Plastic Dolls Show, unha estimulante novidade no teatro galego

Portada do libro © Olivia Pena, Ed. Laiovento

Elsinor Paradise é un cabaret decadente, unha penumbra que a duras penas permite adiviñar o seu pasado esplendor. Por ese territorio, escuro e subterráneo,  desfila unha corte de personaxes cun destino común, feito dun misto de fracaso, lucidez, amargura, saudade e loucura.

A historia, cativante desde o comezo, ten unha estrutura coral, mais nela destacan notadamente as personaxes femininas: sobre todas elas, unha Inés que todas as noites se transveste de Juliette e que progresivamente se metamorfosea nela até ambas se confundiren, e unha Cassandra que representa a única raxada de luz que brilla nun final predominantemente tráxico.

As pulsións que articulan a trama son fundamentalmente dúas: o xordo clamor das personaxes femininas por se libertaren das ataduras aos diversos mundos en que cada unha delas está instalada; e a escolla que cada unha delas debe realizar para atinxir ese estado de liberdade

Estruturada case exclusivamente a partir de sucesivos –e case sempre breves– diálogos entre dúas personaxes, mais tamén cunha importante participación de diferentes formas contemporáneas do coro, as pulsións que articulan a trama son fundamentalmente dúas: o xordo clamor das personaxes femininas por se libertaren das ataduras aos diversos mundos en que cada unha delas está instalada, que conflúen no cabaret como única xeografía compartida posible, a medio camiño entre o mundo físico e o plano puramente afectivo; e a escolla que cada unha delas debe realizar para atinxir ese estado de liberdade, sexa a través de Thanatos ou de Eros.

De feito, diríase que estamos perante unha soa muller, unha muller múltipla que se desdobra en varias para poder expresar e encarar os seus desafíos, incertezas, angustias e desexos. Pola súa vez, as personaxes masculinas –como se pode observar nos fragmentos que ofrecemos– cumpren unha función de interlocutores necesarios para cada unha das mulleres da trama afirmaren o rumbo que finalmente tomarán. Ao fondo delas e deles, asistimos á ollada das bonecas Blythe que dan título á obra e que tamén protagonizan unha das súas escenas, mais que están presentes desde o comezo como un prenuncio tráxico.

A peza está recheada de referencias culturais diversas, que abranxen desde clásicos da literatura universal até citas da música pop

A peza está recheada de referencias culturais diversas, que abranxen desde unha ben traballada intertextualidade con clásicos da literatura universal (Homero, Shakespeare, Joyce…) claramente visible no elenco de personaxes, mais que tamén se infiltra sutilmente ao longo do texto; até citas da música pop (Björk, Rolling, Extremoduro, Bebe…) salferidas aquí e acolá.

En definitiva, estamos ante unha peza que –non sendo exactamente unha opera prima, pois Olivia Pena xa posúe unha importante obra publicada– constitúe unha magnífica novidade no panorama teatral galego e pode ser o primeiro elo dunha carreira dramatúrxica que se vislumbra apaixonante.

Portada do libro © Olivia Pena, Ed. Laiovento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.