Antoni Marí é un dos máis brillantes poetas en lingua catalá das últimas décadas. Catedrático de Teoría da Arte na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, a súa vida transcorre entre esta cidade e a súa Eivisa natal, á que regresa a cada canto para atopar alí o tempo para pensar, para calar e divagar, para non facer nada e facelo todo, ese milagre que o silencio e a soidade daquela marabillosa illa lle proporcionan, segundo propia confesión.
Dese nutricio humus eivisenco agroman os seus múltiples ensaios, os seus volumes de relato pero, sobre todo, nesa raizame enxerta a súa vizosa obra poética, da que arborizaron ponlas ben frondosas. Tres delas —El Preludi (1979), Un viatge d’hivern (1989) e mais El desert (1997)— foron reunidas polo poeta no volume Tríptic des Jondal (2003), o mesmo que agora publica baixo o título Tríptico a editorial Kalandraka.
Tríptico foi vertido ao galego polo tamén poeta Xavier Rodríguez Baixeras, probablemente o mellor tradutor desa lingua entre nós
Tríptico foi vertido ao galego polo tamén poeta Xavier Rodríguez Baixeras, probablemente o mellor tradutor desa lingua entre nós, pois é ampla no tempo e numerosa nos froitos a súa dedicación a este eido. Por tanto, o traslado fiel da poética de Marí á lingua nosa non só está asegurado, senón que constitúe todo un exemplo de exquisitez tradutora ao alcance de moi poucos, porque non son tantos os que posúen o fino oído, a sensibilidade de poeta e a habelencia filolóxica para producir tan notorios resultados.
Os tres poemarios de Marí ábrennos ao mundo íntimo do escritor, ao máis característico dos seus días e os seus traballos. É o espazo privilexiado da súa terra eivisenca o que zumega tras cada liña versal. Así, as paisaxes, pero tamén as vivencias, dese territorio da memoria e o presente son vivenciados nas composicións, por veces viradas á infancia fuxidía, outras á mocidade que esvaeceu e, as máis das ocasións, a un hoxe que abala entre emocións de visión estética.
Todo nestas páxinas se converte nunha procura incesante, nun querer saber que é motor da indagación lírica, que desconfía da aparencia e as súas ocultacións e se verte nunha pintura de epifanías. Unha escrita na que se cumpre o que o poeta anunciou algunha vez: “en la voluntad formalizadora es fundamental ser esencial, íntimo y reductivo”, o que leva este Tríptico polos vieiros da poesía reflexiva ou a filosofía lírica, pois en Marí a substantia literaria acomoda multiforme.
Quen percorra estes poemas —longos, discursivos, ás veces con metro e rima, mais maioritariamente versolibristas— descubrirá pronto a autenticidade dun canto que explora a existencia, o ser e a súa circunstancia, que inquire polas razóns últimas e sabe da ledicia do miúdo. Un poeta, en fin, ao que nada lle é alleo porque a fluencia da vida o atravesa e deita, caudal, no verso.
Tríptico é “unha chuvia de sombras instalándose/, a deter os camiños e as comarcas,/ os contornos inmóbiles do espello”. Eses espectros tan familiares cos que convivimos, os que nos recordan que “todos os afáns son único afán/ e as memorias unha soa e única memoria./ Un só desfalecer e un único desexo”.
Porque, no fondo, a comunidade que nos fraterna é tan idéntica que a experiencia persoal non é senón unha irisación fractal máis da propia vivencia compartida: “Todo é un. Todo/ a mesma cousa, pensas./ Só a aparencia é mudábel./ A noite é a mesma e tamén/ o instante feble en que renace o coñecemento dos nomes,/ o coñecemento da palabra e a luz”. Xustamente por iso, pola súa esencial identidade xemelar co que cada un de nós vimos sendo, os versos de Marí son unha revelación, en non poucos sentidos cósmica, e sempre telúrica, matérica e transcendente: “esta escuridade/ que fai da alma unha profunda fonte/ onde todo, alá no fondo, se mestura:/ así, a materia e a substancia, a suor/ da terra e da vida, o recendo/ húmido da morte, a turbulencia/ da podremia, o rigor/ mineral do infinito”.
Achegarse á librería e facerse con este Tríptico de Antoni Marí será o mellor sinal de que seguimos habendo lector@s neste Finisterrae para os que a alta poesía importa
Neste tempos nos que tantas coleccións de poesía morren por inanición, ben está que ti, amig@ lector@, mon semblable, tomes conciencia do valor de manter a flote unha colección como Tambo da viguesa Kalandraka, quen con apenas unha terna de títulos tennos aberto un mundo creativo con voces maiores de noso (velaí os poemas de Manuel Álvarez Torneiro) e de alén (caso da excelente antoloxía Sete poetas vascos), aos que agora se suma esta memorable tradución de Xavier Rodríguez Baixeras dun dos poetas referenciais dunha literatura irmá como é a catalá. Achegarse á librería e facerse con este Tríptico de Antoni Marí (que mesmo agocha tesouros secretos como os deseños de Anxo Pastor, que tan ben acaen a esta deliciosa edición, impecable na súa materialidade) será o mellor sinal de que seguimos habendo lector@s neste Finisterrae para os que a alta poesía importa.