Entre os múltiples agravios denunciados polos grupúsculos autodenominados bilingües figura, nun lugar destacado, a rotulación de espazos públicos, moi especialmente aqueles visitados por turistas, caso por exemplo de museos ou monumentos. A colocación de letreiros só en galego ou, por exemplo, en galego e inglés, adoita desatar a ira deste tipo de organizacións, xeralmente porque, ao seu xuízo, que o castelán non sexa preeminente na sinalización dificulta a estancia do turismo español que se achega a eses espazos. No entanto, os últimos datos a respecto dos motivos que traen o turismo a Galicia permitiría, cando menos, realizar unha reflexión sobre ese tipo de polémicas.
O Consello da Cultura Galega vén de presentar un estudo sobre o turismo cultural en Galicia no que un dato destaca sobre os demais: o turismo estranxeiro que visita o país por motivos culturais cuadriplica o español. A institución apóiase na información de tres enquisas: FAMILITUR, que mide os movementos turísticos dos españois, FRONTUR, sobre movementos turísticos nas fronteiras e EGATUR, centrada no gasto do turismo. Tras peneirar estes datos conclúe que durante 2012 chegaron a territorio galego unhas 953.000 persoas "atraídas pola cultura". Delas, 491.500 chegaron doutros puntos do Estado e 467.800, do resto do mundo. "Esta cifra significa que para o 52% dos turistas estranxeiros e o 12% dos españois a cultura foi un dos motivos principais polos que se achegaron aquí".
Máis da metade do turismo estranxeiro chega a territorio galego atraído pola cultura
Ao turista estranxeiro interésalle maioritariamente a cultura galega e, ademais, gasta máis que na media do Estado. Estes visitantes deixan en Galicia unha media de 1.262 euros, 192 máis que no conxunto do territorio estatal. Isto, destaca o CCG, "supón o 77,7% do gasto total en viaxes" que realizan ao longo do ano". Isto fai que Galicia sexa a sétima comunidade en gasto cultural dos turistas estranxeiros, se ben é "significativa" a diferenza coas seis primeiras, Catalunya, Andalucía, Baleares, Madrid, Canarias e Valencia.
Galicia é a sexta autonomía que recibe máis visitantes españois por motivos culturais
No que atinxe ao turismo español, Galicia é a sexta autonomía que recibe máis visitantes por motivos culturais, por tras de Andalucía, Castilla y León, Catalunya, Madrid e Castilla-La Mancha. No referido ao gasto o país ocupa a quinta posición, cun gasto por viaxe que chegou aos 301 euros en 2012. Isto supón unha caída importante a respecto do ano 2010, o último Xacobeo, cando o gasto dos turistas culturais que se achegaron a Galicia só estivo por tras dos que elixiron Andalucía e Catalunya.
E, como nos comportamos as galegas e os galegos? Case o 13% das viaxes que realizamos por "ocio, recreo ou vacacións" tivo en 2012 a cultura entre os seus motivos, o que supón a peor cifra dos últimos seis anos e está lonxe do mellor ano neste ámbito, o 2008, cando case a quinta parte dos desprazamentos vacacionais foron tamén culturais. Esta baixada das viaxes implica tamén unha mingua no gasto, de xeito que o 29,5% dos cartos destinados a viaxes de lecer foron investidos en cultura, uns 382 euros por viaxe.