Tiki Gelana, gañadora da medalla de ouro de maratón nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, é o punto de partida na construcción desta nova novela para mozas que asina María Reimóndez (Lugo, 1975). Así, os éxitos deportivos e algúns trazos biográficos da protagonista, Genet, terán concomitancias coa historia da propia Gelana, nun libro que é, non obstante, ficcional.
As mulleres da aldea emigran cos seus fillos á cidade de Addis Abeba despois dunha seca extrema. Genet, na primeira nenez, faino da man de súa nai, Toiba. A negativa da nai de acudir á mendicidade e a súa teimosía por atopar medios de subsistencia a través da propia forza de traballo, en contraste con outras das mulleres desprazadas, anticipa algunhas das que serán as claves da loita de ambas. Ofrécese aquí un modelo feminino de superación de adversidades deportivas e humanas, dentro dun mundo de obstáculos insuperables e riscos acuciantes que a protagonista e a súa nai solventan de xeito áxil, o que provoca, en ocasións, certa febleza na verosimilitude do libro.
Ofrécese aquí un modelo feminino de superación de adversidades deportivas e humanas
Genet comeza a traballar desde a nenez na venda ambulante, correndo dun lado a outro como única forma de desprazarse. Nesta circunstancia é vista por Abebe, médico deportivo relacionado coa federación de atletismo, quen a insta a adestrarse e á competición. O empeño da nai, quen logra traballar como empregada doméstica, é a clave do éxito de Genet. É a nai, ao meu ver, o personaxe máis interesante do texto, e o que amalgama de xeito máis destacado os acertos da novela: a mirada non mitificadora sobre a situación de miseria como exotismo, sen renunciar ao desenvolvemento das claves culturais identitarias dos personaxes. A preparación minuciosa do café antes da primeira visita de Abebe é unha pasaxe que dá conta deste pulso narrativo, así como as accións que se desencadean a partir deste encontro. A magnitude do empeño e dos sacrificios de Toiba, quen lle descubre a Abebe que Genet é en realidade unha nena, e non un neno, así como a loita da protagonista, conducirán sen tropezos narrativos á lectora ata o cumio do percorrido deportivo de Genet.
Escrita cunha prosa limpa e precisa, esta novela abre, malia a súa brevidade, unha xanela que nos aproxima aos lugares menos luminosos que se agochan por debaixo da foto finish. Se cadra botamos en falta unha escala de grises dentro da construcción ética dos personaxes principais, o que non impide que sexa este un libro de grande interese para quen disfrute de ler as historias habitualmente non contadas.