De libros: Un feixe de novidades para non perder ou WishList de nadal

Cubertas de poemarios para o nadal CC-BY-SA Berta Dávila

Chega decembro e con el a colleita de novidades literarias de final de ano, os propósitos para o que está por vir, as luces de nadal, o frío, e a lista de agasallos para os beloved ones e para unha mesma. Debería chegar tamén este mes de decembro acompañado dun cestiño xeitoso no que gardar as prendas desexadas que nos trae o mundo do libro galego, que son moitas e ben nutritivas. Hoxe falamos de libros que paga a pena agasallar estas festas e, en concreto, de libros de poemas para todo tipo de lectora e para calquera idade. Porque a poesía é para compartila, para envolvela cun papel fermoso, poñerlle un lazo, deixala debaixo da árbore de nadal e quedar como un rei (mago). Velaquí a miña lista de desexos para o nadal.

A poesía é para compartila, para envolvela cun papel fermoso, poñerlle un lazo, deixala debaixo da árbore de nadal e quedar como un rei (mago)

Comezamos a acostumarnos a agardar con devezo e expectación as novidades secretas de Apiario. Desta volta cómpre reparar en dous poemarios co selo desta casa, o longamente agardado primeiro libro da poeta coruñesa Lucía Aldao, Todo isto antes era noite, e o poemario A cama de meu avó Manuel Sanmartín Méndez de Celso Fernández Sanmartín. Os dous pagan moito a pena, mais a primeira edición deste primeiro libro de Aldao despois de vinte anos na escena poética haberá de converterse nun obxecto de colección. Tamén na lista de libros de poemas paga a pena incluír o volume O puño e a letra, de Yolanda Castaño, primeiro exemplo de cómic poético no que diferentes ilustradores, debuxantes e artistas interpretan en clave de banda deseñada corenta poemas da autora, de novo na vangarda.

Yolanda Castaño presenta 'O puño e a letra' © Alberto Pombo

Reparen tamén edición especial de Paseniño, paseniño, de Antonio García Teijeiro, que ilustra marabillosamente Marcos Viso

Reparen tamén edición especial de Paseniño, paseniño, de Antonio García Teijeiro, que ilustra marabillosamente Marcos Viso, e que haberá de encher a cabeza de poesía aos máis pequenos da casa, e levalos de paseo pola obra de Rosalía (a nosa, a que non lles cantaba ás pombas e ás flores). Para os mozos, leven Aplicación Instantánea, o poemario co que Carlos Negro ven de gañar o premio Jules Verne de literatura infantil e xuvenil deste ano.

Pecha o círculo da poesía A vida salvaxe, de Gonzalo Hermo, recentemente galardoado co premio Afundación, e Sardiña, primeiro poemario en galego de Miriam Reyes, que ven de editar Chan da pólvora. Para non perder.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.