As historias de ciencia ficción, fantasía, steampunk e demais xéneros do mundo fantástico, teñen unha nova rampla de lanzamento. A libraría-taller O Fogar das Palabras en Santiago de Compostela abre outra vía de achegamento aos xéneros que van máis alá da simple ficción. Pero ademais, este espazo ofrecerá talleres de creación, de autoedición e mesmo unha plataforma para quen queira iniciarse na creación literaria desde os xéneros que tratarán os dous responsables do proxecto: Fernando Cimadevila e David Cortizo. Falamos con eles para que nos expliquen algo máis sobre esta iniciativa.
Que é este lugar, O Fogar das Palabras?
Fernando Cimadevila- Pois podemos dicir que é unha mestura entre libraría e taller literario. Nós somos, antes que libreiros, editores. David é editor de Urco Editora e eu de Contos Estraños. Por iso decidimos crear un lugar onde poder levar adiante o noso labor como editores e ao mesmo tempo achegar aos lectores, aos autores e a aqueles que queren entrar no mundo literario, unha ferramenta para entrar neste mundo, a través dos talleres e a autoedición que ofertamos grazas ao selo propio que temos que é O Fogar das Palabras.
Sentiades a necesidade de abrir un espazo como este?
David Cortizo- Eu sentía que nós necesitabamos abrir un espazo como este. Queriamos visibilizar os nosos libros, poñernos en contacto co mundo da cultura e con quen teña a arela de escribir e expresar as súas ideas. Tampouco cremos que haxa moitas tendas así.
"Considero que é necesario un espazo como este. As editoras teñen unha capacidade finita. Agora mesmo nós sacamos seis ou sete libros ao ano"
F.C.- Librarías que presenten talleres literarios como tal, non creo que haxa. Á parte de nós, si que considero que é necesario un espazo como este. As editoras teñen unha capacidade finita. Agora mesmo nós sacamos seis ou sete libros ao ano. Nestes momentos temos entre ilustradores e escritores case cincuenta persoas. Os escritores pasan de trinta, os que mandan relatos e novelas e non hai capacidade para tanta xente. Hai xente que quere publicar e escribir e outros que entran xa na aventura de autoedición. Nós achegamos unha ferramenta para que os seus libros estean na librería, facer presentacións e sacar o libro con ISBN. Cos talleres é darlles unha posibilidade para a escrita e maquetar o seu libro.
Quen entre e vexa este lugar verá unha libraría típica. Que lle diriades a quen entre aquí e mire máis alá dos andeis con libros?
F.C.- Un detalle pequeno e grande ao mesmo tempo é que temos un banco no medio. Cando entraba en librarías, moitas veces o libreiro dicía “isto é unha libraría non unha biblioteca”. Aquí podes sentar e ler o libro mesmo ata o final. Non temos un grande fondo, temos unha selección. Podemos falar sobre eses libros, procuramos estar ao día sobre os autores, se gustou ou non un libro determinado e a que xente lle pode gustar ou non. Aquí podes descubrir cousas e deixarte asesorar estar máis cómodo.
"Un detalle pequeno e grande ao mesmo tempo é que temos un banco no medio. Cando entraba en librarías, moitas veces o libreiro dicía “isto é unha libraría non unha biblioteca”. Aquí podes sentar e ler o libro mesmo ata o final"
D.C.- Tamén atoparán xente coa que falar. Nos tres días que levamos abertos, as persoas que pasaron por aquí con ganas de conversa. Persoas que botaban ao mellor corenta minutos ou máis. Non nos importa estar con eles porque nos apetece.
Na editora traballades con ciencia ficción, literatura gótica e fantasía. Nestes momentos cal é o xénero máis solicitado?
F.C.- O terror. Que non se debera confundir por exemplo coa fantasía, mundos inventados. O terror ten éxito porque ocorre en tempo presente. Nós puxémoslle nome a un xénero galego que é o agro-terror. É un terror psicolóxico e visceral, moi gore. Comezamos con esas historias medio de brincadeira, os autores comezaron a escribir e o certo é que tivo moito éxito. Penso que polo feito de situalo no tempo actual. Tamén o feito de estaren ambientadas as historias aquí, non como acontece coa ciencia ficción ou fantasía, con ambientes moi anglosaxóns.
"O terror ten éxito porque ocorre en tempo presente. Nós puxémoslle nome a un xénero galego que é o agro-terror. É un terror psicolóxico e visceral, moi gore"
D.C.- No momento de escribir novela, publicadas tanto por Urco e Contos Estraños, tirouse máis pola fantasía, sobre todo a fantasía épica. A de Tomás Ahola pode ser ciencia ficción, aínda que tamén a etiquetaron como terror atómico. O xénero que se traballa menos é a ciencia ficción. Ao mellor pasa unha etapa de crise, pois as modas son cíclicas.
E como explicades o éxito de series de ciencia ficción na actualidade?
D.C. -No audiovisual a ciencia ficción case sempre tivo éxito.
F.C.- Quizais a ciencia ficción se repregou sobre si mesma centrándose en xéneros como a ciencia ficción hard, algo moi minoritario.
Podería haber un esgotamento nas ideas que fornecen os relatos deste xénero?
D.C.- Pode ser, mesmo penso que hai seguidores da ciencia ficción que non estean escribindo actualmente no país. O último que lin, premio Blanco Amor, Atl, de Manuel Lourenzo González, é ciencia ficción escrita por alguén que non é seguidor dese xénero.
"Quizais a ciencia ficción se repregou sobre si mesma centrándose en xéneros como a ciencia ficción hard, algo moi minoritario"
F.C.- Na TV sacaron Flashforward, unha novela moi boa que no audiovisual non pasou da primeira tempada, supoño que por fallos na produción. A ciencia ficción necesita un esforzo e a xente quere algo de usar e tirar.
Se na ciencia ficción falamos de que hai un traballo de investigación sobre temas científicos, a fantasía é deixar voar soa a imaxinación, pero que é o gótico?
F.C.- En Urco chamáronlle gótico ao terror, porque comezaron con traducións de Poe, Wilde, etc.
Non vos parece un pouco fóra de contexto o xénero steampunk?
D.C.- Tamén mo pode parecer o xénero zombi, e penso que de calquera xénero podemos facer unha obra mestra.
F.C.- Visualmente tivo moito éxito e a estética sempre é bonita. Co steampunk sucede que se introduciu no xénero das ucronías pois toda a ciencia ficción era futurista. Mentres que co steampunk preguntámonos “que pasaría se?” no pasado. Usas este xénero para mirar que pasaría se en vez de electricidade usásemos vapor, por exemplo. As nosas vidas poderían ser diferentes.
D.C.- Eu véxoo máis ben como un marco para contar historias, un marco diferente para tratar diferentes temas.
Todos os xéneros que traballades poden ser subversivos, poden transmitir unha mensaxe?
D.C.- Si, como a novela negra de Dashiel Hammett.
F.C.- Penso que se hai un xénero que pode facer iso é a ciencia ficción, a fantasía é evasión. Cando comezaron autores como Asimov, pensaban que cambiarían a sociedade e ao final viron que era unha lotería.
Pero había autores como Heilein (Starship Troopers), que practicamente era un reaccionario.
F.C.- Porque el buscaba unha sociedade militarizada.
D.C.- Mesmo tivo resposta na novela A guerra interminable, de Joe Haldeman.
F.C.- Pero definitivamente, a sociedade segue a ser a mesma.
"O autor que quere comunicar algo vaino facer cunha novela de calquera xénero, realista, naturalista ou ciencia ficción. Nós como persoas temos ideoloxías e imos transmitilas"
Acontece actualmente que estes xéneros sexan subversivos, contestatarios?
D.C.- O autor que quere comunicar algo vaino facer cunha novela de calquera xénero, realista, naturalista ou ciencia ficción. Nós como persoas temos ideoloxías e imos transmitilas. Un dos libros que editamos conxuntamente Urco e Contos estraños, Galiza mutante, poder nuclear, ten unha forte carga ideolóxica.
"A xente confunde os medios coa finalidade e co autor: A fantasía para nenos, os cómics para xente nova... Maus que está en cómic e é premio Pulitzer, é para nenos?"
F.C.- A xente confunde os medios coa finalidade e co autor. A fantasía para nenos, os cómics para xente nova, eu digo que se as obras de Shakespeare son boas por estaren nun libro, Maus que está en cómic e é premio Pulitzer, é para nenos?, pero, Cincuenta sombras de Grey é cultura? O medio non define a obra. Os medios son medios, o cine é un medio que ten moitos xéneros. O artista fai unha obra mestra cos medios. O problema é catalogar os medios como bo ou malo. Na Historia Interminable, Michael Ende transmitía valores. Hai que valorar as obras polo artista, non polo xénero.
Que autores temos en Galicia?
D.C.- De ciencia ficción que levase unha carreira ata o de agora, Ramón Caride Ogando. Hai outro autor que é Manuel Lorenzo González, á parte os que publican con nós.
Falastes antes de ofrecerdes apoio á autoedición. Isto é por falta de capacidade de absorción polas grandes editoras?
F.C.- Porque hai moita demanda e pouca oferta. As editoras non chegan para publicar.
Hai mercado para absorber todo isto?
D.C.- Hai mercado para unha editora con moitos títulos e tamén para quen decida autoeditarse.
"Hoxe a carreira literaria é unha carreira de fondo, de crear currículo. Hai que ir facéndose un nome e pouco a pouco sen perder o optimismo"
F.C.- A autoedición desde logo se te moves un mínimo podes amortizar o investimento. Hoxe en día como é difícil publicar, as editoras fanche caso se es algo, se tes currículo. Se esa obra gusta e hai comentarios sobre ela, non é o mesmo que cando fagas a seguinte obra e vaias a unha grande editora co apoio de ter xa algo que gustou. Hoxe a carreira literaria é unha carreira de fondo, de crear currículo. Hai que ir facéndose un nome e pouco a pouco sen perder o optimismo.
Hai elementos propios na ciencia ficción galega e a fantasía galega?
D.C.- Na ciencia ficción non, na fantasía ao mellor si polo substrato céltico e no terror o que xa comentaba Fernando, o agro-terror.
F.C.- Outro punto sería a ambientación. En vez e ambientar as historias en Gran Bretaña, ambientalas en Galicia xa lles dá un punto distintivo.
D.C.- Agustín Fernández Paz ten unha novela fantástica na que aparecen elementos como meigas e personaxes da mitoloxía galega.
F.C.- En tal caso o importante é que se escriban cousas.
Pero como está a situación destes xéneros?
D.C.- Están nacendo, é como hai vinte anos que non había novela negra en galego e agora a novela negra galega é das máis fortes do estado. A ciencia ficción é á parte, porque se publicou sempre pero de maneira moi espallada. A fantasía non se publicara case que nunca, agora van chegando máis autores.
F.C.- A normalización vaise lograr e será cando poidas exportar. Cando teñas unha novela boa e logo podas publicala fóra, será cando a cousa tire ben.