De libros: Eloxio da novela breve

Novelas breves para comezar o ano CC-BY-SA Berta Dávila

Mentres algún lector continúa agardando pola gran novela galega, a pequena novela galega colle pulo. Ao meu ver, o mellor que se escribe nos últimos tempos non chega a ocupar duascentas páxinas, e o certo é que os escritores que poñen empeño en tachar e esencializar por vez de engadir, sumar e estirar convencen ás lectoras, propoñen narrativas estimulantes, comparten andel sen remorsos con volumes máis pesados, acadan premios e bailan libres. 

Mentres algún lector continúa agardando pola gran novela galega, a pequena novela galega colle pulo

Non quere dicir isto, madia leva, que quen escribe novelas das que se dan en chamar "de longo alento" non corrixa, nin que non se escribisen nos últimos tempos obras notables que o son en peso e en calidade literaria por igual. Nisto do tamaño hai de todo en todas as tallas. Mais é certo que nun contexto no que aínda abonda a tendencia a medir a excelencia a vulto, cómpre reivindicarlle o valor a quen se move no rexistro curto e emprende a tarefa de construír un mundo de entidades escollidas ao milímetro, no que non hai espazo para camiños equivocados ou obxectos prescindibles, coma quen trata de amoblar unha bufarda e convertela nun espazo exquisito: se todo está cerca e diante dos ollos, todo o que hai debe ser necesario e fermoso no sentido máis puro, e o que non o é simplemente non debe estar. 

Os froitos valiosos que viron a luz no último ano dentro do noso sistema literario xustifican escribir unha louvanza do breve.

Emma Pedreira © X.M. Xespi

Os froitos valiosos que viron a luz no último ano xustifican escribir unha louvanza do breve

Un deles é Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, que acadou o Premio Xerais con este libro curto en extensión e de prosa medida, profundamente fragmentario en segmentos que poderían ser pezas case autónomas. Chega despois de Bibliópatas e fobólogos, galardoado co Premio da Crítica española, tamén un libro de curto formato e inusual no estilo. Ambos confirman a Pedreira como unha das narradoras máis salientables do panorama actual, sen ter escrito ningún libro extenso.

A carta da fragmentación e da narrativa como crebacabezas aparece tamén na novela Extraordinario, coa que Antón Lopo vén de gañar o Premio Repsol de Narrativa Breve (un dos poucos premios de novela que admiten pequenas extensións). Nela, un conxunto de pezas narrativas de diferente tamaño reconstrúen un universo infindo de relacións rotas e personaxes que tocan fondo, porque é un libro que fala, deste o pequeno, de todo o grande e dos misterios máis profundos do humano, na enfermidade e no amor

Inclúan algún destes libros na súa carta de reis ou agasallen novela breve a calquera lectora. E, sobre todo, abandonen os prexuízos e gocen da lectura en curto

Michigan, acaso Michigan, de Antón Reixa, Tres pintores, de Cid Cabido, Principio de incerteza, de Pilar Ortega e Non o saben as estrelas de Diego Alfonsín, acoden a contextos tamén frecuentes na novela breve: a narración dunha pequena parte dentro de vidas singulares, é dicir, a posta sobre o mantel do detalle, o relato dun feito concreto e inusual da propia experiencia, e a pequena historia que merece ser contada fóra do rexistro do conto, porque é un universo en si.

Inclúan algún destes libros na súa carta de reis ou agasallen novela breve a calquera lectora. E, sobre todo, abandonen os prexuízos e gocen da lectura en curto, pode ser alta literatura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.