O leve ascenso en lingua, libro e bibliotecas segue sen compensar o recorte dende 2009

Evolución do orzamento para normalización lingüística Dominio Público Praza Pública

Se un observa as gráficas que reflicten a evolución do Orzamento da Xunta en materias como normalización lingüística, bibliotecas, fomento da lectura, edición de libros en galego e mesmo cooperación ao desenvolvemento, entre outras áreas, atopará moitas semellanzas. Niveis máximos durante os anos 2008 e 2009, un gran descenso despois do regreso do PP ao poder, coincidindo cos peores anos da crise económica e das políticas de austeridade. E dende o ano 2013, un moi leve incremento, insuficiente para recuperar máis que unha parte moi pequena do investimento perdido nestes ámbitos, algúns dos máis afectados polos recortes introducidos polo Goberno galego.

Nos orzamentos de 2018, os fondos para normalización lingüística crecen un 11,7% (de 6,82 a 7,62 millóns de euros), pero a cifra total é pouco máis da terceira parte da que había en 2009 (21,5 millóns). Algo semellante sucede coas contas de bibliotecas, arquivos e fomento da lectura, que levan crecendo timidamente dende 2014 e que este ano volven facelo (un 4,6%), pero que se sitúan por debaixo da metade do nivel acadado en 2009. E o mesmo podemos dicir da achega do Goberno galego á cooperación: a cifra para 2018 (5.027.160 euros) representa apenas o 43% da que había en 2009, lonxe aínda polo tanto de chegar á metade do dedicado naquelas contas.

 

Bibliotecas e libro galego

Este martes 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, unhas institucións culturais que sufriron dende o ano 2009 un continuado recorte nos orzamentos dedicados a elas, sobre todo no apartado de adquisición de fondos bibliográficos e tamén para actividades de promoción da lectura. O capítulo para adquisición de fondos viuse reducido de forma abrupta dende os 2,4 millóns de euros de 2009 ata os 425 mil euros de 2013; dende entón, este apartado mantén unha lenta tendencia negativa que deixa a cifra para 2018 nos 425 mil euros, o mesmo que o ano anterior.

O mesmo podemos dicir dos cartos destinados á promoción do libro e da lectura, partidas que en 2009 sumaban 1,3 millóns de euros e que na actualidade se sitúan nos 516 mil euros, se consideramos conxunta as achegas xerais e as subvencións ás entidades locais para este fin. En 2010 a promoción da lectura tivo o seu orzamento máis elevado, grazas aos fondos dedicados ao Ano do Libro e da Lectura en Galicia.

En canto ás axudas á edición de libro en galego, estas tamén experimentaron unha gran redución dende o ano 2009 (1.593.000 euros) ata a actualidade (588.460 euros), que foi máis brusco nas contas de 2011 e 2012. Nos orzamentos de 2017 este apartado tivera un lixeiro ascenso, grazas á achega de 400.000 ás bibliotecas municipais para a compra de novidades editoriais en galego, que incluímos neste ámbito. Nas contas para 2018 os fondos totais volven descender.

Tamén se reduce no 2018 a asignación total para feiras culturais -feiras do libro en Galicia e feiras internacionais do libro-. Analizando polo miúdo esta partida vemos como a achega para feiras internacionais se vén mantendo máis ou menos estable, aínda que con alzas e baixas dependendo dos anos: en 2018 está en 247 mil euros, fronte aos 200 mil do ano pasado, pero lonxe dos 400 mil de 2016. En cambio, na partida dedicada ás feiras do libro celebradas en Galicia advírtese un descenso moi notable: en 2018 haberá unicamente 7 mil euros para elas, moi por debaixo dos 30 mil euros de 2017 e dos 150 mil de 2016.

 

Normalización lingüística: Un terzo dos cartos de 2009

A normalización lingüística é a área de xestión da Xunta que máis orzamento perdeu dende a chegada de Feijoo ao poder. Nos orzamentos de 2018, os fondos para normalización lingüística crecen un 11,7% (de 6,82 a 7,62 millóns de euros), pero a cifra total é pouco máis da terceira parte da que había en 2009 (21,5 millóns). 

Os fondos desta partida do Goberno non só son moitos menos que os que había na etapa do Bipartito, senón que tamén continúan notablemente por baixo dos últimos orzamentos dos gobernos de Manuel Fraga. Así, nas derradeiras contas públicas do Executivo que dirixía o fundador do PP, con Feijóo como vicepresidente, a promoción do idioma propio levaba un investimento público de 20 millóns de euros.

Evolución do orzamento en bibliotecas, arquivos e promoción do libro e a lectura (agás gastos de persoal) Dominio Público Praza Pública
Evolución do orzamento para cooperación Dominio Público Praza Pública
Evolución do orzamento para normalización lingüística Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.