O blues literario de Harkaitz Cano

Capa do libro © Hugin e Munin

Armando Requeixo preséntanos esta semana a edición galega de Pasaia blues, a novela coa que Harkaitz Cano sorprendeu en 1999, publicada por Hugin e Munin con tradución de Isaac Xubín. O autor estivo esta semana en Galicia presentando a obra, en Compostela, Pontevedra e Vigo, na que é xa a cuarta tradución da novela, que tamén se pode ler en castelán e alemán.

Pouco e pouco o noso lectorado vai ampliando o repertorio de textos orixinalmente escritos noutros idiomas que agora son accesibles en galego. Este síntoma de normalidade non só afecta ás obras extraestatais, senón que devagar van aparecendo no mercado títulos vertidos dende o catalán e o éuscaro, seguramente de xeito máis tímido do que sería desexable, mais cunha certa continuidade que é moito de agradecer. Entre as máis agradables novidades tradutoras da tempada atópase Pasaia blues, a novela coa que Harkaitz Cano (Lasarte-Oria, Guipúscoa, 1975) sorprendeu en 1999 aos lectores vascos e que tivo tamén unha moi positiva acollida entre a crítica.

Pasaia blues publícase agora en galego da man da editorial compostelá Hugin e Munin, nunha coidada versión de quen é, entre nós, un dos tradutores máis asiduos do vasco, Isaac Xubín

Pasaia blues publícase agora en galego da man da editorial compostelá Hugin e Munin, nunha coidada versión de quen é, entre nós, un dos tradutores máis asiduos do vasco, Isaac Xubín.

Hai en Cano un fondo de novelística negra que adobía con sabenza doutros condimentos literarios, poño por caso, a pegada lírica que paira sobre moitas pasaxes, sobre todo aquelas nas que se aparca momentaneamente a vertixe da trama principal e a voz narrativa acompaña os protagonistas nos seus pensamentos, ata acabar por cuestionarse o bretemoso sentido da súa existencia e, en xeral, a inestable e complexa realidade na que viven inmersos.

Pasaia blues, cómpre dicilo, é tanto un retrato social do País Vasco dos 90 coma un relato de acción en torno á problemática da ETA e o seu enfrontamento coas forzas e corpos de seguridade do Estado

Porque Pasaia blues, cómpre dicilo, é tanto un retrato social do País Vasco dos 90 coma un relato de acción en torno á problemática da ETA e o seu enfrontamento coas forzas e corpos de seguridade do Estado. Neste sentido, que dúas das súas personaxes principais (Marta e Olatz) sexan activistas escondidas nun piso franco e que un terceiro (César Tellería) se ocupe como investigador da Policía determina a aparencia do sámago da narración, pero non constitúe a súa cerna, que é unha moi outra e que ten máis a ver coa reflexión verbo da soidade, a amizade, o amor, a fidelidade ou o sentido de pertenza a unha terra que co propio feito da confrontación.

Quedo cos fondos diálogos do libro, coa súa estrutura fragmentaria pero harmónica, con ese ambiente portuario de Pasaia tan ben retratado, coas sentenzas lapidarias que os protagonistas arrincan á vida como faíscas de pedernal, coa solvencia coa que se comunica ese mundo nebuloso, cambiante e incerto no que se moven os personaxes, arrastrados por unha realidade violenta que os supera en moi diferentes sentidos.

Quedo cos fondos diálogos do libro, coa súa estrutura fragmentaria pero harmónica, con ese ambiente portuario de Pasaia tan ben retratado

As referencias cinematográficas, musicais, mesmo literarias, que cruzan as páxinas de Pasaia blues contribúen a facer deste relato unha novela indubidablemente moderna, do noso tempo e próxima a unha visión do mundo e das cousas que esconde non poucos pregamentos, mais que é decote comprensible no contexto no que se presenta.

Unha outra volta Hugin e Munin merece recoñecerse polo acerto de incorporar un título éuscaro de valor ao seu catálogo e, sobre todo, ten de se aplaudir o esforzo de Isaac Xubín para anosar esta historia de seres castigados pola vida que procuran atopar o norte no medio da tempestade.

Capa do libro © Hugin e Munin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.