O Festival de Cine Inclusivo de Vigo pon o foco nas enfermidades raras

Cartel da IV edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo © VIIFF

Este martes 22 de outubro inaugurarase en Vigo a cuarta edición do Festival de Cine Inclusivo, que se desenvolverá ata o sábado 26, con proxeccións e outras actividades no Auditorio Municipal de Vigo e no Cine Salesianos e con entradas de balde para toda a súa programación. O obxectivo do festival é "facer visible o oculto", entendendo o cine "como espazo de encontro entre o espectador e as realidades ignoradas ou descoñecidas que nos rodean no noso día a día".

O obxectivo do festival é "facer visible o oculto", entendendo o cine "como espazo de encontro entre o espectador e as realidades ignoradas ou descoñecidas que nos rodean no noso día a día"

O certame inaugurarase co documental “A nosotros tu reino”, centrado no campión mundial de kickboxing Simón González. Na presentación estará o protagonista, o director da longametraxe, Horacio Alcalá e a produtora executiva, Raquel Menor. 

Nesta edición o festival quere poñer a atención nas Enfermidades Raras coa presenza na sección competitiva VIG-IN DOC de documentais internacionais poa inclusión de tres pezas sobre esta temática: Jóvenes Invisibles de Isabel Gemio; Idénticas de Luis Avilés e Todos los caminos de Paola García. Os tres directores asistirán ás proxeccións dos seus documentais para dialogar co público.

Na película 'Sordo'  o espectador sentirá a experiencia de “quedar xordo”

En canto á sección Novas miras, este ano proxectarase a película Sordo  do director Alfonso Cortés-Cavanillas da produtora LaCaña Brothers para que o espectador sinta a experiencia de “quedar xordo”. Neste filme baseado nun cómic co mesmo título, un maqui queda xordo despois dunha explosión, o que fai aínda máis difícil a súa superviviencia en medio do conflito.

Unha das proxeccións da pasada edición do Festival de Cine Inclusivo © VIIFF

Os outros documentais que entran en competición son: O meu nome é Daniel  de Daniel Gonçalves (Brasil); What it feel like  de Steve Fraser (Estados Unidos); Irene's Ghost  de Iain Cunningham (Reino Unido); Charm city  de Marilyn Ness (Estados Unidos); Who says I cant  de Kristen Lappas (Estados Unidos); Peixos d'aigua dolç  de Marc Serena; La promesa  de Danel Aser; 26 de abril, Play Again  de Guillermo Cruz; e King Ray  de Sergio Romero.

Na programación destaca tamén a sección competitiva de curtametraxes audiodescritas e subtituladas

Na programación destaca tamén a sección competitiva de curtametraxes audiodescritas e subtituladas, na que se presentarán nove pezas: “La noria” de Carlos Baena; “Mouras” de Olga Osorio; “Marusía” de Pedro Sancho; “Soy una tumba” de Khris Cembe; “Una noche con Juan Diego Botto” de Teresa Bellón e César F. Calvillo; “Cerdita” de Carlos Martínez Pereda; “La tercera parte” de Alicia Albarés y Paco Cavero; “16 de decembro” de Álvaro Gago e “Helsinki 79” de Pablo Fontenla. 

En canto ás actividades paralelas, un ano máis a sección Coñece! Sección para escolas achegará ao alumnado de bacharelato unha serie punteira para reflexionar sobre outras realidades. Este ano será a quenda da serie SKAM de Movistar+ para tratar o ciberacoso.

Outro dos pratos fortes das actividades paralelas ven a través dunha colaboración coa Facultade de Traducción e Interpretación e é a conferencia do experto en Audiodescrición, Antonio Vázquez, na Universidade de Vigo, cuxa productora Aristia traballa para a ONCE. Dentro desta colaboración, tamén estará a charla de Elisabet Serra, codirectora da Asociación Lectura Fácil que traballa por achegar a lectura a persoas con necesidades especiais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.