Aínda queda máis dun mes para que se celebre unha nova edición do Festival da Poesia do Condado, que se celebra en Salvaterra de Miño o 30 e 31 de agosto. Porén, xa estes días o encontro preséntase en Compostela e xa está aberta unha campaña de crowdfunding para financiar un festival que, como vén sendo habitual, se organiza sen apoio das administracións.
A edición deste ano preséntase ao berro de "Desobediência", que nace segundo os seus organizadores "da indignaçom generalizada e do roubo constante ao que nos somete este sistema-farsa. Nasce do desejo de umha vida amável e digna". Na programación destaca a presenza dos e das poetas Aurora Ceibe, Elvira Ribeiro, Chus Pato, Celso F. Sanmartín, Nolim Gonzalez, Dores Tembras, Alfonso Pexegueiro, Séchu Sende, Maria Rosendo, Mário Regueira, e o brasileiro Márcio-André, cuxos textos serán recollidos nunha antoloxía.
O Festival de Poesía é moito máis ca poesía, e a música volverá ser protagonista. Apresentados polo colectivo do Gran Compadre, os grupos que van protagonizar a noite do sábado son a Banda Hospitaleira do Miño (o regreso do trío composto por Rómulo Sanjurjo, Uxía e Víctor Coyote), a Magnifique Band dos Homes sen Medo (treboada de ventos), Malandrómeda (as verbas incendiarias do Hevi xunto cos ritmos acelerados de Caldeirada) e Sacha na Horta (para un fin de festa sem parar de bailar). A festa rematará cunha pinchada a cargo de Hevi e Caldeirada.
Neste 2013 a SCD Condado, que leva organizando o festival dende 1981, fai corenta anos. E lembra que, ademais da ausencia de apoio da Xunta, a achega económica do Concello de Salvaterra se reduciu un 60% nestes últimos dous anos. Por ese motivo lanzouse a campaña para recoller cartos a través de Verkami. A campaña comezou hai 21 días e conta co apoio de múltiples personalidades do mundo da cultura e as artes. O seu obxectivo é recadar seis mil euros para pagar os gastos xerais do festival, incluíndo as retribucións a poetas e músicos, e leva recollido algo menos da metade. A lista de recompensas para as persoas que acheguen algunha cantidade é moi ampla e vai dende o recoñcemento na web, até a entrega de lotes de libros ou exemplares asinados polos autores que participan nesta edición.