Pilar Pereira recibirá o premio de honra Marisa Soto 2013

Pilar Pereira Dominio Público Praza Pública

Pilar Pereira recibirá o Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o próximo 27 de marzo durante a cerimonia dos Premios María Casares. Con esta distinción, o gremio recoñece a longa traxectoria profesional dunha intérprete que, ao longo de sesenta anos, traballou sobre os escenarios de Galicia, España, Francia, Bélxica e América Latina.

Pereira unirase, deste xeito, á nómina de profesionais e colectivos teatrais que recibiron dita mención dende a súa creación en 1997. Nesta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Xan Cejudo, Dorotea Bárcena, Maruxa Villanueva, a xornalista Ana Romaní, Luís Álvarez Pousa, Manuel Lourenzo ou a desaparecida Sala Nasa.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia creou o Premio de Honra Marisa Soto hai xa dezaseis anos co obxectivo de distinguir a dedicación e a carreira de persoeiros ou colectivos que, ao longo da súa vida, afondaron na dignificación do sector escénico en Galicia e a súa profesionalización. O galardón, dende o seu nacemento, entrégase na cerimonia dos Premios María Casares que, neste 2013, acada a súa 17ª edición e que se celebrará o 27 de marzo na Coruña, coincidindo co Día Mundial do Teatro.

Os premios do teatro galego contan coa colaboración de diversas institucións e entidades que, co seu apoio, amosan a relevancia cultural e social que o teatro posúe no noso país. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Fundación AISGE, GADISA ou a Fundación Autor (SGAE) son algúns dos patrocinadores dos María Casares.

Pilar Pereira Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.