O festival Titiriberia revisa este ano o rol feminino nos monicreques

Presentación do festival Titiriberia © Titiriberia

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos celebrará a súa terceira edición entre o 4 e o 11 de novembro cunha programación que inclúe 12 funcións, unha mesa redonda e dous obradoiros. Neste 2018, o certame amplía a súa programación, ao pasar de catro a sete días de actividade, e dobrará a súa aposta pola Feira de Francos, recuperando a Carballeira de Francos como espazo de difusión dos títeres tradicionais. Ademais, un dos seus fíos condutores será a “revisión e a reflexión sobre os papeis femininos no ámbito escénico do títere de cachaporra, abrindo vías de actualización en clave de xénero”.

Titiriberia “revisará e reflexionará sobre os papeis femininos no ámbito escénico do títere de cachaporra, abrindo vías de actualización en clave de xénero”

Así o explicou hoxe Xosé Antonio Cascudo, da Asociación Cultural Morreu o Demo, na presentación do festival xunto a concelleira de Cultura do Concello de Teo, Pilar Faxil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e Larraitz Urruzola, titiriteira que actuará cun novo espectáculo na programación. 

Así, a perspectiva de xénero quedará reflectida na gran estrea deste Titiriberia 2018: Dona Barriga Verde, de Larraitz Producións Artísticas. Esta montaxe actualizará o legado da tradición galega de xeito que a titiriteira Larraitz Urruzola, tal e como explicou na rolda, achega unha nova versión ao personaxe tradicional que supón unha actualización das formas e dos xeitos clásicos de títere de cachaporra, cunha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, achega novas perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición. A montaxe, que conta coa colaboración da Asociación Cultural Morreu o Demo na súa produción, estrearase o domingo 11 de novembro na Barraca na Carballeira de Francos, durante a celebración do San Martiño.

A montaxe de 'Dona Barriga Verde' terá unha protagonista que achegará novas perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición

Outro espectáculo que furará nesta mesma liña é Angelita, da compañía catalá Tactilicuä. A súa representación enmárcase dentro da programación escolar deste ano e poderase ver no Auditorio Constante Liste o xoves 8 de novembro. A obra, cun gran compoñente de educación para a igualdade, usa técnicas e rutinas propias do títere de cachaporra ao relatar a evolución persoal dunha muller que descobre que o matrimonio non é garante de felicidade. Titiriberia, ademais, aproveitará a estrea de Dona Barriga Verde para reunir profesionais dos títeres e das artes escénicas como son Larraitz Urruzola, Isabel Rei e Cristina Collazo nunha mesa redonda que, moderadá a investigadora Comba Campoi reflexionará sobre estereotipos e o papel feminino nas pezas tradicionais. O encontro terá lugar na Mediateca do Grilo (Cacheiras) o venres 9 ás 20 horas.

O festival comeza este domingo con Auga que non vas beber, de Fantoches Baj, ás 18 horas no local da Asociación A Mámoa; continuará o martes 6 ás 18 horas no local da Asociación Recreativa dos Tilos con A familia unida, de Micromina, e o venres 9, á mesma hora, no local da Soc. Recreativa de San Xoán de Calo teremos a Barriga Verde ataca de novo, de Títeres Alakrán.

O sábado 10, ás 21.30, estrearase As varietés do Barriga Verde, espectáculo de produción propia do Titiriberia que ofrecerá as actuacións de Tanxarina, Diego Anido, Títeres Alakrán, Os monicreques de Kukas ou Micromina. Todo baixo a presentación de Iria Pinheiro e o acompañamento musical de Alonso Caxade, Paco Nogueiras e Joam Casas. A obra celebrarase na Barraca de Titiriberia na Carballeira de Francos, servirá de aperitivo para toda a actividade que ofrecerá o festival ao día seguinte e busca evocar o ambiente de variedades que fai décadas se vivía na Carballeira de Francos. Ao longo do domingo 11, sucederanse as actuacións de Títeres Alakrán e Seisdedos Marionetas, que animarán a Feira dende ás 11; a estrea da Dona Barriga Verde, ás 12 horas; as funcións dos portugueses de SAMarioneta, que presentarán o seu Teatro Dom Roberto en  quendas de mañá e tarde; e a actuación da titiriteira italiana Lisa Bencivenni, que representará Storie di Pulcinell ao longo da xornada festiva polo San Martiño.

O Titiriberia complétase con outras dúas obras para o público escolar e dous obradoiros. O primeiro deles, Títeres en igualdade, está destinado aos adultos do Centro de día de Aspamite e terá lugar o xoves 8. O segundo dos obradoiros, Monicreques de luva con material de refugallo, centrado na cativada que se achegue á Barraca de Titiriberia na Feira de Francos o domingo 11 de novembro.

O festival está organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e conta coa colaboración da Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.