Xerais acaba de reeditar, coincidindo co seu décimo quinto aniversario, o álbum ilustrado Paseniño, paseniño do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Antonio García Teijeiro, ilustrado por Marcos Viso. Esta reedición inclúe ademais un CD musical con poemas recitados polo autor producido por Javier Ruíz, no que participan, ademais do propio Ruíz, Isaac Vega, Roma Loera e Severo Munilla.
A importancia deste volume radica en que, ademais da súa delicadeza e calidade, foi un dos primeiros álbums ilustrados publicados na nosa terra. A primeira edición viu a luz da man de Everest Galicia no 2003 e formaba parte da Colección Rañaceos, ilustrado polo pai da ilustración galega Xosé Cobas. Aínda que a data de publicación sexa relativamente próxima a nós, a esa altura a produción de LIX comezaba a facerse un oco e, no caso do álbum ilustrado, tanto en Galiza coma no Estado, era moi escasa. Xunto con Bolboretas, de Xabier P. Docampo, editado no 2004, forma parte da vangarda e deses tesouros da nosa LIX. Para aquelas que conserven a primeira edición de Paseniño, paseniño, diremos que merece a pena facer a comparación, xa que máis ca un libro reeditado, este ofrece unha lectura nova dese texto dedicado a Rosalía de Castro.
Que supón a reedición deste libro?
Antonio García Teijeiro: Foi unha aposta persoal, actualizada por Marcos Viso, e que posúe unha visión actualizada e suxestiva, acompañada por música feita ad hoc e pola voz do poeta. Aínda que o primeiro volume resistiu perfectamente o paso do tempo e aguantou moi ben tamén o traballo exquisito de Xosé Cobas, a proposta de Xerais, ofrece un formato actualizado, moi coidado e editado e, así mesmo, unha lectura distinta.
Marcos Viso: Por suposto, eu coñecía xa o volume, xa que forma parte deses álbums especiais vangardistas da nosa LIX, editado ao coidado de Irene Penas Murias de Everest Galicia e ilustrado por un referente como é Xosé Cobas. O feito de que Antonio García Teijeiro confiase en min supuxo unha sorpresa e unha responsabilidade, pola aposta do poeta e pola lectura que fixo del Cobas. A miña proposta desde o principio foi a de ofrecer unha visión distinta, desvinculándome e evitando as comparacións. A proposta de Cobas segue a ser sublime.
O libro é unha homenaxe a Rosalía de Castro. Como é esa nova visión, que ofrece o álbum?
"Todos os poemas parten dun diálogo con Rosalía, do rastro das pegadas que deitou sobre as palabras, sobre a natureza e sobre o amor"
Antonio García Teijeiro: Paseniño, paseniño é un volume ao que eu lle teño un agarimo especial. Trátase dun camiño cara a Rosalía. Todos os poemas parten dun diálogo con ela, coa súa lírica. O rastro das pegadas que Rosalía de Castro deitou sobre as palabras, sobre a natureza e sobre o amor. Marcos Viso crea un todo dentro de cada ilustración que me parece fantástico, déixase guiar por elementos do texto e fainos moi seus e, a partir de aí, desde as súas ilustracións, poderíase facer incluso outro texto. Non tiven dúbidas en absoluto en que tiña que ilustralo Marcos e tampouco en confiar en Xerais para facelo, xa que esta editorial apostou por un formato de calidade. Un valor engadido desta nova proposta é tamén a música, que flúe canda a voz do poeta e transmite sensacións, acompaña o camiño, é atemporal e sensitiva, e dálle profundidade ao texto e á ilustración.
Marcos Viso: Desde o principio tanto Antonio García Teijeiro como a editora Helena Pérez, de Xerais, e eu tiñamos moi claro que a proposta tiña que ser elegante. A presenza da cor, de pouca cor, desa cor salmón nas letras iniciais, das texturas, eses pequenos detalles que poñen os ollos sobre a ilustración son o fío condutor. O traballo de Cobas era moi emocional, de percepción sen elementos figurativos, atmosférico. O meu traballo parte dunha concepción máis concreta da realidade, a partir do texto, das pegadas de Rosalía. Nas miñas ilustracións hai un xogo, un diálogo, un gato que miaña con dúas caras por poñer un exemplo, unha contradición que camiña cara á abstracción, cara ao que sente o lector, aberta á interpretación. No álbum, a presenza das iniciais da propia Rosalía complementan unha proposta cohesionada e que invita á lectura. As letras son un elemento que aglutina.