O Modernismo é un dos movementos mais completos na Arte. O seu cultivo tanto en Europa como en América é amplo, dende a pintura ata os ámbitos do interiorismo. Non só se trata dun estilo visionario, senón tamén dunha forza creativa cuxa influencia continúa presente. A súa caracterización elegante, coidada e floral, xurdida a finais do século XIX, presenta a través do deseño a combinación entre funcionalismo e fermosura, entre pragmatismo e idealismo. O senso de experimentación, de ruptura cos termos artísticos do pasado e a consecuente liberación dos mesmos, son igualmente cuestións que conforman esta estética enlazada coas inquietudes da sociedade.
A presencia do Modernismo alóngase arredor de dúas décadas, dende 1890 ata 1914, decrecendo co momento da Primeira Guerra Mundial. Alcanza o seu cénit en 1900, estendéndose nos anos seguintes. É precisamente nese tempo cando o Modernismo entra na arquitectura galega; está vinculado a vivendas, escolas, imprentas, teatros, comercios, hoteis, dispensarios, cociñas públicas ou sedes de sociedades. A súa influencia sintetízase coas formulacións vernáculas e as liñas academicistas (que serán transformadas), coma é o caso do Edificio Simeón en Vigo firmado por Benito e Manuel Gómez Román entre 1907 e 1911.
Edificio Simeón. 1907-1911. Benito e Manuel Gómez Román. Nº 6, Praza da Porta do Sol, Vigo.
A irrupción do Modernismo é contestación as múltiples consecuencias da Revolución Industrial; se ben fomentado neses anos a súa concepción está ligada a figura do deseñador británico William Morris. Unido a Irmandade Prerrafaelita, Morris é un dos grandes impulsores da reivindicación da Arte coma medio para o restablecemento da dignidade e formación de tódalas persoas. Testemuño da denigración xerada pola agresiva industrialización e as condicións de traballo, co obxectivo de enfrontarse a mesma pon as bases para o desenvolvemento de edificacións e obxectos diarios pensados como elementos prácticos, belos e construtivos; Morris tamén rexeita o nulo nivel en tódolos aspectos dos útiles cotiás fabricados nese momento, polo que opón os mesmos unha produción baseada na potenciación da creatividade, cun alto nivel de perfección e calidade, apoiado na inspiración da Natureza.
O movemento Arts & Crafts, fundado por Morris, pon en práctica estas ideas. As Arts and Crafts ou Artes e Oficios establecen un ámbito de deseño diversificado. O labor desprégase en varios campos: ilustración e tipografismo (papel de parede e especialmente libros), cristal e cerámica (xarróns, pratos), madeira (ebanistaría), metalurxia (rexería) ou téxtil e moda (tapicería, alfombras e tecidos coa introdución do motivo de trazo sinxelo de simetría bidimensional). Fronte os obxectos producidos en serie, en xeral extremadamente ornamentados e sen significación, faise énfase na limpeza das formas e a singularidade do material. O esmero nos produtos leva as cualidades dos oficios e a aplicación das súas técnicas, para dotar de personalidade os obxectos.
O movemento ten un alcance internacional que terá importancia nas seguintes xeracións. No Modernismo galego xunto o impulso das Arts & Crafts, súmanse as influencias de cidades coma Bruxelas, correntes coma a Wiener Secession e arquitectos coma Otto Wagner. As distintas achegas contribúen a unha orixinalidade propia que da lugar a formidábeis imaxes. Existen hoxe en día distintos edificios modernistas galegos -como en Ferrol as construcións proxectadas por Rodolfo Ucha Piñeiro (lector, entre outras revistas, da Ausgeführte Davornament von Prager Bico)-, que plasman un uso moi singular de recentes e antigos materiais coma bronce, ferro, madeira, pedra, azulexo, escaiola e ladrillo.
Detalle da entrada da Alameda. 1903. Daniel Vázquez-Gulías. Rúa do Progreso, Ourense.
Respecto o colorido empregado nas fachadas é unha ampla gama cromática, combinada ca cor branca ou negra ou as dúas xuntas. Da mesma importancia é a apertura as novas posibilidades plásticas ca inclusión de materiais reflectantes, vidreiras e cubertas de cristal coloreado; os reflexos e a inserción de estilizado cristal pigmentado permite uns efectos cambiantes mediante a luz, que fan que o propio edificio estea vivo o adquirir unha dimensión de cambio constante tanto no exterior como no interior.
Pero o mais rechamante son os motivos plásticos que se empregan. As superficies, tal no caso do Pavillón de Recreo (1908-1909) de Antonio Palacios -actualmente gardería- na Alameda de Santiago, mostran ese estudo das formas naturais. A disposición de distintas flores e follas -dende as margaridas e lirios ata carballos-, aves, réptiles, mamíferos, cunchas, froitos, fitas, lazos, grilandas, símbolos e seres mitolóxicos son abundantes, sendo o mais senlleiro as figuras e rostros femininos. As súas representacións, de faccións xentís e melancólicas, son iconas incorporadas nos edificios nas portas, fiestras e partes superiores. Así coas súas figuras e as súas cabezas de ondulantes cabelos, cinguidos con cintas e chores, crease a impresión de soster o propio edificio. As texturas conseguidas son sobresaíntes, xa que mediante o contraste, o ritmo e o releve lógrase que as superficies teñan un marcado carácter.
Entrada dun edificio de vivendas. 1909. Ricardo Boán y Callejas. Nº 7. Rúa Padre Feijoo, A Coruña.
Así mesmo nas fachadas rectangulares con vans, balcóns e galerías uniformes, modelos predominantes na arquitectura establecida, inclúense formas circulares, curvas e onduladas que engaden un maior dinamismo e organicidade. Se ben todos os elementos ornamentais matizan visualmente estas simétricas fachadas, a inherente sobriedade das mesmas fai que non teñan un aspecto sobrecargado. A sofisticación dos motivos decorativos completase ca integración do ferro forxado. Dende finais do século XVIII e o longo do XIX as fundacións desarrollan novas tecnoloxías para o ferro, que gaña espazo tamén como compoñente mais visíbel. O seu dominio técnico non só permite un maior refinamento nas pezas de inspiración natural ou xeométrico -exemplos diso é en Ourense nas obras de Daniel Vázquez-Gulías e as creacións da Fundación Malingre-, senón tamén o seu uso nos accesos e saídas de ascensores e coma ensamblaxes externos de aspecto case mecánico. Lonxe de romper coa harmonía decorativa, o equilibrio que mantén representa mellor que nada a forza do Modernismo.
Interior da entrada da Casa Rey. 1911. Julio Galán Carbajal. Nº 12, Praza de María Pita/Rúa María Barbeito/Avenida de Montoto, A Coruña.
O mesmo termo Modernismo e as distintas denominacións Stile Liberty, Modern Style, Jugendstil e Art Nouveau refírense o mesmo estilo artístico que toma de referencia o moderno. A súa complexidade radica no seu vencello cunha cultura responsable das novas sensibilidades. A conciencia de individualidade, a intimidade ca Natureza, os cambios endóxenos sociais, a cuestión do deseño ou a nova percepción do espazo e da inxeniería, son algunhas das cuestións adheridas as mesmas.
Detalle da Casa Romero. 1909-1910. Rodolfo Ucha Piñeiro. Nº 119, Rúa Concepción Arenal/Rúa Magdalena, Ferrol.
Por elo resulta importante a substitución nas fachadas das paredes por frontes acristaladas e a capacidade de montaxe e desmontaxe, na maneira que sucede en Sada ca Terraza -de 1912 por Antonio López Hernández e a reforma de 1920 de Antonio de Mesa-. Na mesma liña están a cuestión da forma coma función estrutural de materiais transparentes, presente na Casa Rey de Julio Galán Carbajal na Coruña. (O arquitecto tamén suma as cuadrículas e as flores abstractas de C.R. Mackintosh, un dos seus referentes). O Modernismo galego, do que se poderían citar en mais centros coma Vilagarcía de Arousa, Verín ou Ribadeo, concibe en diversos riscos (conceptos, formas, linguaxe visual), ideas de seu e tamén afíns os nacentes parámetros. É este espírito o que transformou as cidades galegas nun novo ciclo.
Todas as imaxes corresponden a Iria-Friné Rivera Vázquez. Todos os dereitos reservados