Hoxe, 27 de xaneiro, conmemórase o 70 aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz e é tamén o Día internacional das Vítimas do Holocausto. En todo o mundo, Auschwitz converteuse nun símbolo do terror, de xenocidio e de Holocausto. Foi establecido polos alemáns en 1940, nos suburbios de Oswiecim, unha cidade polaca que foi anexada ao Terceiro Reich dos nazis. O seu nome foi cambiado a Auschwitz, que tamén se converteu no nome de Konzentrationslager Auschwitz.
A razón directa para crear o campamento foi o feito de que as detencións en masa de polacos estaban a aumentar máis aló da capacidade das prisións "locais" existentes. Inicialmente, Auschwitz ía ser un campo máis de concentración do mesmo tipo que os nazis estiveran establecendo desde principios de 1930. Funcionaba así ao longo da súa apertura, mesmo cando, a partir de 1942, tamén se converteu no máis grande dos campos de exterminio.
A literatura está ateigada de novelas, de libros para adultos, de tramas bélicas, de intriga, do auténtico terror vivido, pero como trata este tema a nosa LIX (literatura infantil e xuvenil)? Como podemos achegar a un público máis novo a este tema?
Podemos atopar obras para todos os públicos e en distintos formatos, desde novela ata libro ilustrado, álbums como A historia de Erika, unha cativa xudía que se salva dos vagóns da morte porque os seus pais a lanzan desde un deles, de Ruth Vander Zee para nenos a partir dos dez anos e ilustrado polo reputado Roberto Innocenti, recoñecido co Premio Christian Andersen, ou O principio, de Paula Carballeira e Sonja Danowski, a partir dos sete e que trata o tema da guerra cunha mensaxe de esperanza, ambos publicados por Kalandraka. Fume, en Oqo, de Antón Fortes e Joanna Concejo, un volume que fala da vida e da morte no campo de exterminio e a partir dos dez anos ou A fuxida, de Berta Dávila e Inma Doval, en Biblos e que trata dos nenos desprazados pola guerra, a partir dos catro anos.
Xa en formato novela, con plan lector, podemos encontrar A rapaza da fiestra, para cativos a partir de dez anos, de Xavier Estévez, na colección Ala Delta de Tambre-Edelvives, que conta a historia de Lucas, un rapaz holandés que vive durante a ocupación e que garda un segredo, comunícase cunha rapaza coa axuda dun telescopio. Xerais publicou no seu día O violín de Auschwitz de Mª Àngels Anglada, na colección xuvenil Fóra de Xogo, a historia dun rapaz, Daniel, un luthier xudeu, que no campo de concentración de Auschwitz debe fabricar un violín para un comandante. Na súa reclusión mantén unha esperanza, ser compensado polo traballo, e aprecia a existencia alí do amor e da solidaridade.
'Reencontro' converteuse nun libro traducido e lido en todo o mundo
Galaxia ofrece na colección Costa Oeste da man de Fred Uhlman, Reencontro, que conta a historia de Hans, que é fillo dun médico xudeu e Konradin, que é un aristócrata descendente dunha das familias máis vellas de Alemaña. As súas afinidades e o seu xeito de ver as cousas convérteos en amigos íntimos, pero cando Hitler chega ao poder, Konradin entra no exército nazi e Hans ten que marchar. Esta novela, publicada por ver primeira en 1971, converteuse rapidamente, sen ningún tipo de promoción, nun libro traducido e lido en todo o mundo.
Para quen queiran aproximarse un chisco máis á presenza das guerras na literatura infantil e xuvenil editouse unha antoloxía
Por último, Faktoria K de Libros ten entre os seus títulos, O neno do pixama a raias, de John Boyne para rapaces de doce anos en diante. Unha historia, en que o protagonista, Bruno, un neno de nove anos, se muda coa súa familia a unha casa xunto a unha cerca. Cercas como esa existen en moitos sitios do mundo, só desexamos que non te atopes nunca con unha.
Para os rapaces que queiran aproximarse un pouco máis ás guerras e a presenza delas na literatura infantil e xuvenil, en colaboración con Gálix e coa Xunta editouse unha antoloxía didáctica en Xerais coordinada por María Jesús Agra Pardiñas e Blanca-Ana Roig Rechou que leva por título A memoria das guerras na literatura infantil e xuvenil en lingua galega e que é un compendio de textos. O corpus seleccionado ten como elo unificador o galego, aínda que o orixinal fose escrito noutra lingua, organizándose arredor de cinco eidos temáticos: “campos de concentración e refuxiados”, “consecuencias directas ou indirectas das guerras e posguerras sobre a infancia e a mocidade”, “episodios bélicos do pasado descubertos por adolescentes”, “actuación da infancia e da adolescencia nos conflitos bélicos” e “os conflitos bélicos e posbélicos como pano de fondo”. Esta antoloxía, dirixida a un lectorado entre os dez anos e a fronteira entre a mocidade e a madureza, ten toda ela carácter narrativo, incluíndo textos de autores galegos.