O Resurrection Fest de Viveiro celebra o seu décimo aniversario con oitenta bandas

Rolda de prensa de presentación do Resurrection Fest, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

A décima edición do Resurrection Fest de Viveiro foi presentada este martes 30 de xuño na Cidade da Cultura en Compostela. Para este décimo aniversario, o festival referente da música metal en todo o estado, desenvolverá a súa actividade durante catro días fronte aos tres que eran habituais. Será entre os días 15 e 18 de xullo na vila do Landro.

O festival referente da música metal en todo o estado, desenvolverá a súa actividade durante catro días fronte aos tres que eran habituais

A presentación do que será este décimo aniversario do Resurrection contou coa presenza tanto dos organizadores como de autoridades públicas no complexo do Monte Gaiás. Entre os presentes estaba o director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) quen, á parte de felicitar o bo decorrer do festival metaleiro, apuntou que o Resurrection está dentro dos festivais que contan con axudas públicas para o seu desenvolvemento. Concretamente, a cifra destinada son 41.936,57 €, a maior dotación xunto co PortAmérica.

No que toca ao festival, este ano a participación será de oitenta bandas, todas elas divididas en tres escenarios, que coma vén sendo o habitual, xogarán cos horarios das actuacións para non interrompérense unhas a outras. Entre as actuacións deste ano, algunhas únicas actuacións en todo o estado, poderemos ver a Motorhead, Korn e Refused que serán cabezas de cartel. Outras bandas integrantes da oferta deste ano son os finlandeses Children of Boodom, Soulfly, Fear Factory, Danko Jones ou Biohazard.

Poderemos ver a Motorhead, Korn e Refused que serán cabezas de cartel. Outras bandas integrantes da oferta deste ano son os finlandeses Children of Boodom, Soulfly, Fear Factory, Danko Jones ou Biohazard

Tanto o director do festival, Iván Méndez coma o subdirector, David Méndez, salientaron que haberá sorpresas nesta edición. Unha delas, a única anunciada na presentación é a de celebrar un día de portas abertas durante o festival, para que a maioría do público poda ver como funciona o Resurrection por dentro. Ademais, anunciaron tamén a ampliación do espazo no recinto que acolle as actuacións coa intención de colocar dentro circuítos para deportes “extremos”, incluíndo skate e demostracións motociclísticas.

Por último, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou a incidencia positiva na economía local, primeiro e logo comarcal do Resurrection Fest, que xa é un dos elementos económicos máis importantes do verán para o concello lugués. Insistindo no aspecto económico, os participantes na rolda de prensa destacaron que o Resurrection creou este ano 300 postos de traballo directos e arredor de 500 postos indirectos cada ano.

As cifras que barallan tanto organización como as autoridades locais son de 50.000 e 60.000 visitas

No que toca ao aloxamento, as cifras que barallan tanto organización como a autoridade local son de 50.000 e 60.000 visitas. A día de hoxe o 80% das entradas están xa esgotadas e a ocupación hoteleira para eses días practicamente cuberta. Por último, ademais de persoas de Galicia e do resto do Estado, hai un total de 33 nacionalidades distintas entre o público que mercou entradas. Destacan sobre todo o Reino Unido, Portugal, Israel e Brasil.

Rolda de prensa de presentación do Resurrection Fest, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.