O Festival Internacional Galicreques celebrará neste 2020 o seu 25º aniversario cunha edición especial marcada polas circunstancias sanitarias, pero "cun marcado compromiso tanto co público coma co sector cultural".
O Festival Galicreques celebra o seu 25º aniversario nunha edición especial pola pandemia pero con máis de 40 funcións e 20 compañías
O encontro consistirá de nove intensas xornadas con máis de 40 funcións, un programa que contará con máis de 20 compañías, procedentes maioritariamente de Galicia, pero cunha importante presenza de formacións chegadas de Valencia, Andalucía, Euskadi, Salamanca ou Aragón. Tamén haberá representantes internacionais, coa participación de compañías e artistas do Brasil, México, Portugal ou Arxentina. Todo do 10 ao 18 de outubro.
Así o destacaron este luns en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Cultura, Xurxo Couto, e o director do festival, Jorge Rey.
A programación arrincará este sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidas en diferentes espazos. Así, a primeira sesión será unha ruada que partirá ás 13 horas. da Praza do Toural e que correrá a cargo da compañía galega Fantoches Baj. Unha hora máis tarde, ás 14 horas, a formación galaico-francesa Moving Compass representará en Praterías o espectáculo Os limpiabotas. Nese mesmo espazo, ás 17 horas, a quenda será para a arxentina Sofía Ferrari e o seu Crucu Show, que tamén contará cun pase ás 13 horas pola xa tradicional Carpa da Alameda.
A programación arrincará este sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidas en diferentes espazos de Compostela
Outro parque, o Parque de Vista Alegre, converterase dende o primeiro día noutra das sedes ao aire libre deste festival. Alí, nos exteriores do edificio SGAE; ás 18 horas actuará de novo Moving Compass. Será o sábado o comezo dun festival que, durante nove días, encherá de monicreques --ademais dos espazos xa sinalados-- o Teatro Principal e os centros socioculturais de Santa Marta, Vite, Conxo, Fontiñas ou do Castiñeiriño. Nove días en que varios espectáculos contarán con diversos pases ao longo do festival nos distintos espazos para garantir a descentralización e a dispersión do público, "adaptándose así ao contexto sanitario e cumprindo con todos os protocolos de seguridade", como destaca a organización.
O Teatro Principal acollerá ao longo da semana catro estreas, unha delas dun espectáculo que coproduce o Festival. Deste xeito, a primeira obra nova que poderá coñecer o público será Miragres, un traballo conxunto das formacións Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño e Bernardo Martínez. A estrea será o xoves 15 de outubro ás 20 horas. O día seguinte, á mesma hora, a compañía portuguesa Krisálida presentara Plastikus. O sábado poderemos ver a obra do mexicano Víctor Biau El hombre que plantaba árboles, obra coproducida por Galicreques. Por último, o domingo chegará a quenda de Moving Compass, que presentará por vez primeira tamén ás 20 horas a peza Gaia Baba.
Programación escolar
Neste 2020, un dos piares fundamentais do Festival Galicreques ficará en suspenso nesta edición por mor da situación sanitaria e adaptarase ás presentes circunstancias: a programación de funcións escolares. Cada ano, milleiros de alumnos e alumnas acudían ás múltiples representacións que se ofrecían para escolas e institutos. Deste xeito, cumpríanse dous obxectivos fundamentais de Galicreques: o seu compromiso coa infancia e a creación de novos públicos.
A pandemia impide as funcións escolares ás que acudían milleiros de alumnos; no seu lugar, o festival pon a disposición dos centros un programa en liña e gratuíto
Neste 25º aniversario, destacan os promotores, o festival "non renunciará a estas metas e quere manter o vínculo coa ampla comunidade educativa, polo que porá en disposición do centros un programa escolar en liña e totalmente gratuíta". Cada día da semana lectiva, é dicir do 12 ao 16 de outubro, ás 12 horas. ofrecerase por unha canle do Galicreques espectáculos de diferentes duracións de compañías de Ecuador, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Galicia. Os centros interesados en acceder a estes espectáculos poderán solicitalo ao enviar un correo a galicreques@titerescachirulo.gal e culturalbarrigaverde@gmail.com.
O Festival Internacional Galicreques está organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic, a Deputación da Coruña e do Inaem.