír a voz dos outros e outras debería ser máis doado. Non o é? Onde está a barreira?
Hoxe en día hai redes moi potentes e en tempo real podemos ver o que está pasando no mundo. O problema é que a xustiza é un problema de relacións, non de conexións. As novas tecnoloxías permiten establecer relacións de solidariedade, conformar un mundo común, denunciar inxustizas, expresar a indignación, pero sempre que sexa dende a base de que ti estableces unhas relacións, compromisos, non só por establecer conexións.
"Non se recoñece que o feminismo é moito máis que unha ideoloxía (co importante que iso é), senón que tamén achegou moito no campo epistemolóxico e no campo da reflexión filosófico-política"
Hai que superar a vinganza para que haxa unha verdadeira xustiza?
Ese é o leitmotiv do libro, que comeza coas ideas de xustiza e vinganza na traxedia de Esquilo. Que non é traxedia, porque non remata en traxedia, senón que remata cun tribunal de xustiza política, democrática, e iso consegue rachar o círculo de violencia que se establecera. A vinganza non é unha palabra política, senón que na medida en que se avanza na xustiza, a vinganza debe desaparecer. Vemos que cando hai unha asasinato, as familias reclaman maiores penas ou a pena de morte, pero non podemos caer nisto. Esta concepción neoliberal, que está metida ata o tuétano, o que fai é dicir que os problemas se solucionan individualmente e non colectivamente.
"Esa é a base: recoñecer que esas persoas son seres humanos igual ca nós. Iso ten un valor moral que despois hai que traducir politicamente"
Que achega fai a filosofía feminista a estes conceptos?
Creo que fai unha achega fundamental. O feminismo, precisamente por partir dende as marxes, pode situar os problemas nun contexto distinto a como o fai quen está nunha situación superior e non ve ou non quere ver estes contextos diferentes. As achegas do feminismo á teoría da xustiza nos últimos anos son moi importantes e están recoñecidas. Forma parte do acervo de coñecemento que a teoría feminista achega e achegou á humanidade. E isto trátase de ocultar moitas veces: non se recoñece que o feminismo é moito máis que unha ideoloxía (co importante que iso é), senón que tamén achegou moito no campo epistemolóxico e no campo da reflexión filosófico-política. Para min é un lugar privilexiado para pensar.
"A igualdade parece unha idea moi simple, pero non o é tanto, é unha idea moi poderosa, e vai vinculada a conceptos de xustiza"
Como se conectan estas ideas de xustiza e de igualdade ao problema dos refuxiados?
No caso dos refuxiados o que é escandaloso é que iso aconteza unha vez máis no corazón de Europa e o choque que se produce entre os dereitos humanos e Europa entendida como fortaleza, que non asume aqueles que son os seus valores e os seus compromisos. Estamos nun momento preocupante: o Mediterráneo leva anos sendo un gran cemiterio e sabémolo. A pregunta é 'que valor ten a vida humana?' ou 'que significa valorar o outro como un igual?'. Porque esa é a base: recoñecer que esas persoas son seres humanos igual ca nós. Iso ten un valor moral que despois hai que traducir politicamente. E iso pódese aplicar aos refuxiados, ás persoas que viven na pobreza ou na precariedade ou ás mulleres que son asasinadas. Parte do problema dos asasinatos machistas é que non se quere recoñecer que as mulleres son persoas iguais. A igualdade parece unha idea moi simple, pero non o é tanto, é unha idea moi poderosa, e vai vinculada a conceptos de xustiza.